Tuesday, May 31, 2005

Un poeta contemporáneo

Quen dixo que as letras da música POP/ROCK (son incapaz de reproducir ó idioma de Pérez Varela estas palabras) eran conachadas posiblemente contara con toda a razón do mundo. Dende os máis grandes coma os Beatles ("Ela quéreme, ela quéreme. ¡Si!"/"Vivimos no submarino marelo") ata os máis excéntricos coma O-Zone ("Amor baixo os tilos/Dragostea din Tei") ou Demi Roussos ("Triki, triki, triki"). Nada que ver coas letras dos tangos de Gardel como Volver (Sentir/que es un soplo la vida/que/veinte años no es nada/que febril la mirada/errante en las sombras/te busca y te nombra)
Sen embargo sempre hai excepcións. E non falo de Bob Dylan ou de Leonard Cohen. Jarvis Cooker, cantante de Pulp, merece entrar no noso parnaso. Aquí vai a letra, traducida daquela maneira, dunha das súas cancións máis coñecidas: Common People. Tedes máis letras aquí


Ela veu de Grecia, ela tiña sede de saber
Estudiou escultura na universidade de Saint Martin, aí foi onde a encontrei.
Contoume que o seu pai estaba forrado
Dixen que nese caso pediría ron con coca-cola
Ela dixo "ben" a 30 segundos despois contoume que quería vivir coma a xente do común
"Eu quero facer o que sexa que fai a xente normal, quero durmir coa xente normal
Quero durmir con xente coma ti"
Que podía facer? Dixenlle "Verei que podo facer"
Leveina a un supermercado
Non sei por qué pero había que empezar nalgures, así que empezamos alí
Dixenlle que aparentase non ter cartos, ela simplemente riuse e dixo "es moi gracioso"
Eu dixen: ah si? Non vexo a ninguén máis ríndose aquí
Estás segura de querer vivir coma a xente normal?
Queres ver o que a xente normal ve?
Queres durmir coa xente normal?
Queres durmir coa xente normal coma min?
Pero ela non entendía, limitouse a sorrir e colleu a miña man.
"Alquila un piso sobre unha tenda, córtate o pelo e consegue un trabllo
Fuma pitillos e xoga ó billar, faille crer a xente que non foches a escola
E aínda así non o conseguirías
Porque cando estés tirada na cama pola nite mirando ás cascudas rubir pola parede
Se chamas ó teu papi el pararao todo.
Nunca vivirás coma a xente normal.
Nunca farás o que fai a xente normal
Nunca fallarás coma a xente normal
Nunca perderás de vista a túa vida, e bailarás e beberás e follarás
Porque non haberá máis que facer
Canta coa xente normal, canta con eles e ó mellor faise realidade
Ri coa xente normal
Ri con eles aínda que eles se rían de ti e das parvadas que fas.
Por pensar que ser pobre está guay.
Quero vivir coa xente normal...

Monday, May 30, 2005

Un destino manifesto

Dise que Internet é o motor máis grande da historia no que difusión de coñecemento se refire. Eu corrixo a frase: Internete é o máis grande difusor de ideas da historia e algunhas desas ideas, incluso, poden milloralo. Pero non nos enganemos. A maioría das ideas que temos ó longo do día son banais, superficiais e outras superfluas... ¿Como explicar senón os entrementos bacuos que nos ofrece a rede? O último co que perdín o tempo é un programa de Excel que segundo o teu nome e primeiro apelido adeviña a túa profesión. Esta é a lista dos meus comentaristas habituais e coñecidos (xa empezo a ser endogámico coma a UPG):
O Nadador: Tirano
Aquí: Espiritista
Choqueiro: Drag Queen
Emereci: Analista Informática
Sálvora: Físico Nuclear
Un amigo meu saíu cantante de ópera e outro directivo de multinacional, un compañeiro de traballo ciclista, un poeta pedante da facultade de filoloxía bailarín gay, un exprofesor meu que foi bailarín gay co nome en galego sae como barman e en español especialista en xeratría, os meus compañeiros de piso carteiro e pintor de brocha gorda, os meus pais (na realidade profesores) pintora de brocha gorda ou estafador (ou banqueiro), os meus irmáns secretaria e gigoló.
Personaxes da nosa realidade galega:
Fraga: Espía, Pita: Camioneiro, Pérez Varela: Astrólogo, Cuiña: Presidente (xúrovos que non mo invento é o que sae no programa), Touriño: Taxidermista, Beiras: Varrendeiro, Quintana: home obxecto (que non me invento nada), Ana Kiro: garda de prisións, Gayoso: enfermeiro, Piñeiro: Perruqueiro...
Como vedes o éxito cos peperos é grande. Case poético. Á pregunta de se me sinto identificado co meu destino debo dicir que SI. De feito preocupame o cruel e pouco compasivo que me estou a volver cos demais. Nunca fun demasiado piadoso comigo mesmo e isto, inevitablemente, vaise estendendo ós demais. Prometo intentar mellorar niso. Por certo comparto profesión co cantante de Pulp.
Outra cousa que me chamou a atención é o excéntrico, ou mellor dito, o chamativo e identificable das profesións. Todos estamos arrodeados de persoas que traballan nalgo que non poden definir cunha palabra. A ficción industrial deformou a nosa percepción do mundo laboral. Por iso hai tantos alumnos en xornalismo e tan poucos en técnico de frío. Cando Cruise interprete a un tío que amaña conxeladores xa veremos QUE pasa.
Antes, como diría o Choqueiro, na aldea cadaquén tiña unha identidade moi definida pola súa profesión: o zapateiro, o muiñeiro, o carpinteiro... Agora cadaquén pode ter mil profesións a cada cal máis complexa e inútil. Antes o traballo dun producía obxectos intanxibles. Agora qué produce: a súa propia pegada.

Mal gusto

A aberración que vedes en pantalla está extraída dunha web que contén un museo das peores portadas da historia. Esta ocupa o Ranking nº2 pero para min é imbatible.


O Mal Gusto... Algo difícil de definir pero, polo visto, fácil de identificar. Non comparto a miña propia afirmación (si, xa a fixen adrede para contradicirme)o mal gusto, a pesar dos Ratzingers é relativo. Incluso diría máis, soe haber máis unanimidade ó redor do bo que do malo. Se fago unha enquisa, de feito gustaríame que me contestásedes, sobre as vosas películas, libros e discos favoritos habería un abano amplo e reducido de artistas. De feito, a xente soe, por espírito tribal, posuír as mesmas referencias culturais positivas pero a falta dun canón sobre o negativo fai que non saibamos cál é o mal gusto.

Todo depende tamén dos niveis de decodificación de cada un. O pai dun amigo meu sempre que ía ó Videoclube alugaba unha película e "Banana Joe". A el non lle gustaban as películas que collía ó seu fillo (cine independiente, europeo) pero ó seu fillo si Banana Joe, máis que nada por que era un filme sen complexos. É dicir, a (verdadeiramente) mala literatura, o mal cine, a mala música está enchoupada de amor cara a arte. Tamén nelas están as bases, o esquelete dunha arte, a mellor maneira de rastrear as pegadas dun xenio. Nas obras moi formalistas a min fáltame amor, paixón é todo tan calculado, no fondo, xa visto. A orixinalidade, a voz propia, non pode saír do virtuosismo. Dicía un premio nobel de mediciña que os seus maiores descubrimentos, e en xeral na historia da ciencia, foron realizados cando el era un ignorante con ganas de comer o mundo. A ignorancia é a nai dos grandes artistas. Estes frikis, penso, cando menos non se arredaron en medos e prexuizos á hora de saltar á area a pesar (estou seguro) da oposición de tódolos seus seres queridos. Prefiroos ó meu carón antes de que a todos eses monarcas de Parnaso Baixo que abundan nos círculos culturais e que se adican a presumir de ser choscos perante un grupo de cegos. Por iso, e por outras moitas cousas Ed Wood é unha película que sempre me emocionará.

Predicarei co exemplo:
Peor película: Non sei o nome, unha película de zombis que vin unha vez con 14 anos. A carne humana tiña tanta pinta de estar sacada da carnicería...
Peor libro: Non era un libro coma tal, era un conto que me pasou un compañeiro en COU que ía sobre un asasino que usaba un garfo e misturaba en partes iguais psicópatas, vampiros, satanismo, heavy metal... (se tivese que dicir o libro máis aburrido que lin "El Dia de la Independencia" de Richard Ford)
Peor disco: Cañita Brava, sen dúbida...

Sunday, May 29, 2005

A prensa canalla

Ás veces teño que darlle moito ó miolo para ofrecervos un tema, para min, interesante neste espacio que o Noso Señor Google tivo a ben concederme. Doutras os temas caen nos meus brazos sen pretendelo. Velaquí tedes dúas noticias alucinantes da prensa galega:

A primeria vai sobre unha pilícula ou flim que realizou un guionista e director negro en EE UU. Podedes ver a noticia clickando aquí.
A outra jodeuma o puto programa. Non a penso reescribir. Estou de moi mala hostia. Son declaracións alucinantes de Fraga e os secuaces no Monte Faro. ¡Malditos ordenadores!

Friday, May 27, 2005

¿Botaremos de menos a tele?

Un estudio realizado a un grupo de mozos demostra que estes vense cada vez máis atraídos por internet, os videoxogos e os móbiles. En EEUU, un dos países onde Internet ten máis presencia, moitos adolscentes xa non ven a caixa tonta e prefiren os entornos dixitais. Din os sociólogos que por mor da maior interactividade, concede unha maior participación do usuario.
Finalmente conseguirase o que o 95% dos intelectuais e pedagogos do mundo pretendía: que non vexamos tanta televisión e, a poder ser, que tiremos con ela. Non deixan de ser estes novos sucubos imaxes en movemento nunha pantalla, tampouco se gañou tanto. Os quinceañeiros teñen en internet acceso fácil a Kant e a Vivaldi pero prefiren a Ana Kournikova e a Andy e Lucas (é certo, teño unha visión terrible da pubertade) e moitos nenos fanse enseguida mensaxes de móbil do tipo: "Ola estou aquí e non teño nada que dicir" ademais de ser precisos 9 sms para o que antes só facía falta unha frase (Exemplo: quedamos alí as 9) .
Teño que dicilo ou rebento: en certa maneira amo a tele. Para min é un membro da miña familia a pesar do vomitivo do 90% da súa programación. Algúns programas son para min o equivalente á bolería caseira para Marcel Proust. Se a tele dexenerou os seus contidos deberíamos pensar que nós dexeneramos con ela. É, sen dúbida, a arma comunicativa máis forte da historia (os libros non chegaron a todos aínda, a ver que pasa con internet) e se houbo un uso neglixente deles sería por culpa dos capitáns e non do barco.
Preocupame, en parte, a sustitución da tele coma raíña dos nosos fogares. A principal razón da miña inquedanza é que a tele é un elemento que unifica unha sociedade. A primeira vista os amantes da vosa individualidade reprocharédesme que ese pode ser o aspecto máis pernicioso do aparello. Pero imaxinade o seguinte: unha sociedade na que as persoas interesadas en A non se relacionan coas persoas interesadas en B. Teñen os seus propios chat, webs... Pequenas comunas de inviduas interconectados por un nodo só con tres ou catro individuos do seu entorno. Unha sociedade en rede. Dádelle á rede a connotación que queirades.

Thursday, May 26, 2005

As marabillas da tecnoloxía

Tamos de noraboa. Un novo trebello dotaranos dunha maior velocidade mecanográfica. ¿Guantes especiais? ¿Implantes neuronais? ¿Conexión entre humano e máquina? Fríos coma témpanos. Lede:



El teclado entrenador


MADRID.- Si algún usuario ha querido siempre convertirse en el hombre más rápido a manos de su teclado, ya tiene la solución, Das Keyboard
, un teclado de 104 teclas totalmente limpias. Sí, totalmente limpias. Ninguna de las teclas lleva pintada la letra correspondiente, y eso obliga a los usuarios a memorizar las posiciones dominantes, lo que aumenta su velocidad de tecleo.
Según la propia compañía, esto permite que los usuarios más inexpertos mecanografíen dos veces más rápido que antes, y los más veloces en el 'arte de la tecla' lleguen a superar todos sus límites.
Pero Das Keyboard
añade una ventaja que no incorporan otros teclados: no es necesaria la misma fuerza para teclear unas letras y otras. Aquellas que están colocadas en los extremos del teclado necesitan menos fuerza que las teclas centradas. De esta forma, el usuario necesitaría menos fuerza para teclear la Z que la G.
Además es compatible con los tres sistemas operativos,
Windows, Linux y MacOS X. La compañía ofrece la posibilidad de devolver el producto si el usuario no está satisfecho en un periodo de tiempo de 30 días tras la compra, y con una garantía de un año.

Outro dato para a estupefacción: o invento non é galego. Finalmente as plegarias de aqueles que pedían un teclado no que se precise menos forza para teclear a Z que "intro" foron atendidas. Ademais dálles á razón ós verdadeiros ideólogos galegos ( Josep Cuíña: "Galicia naceu ó redor dun cocido". ) no desprezo do coñecemento, a ciencia e a investigación. Só un imperio glorioso coma o americano e un cidadán alemán poden producir un trebello así sen levar un pauazo.
O xenio chamado Daniel Guermeur afirma que facer marketing cun teclado normal pode ser moi aburrido pero con este non. Nun arrebato de inspiración o nome do teclado , Das Keyboard (que significa O Teclado en alemán), veulle, según declara, de maneira natural. (E pensar que Flaubert se pechou 30 anos na casa para escribir a súa obra...!)
Rematamos cunha cita extraída da súa web: " Este teclado colocoume no cumio do cretinismo. ¡A parte boa é que escribo máis rápido e seguro!"

Fútbol é fútbol, vida é vida


Son consciente da animadversión cara o fútbol que mantedes moitos dos meus lectores (deixemos o /as para os manifestos do Partido Popular) pero a épica victoria do Liverpool é a única alegría desta fatídica semana. O luns morreron, case ó unísono, unha das persoas que máis cariño profesaba por min e o meu móbil. Unha curiosa conxura de tecnoloxía e necroloxía. Pensei en facer unha elexía polo finado neste espacio. ¿Para que? Catarse, seguramente. Optei por seguir o consello de Horacio Quiroga e deixar morrer a vívida emoción para concederlle a cada sensación a palabra xusta, reservar a cada emoción o seu contenedor axeitado dentro da miña limitada habilidade literaria. O martes berreille desaforadamente á persoa á que llo debo todo e pola noite porteime coma un imbécil outra vez. (Perdón) Tamén redescubrín a ruindade dos meus superiores. Somos un pobo pataqueiro...
En definitiva, só a remontada do Liverpool me axudou. Creo que a grandeza do fútbol é a súa inxustiza. Unha acción concreta nun encontro bota a baixo en segundos o traballo dunha carreira deportaiva. As posibilidades son infinitas para o positivo e o negativo. Calqueira actividade ou obra humana que reproduza as indiosincrasias da existencia humana é atractiva, valiosa e achéganos ó inacadable coñecemento primordial. Os soberbios e ignorantes, AQUÍ e o Choqueiro saben de qué e de quén falo, que viven de costas á súa realidade, engaiolados pola súa propia cela de prexuízos e dogmatismo, nunca vibrarán cun partido de fútbol ou cunha ópera coma os humildes de espírito. Desculpade, é unha mala semana.

Tuesday, May 24, 2005

Reto choqueiro

Respondo ó meu amigo choqueiro e ó seu reto do anterior post:
Propóñoche nada-dor, que o próximo tema sexa, por enlasar con este, a monarquía, ou o tabaco nejro canario, o a odontolojía, que nas tres cousas hai máis coronas das que fan falta.

Había un chiste (brincadeira diría un do Bloko Nacionalista Galego) que bautizaba a Don Jaime de Marichalar como "O podólogo" por terlle quitado o callo ó Rei. Coma sabedes a podoloxía é unha rama da mediciña coma a odontoloxía. As diferencias son moitas e sinxelas de comprender incluso para min: cos pés non se come e coa boca si, hai dez dedas e moitos dentes, ós dentes non hai que cortalos periodicamente, meter o pé e meter o dente non son o mesmo... Hai estatísticas que reflicte que a maior parte dos fumadores de tabaco nejro canario teñen dentes e pés, velaquí a relación. Non me preocupa excesivamente a situación de apartheid do tabaco por ser negro e canario. Hai leis que o protexen e un entorno moito máis favorable á multiculturalidade nicotinaica. Saberedes xa, non vos deixedes enganar polos panfletos dos historiadores, que o gran motivo da 2ª Guerra Mundial foi a imposición do tabaco rubio ario á poboación e empregaron coma tapadeira o holocausto xudeu. A historia universal da infamia poderíase vender en fascículos diarios e non acabaríamos a colección.

Sunday, May 22, 2005

Temas inconsistentes

Meus amigos, hai temas que veñen a min mais son coma pequenas faíscas que se desfán no aire e non dou desenvolto un post con eles. Un deles é a estraña relación que José Coronado mantén coas mulleres que aparecen no seu anuncio. Sempre son dúas e sempre hai unha estraña impresión de que todo o que din ten unha connotación sexual (iso ou que eu son un pervertido). Ademais de anuncio en anuncio cambian, viven na súa casa (ou polo menos parecen estar moi cómodas nela) e levan unha vida zen ("bio", indo por tendas chic con chorradas innecesarias coma antigüedades ou así...). A biografía dun individuo normalmente permite corromper aínda máis a estable e aborrecida visión que podemos ter dun personaxe. Imaxinade, por exemplo, que ese bon vivant que se monta menage a trois pola mañá, vai facer jogging despois e cea nun restaurante vexetariano estivera liado cunha folclórica bisexual que vai casar cun político corrupto de ultradereita. Bendita realidade por salvarnos do tedio de Aquí no hay quien viva.

Thursday, May 19, 2005

Galicia é España e España é Galicia e Córdoba non é unha das dúas cousas

Non tiña previsto escribir nada cando un teletipo de última hora desfixo tódolos meus esquemas mentais.

Por otra parte, y preguntado por las declaraciones del presidente del PP, Mariano Rajoy, en las que sostenía que «España dejaría de ser España» si PSdeG y BNG lograsen alzarse con la Xunta tras las elecciones del 19 de junio, Fraga sentenció que «el señor Rajoy tiene razón».

Así, advirtió de esta cuestión «si se cumplen los planes que en este momento algunos están llevando a cabo», como los de «aceptar que los terroristas tengan la llave del Parlamento y del Gobierno en el País Vasco». «Esa España no es la que nosotros concebimos, la que quieren los españoles y la que se consiguió tras una admirable transición con una magnífica Constitución que ahora se pone en causa sin necesidad», alertó.

En referencia a la denuncia de Rajoy de que «se ha pasado de arrinconar a ETA a arrinconar al PP», Fraga aseguró que «desgraciadamente algo de eso hay». «Y esperemos que no siga», indicó el presidente.


A cita é da inefable Voz de Galicia, o noso medio de comunicación maís independiente, e mercenario. Unha análise lingüística, gracias Fina Díaz polas túas clases de sintaxe en 1º de BUP, esclarecerán este misterio.

Se Galicia foi de sempre unha comunidade arrinconada, con nula influencia na toma de decisións por qué un cambio de goberno suporía a desaparción de España. Unha primeira explicación, falsa e fantasiosa, diríanos que suporía un declinar definitivo da balanza a favor das malvadas forzas socialistas que encheran o país de constitucións e estatutos desmembradores de nacións e estados. Outra reflexión máis sensata levaríanos a pensar que, dada a fe a proba de bombas do galego no Partido Popular (corrupción xeralizada, candidato moribundo, vacas tolas, prestige, Xaime Pita...) un cambio político no noso país suporía unha fenda na realidade con efectos inesperados. É posible que o ceo caese sobre as nosas cabezas, os océanos se secasen, os teixugos se erguesen en armas e tomasen o mundo. Non é descartable, por tanto a desaparición de España. Tantos esforzos do independentismo galego e a resposta estaba no Bloque e no PSOE. Ironías.

Rap pedagóxico

A televisión para os parados é un achádego importante na nosa civilización. La aventura del saber é un programa que merecería un horario nocturno onde se fala un pouco de todo. A pesar do bo facer do espacio a alguén se lle ocorreu que a mellor maneira de rematar unha reportaxe incitadora da lectura que falaba de como os libros nos poden facer viaxar ( Por certo falaban dun autor francés do XVIII que fixera un libro de viaxes que transcorría no seu cuarto. Tiña dúas partes) era cun montón de persoas adultas, lectoras e sen aparentes deficiencias mentais vestidos de maneira ridícula rapeando un penoso discurso en favor da lectura.
A alguén se lle ocorreu que o rap era moderno. O rap é ó noso tempo como o nazismo ou o anarkismo foi a outras etapas. Poderíamos actualizar a Kant facendo que Mucho Muchacho disertase sobre o imperativo categórico. Se un turista Islandés non te entende ó indicarlle onde está a catedral encadea as sílabas con ritmas forzadas e entrecruza os teus brazos frenéticamente non haberá fallo. O rap é pedagóxico. É o que lle falta por facer ó noso Fhürer para que entendamos nós, os inadaptados, porque nos goberna con maiorías escandalosas dende hai 15 anos.
Palabras acumulamos/non mudamos/ como mucamos/ así nos espallamos./Rap pedagóxico/Algo paradóxico/Un tanto meteorolóxico/O seu afán diglósico/ Dime Manolo/non comas o Carolo/Estás feito un brezolo/ odontólogo...
(Vedes, se a mensaxe non ten sentido non por poñerse unha gorra ó revés te van a entender mellor...)

Wednesday, May 18, 2005

Satanismo

Ozzy Ousbourne e uns amigos bebían bourbon e invocaban a Satán nunha barriada obreira de Birmingham a principios dos anos 1.970. Daquela en Galicia Fraga non se presentara a unhas eleccións autonómicas e estaba de moda Juan Pardo e Manolo Escobar aínda que Risco, décadas antes, xa escribira dabondo sobre o diaño. Naquel ano o grupo Black Sabbath liderada polo mefistofélico Ozzy grava o seu primeiro disco. Os cánticos daquel anxo do Inferno de longas melenas acadou o que se deu en chamar no século XVII ton do diaño, un ton que foi prohibido no século XVII por diabólico. Anos despois os membros do grupo admitirían que compuxeron accidentalmente case toda a súa obra nesa escura tonalidade de maneira involuntaria. Non sabemos nin en que ton nin as intencións espirituais da música de Pardo e de Escobar (este último por outra parte un dos maiores coleccionistas privados de arte contemporáneo, o cal si resulta inquedante).



Dende aquela comezou unha teima pola unión do demo e rock and roll: Marilyn Manson, Nine Inch Nails, mile e un grupos heavys dos que non me acordo neste momento... A min, desde a miña perspectiva atea, sempre me deu moito máis respecto o demo ca Deus. Agora mesmo sinto unha estraña sensación na espalda e na gorxa. Michel Houllebecq explica moi ben en Las particulas elementales a relación entre Rock e Satán así como a súa derivación lóxica da época Hippie. (Sei que non é unha referencia moi do agrado de moitos pero foi o meu Buckowsky da universidade)
Satán nos invade. Está en Turín, cidade onde, oficialmente hai máis de 5.000 satanistas. Cada domingo, nas localidades dos afeccionados máis radicais do Torino atópanse galiñas sacrificadas de maneira ritual. Se tedes un Fiat, ademais de conducir con precaución, levade unha estampita co voso santo predilecto. O demo tamén está en Carnota. Alí hai frecuentes perturbacións do descanso dos mortos e pegadas de arcanos rituais. Está máis cerca de nós do que cremos.
Penso, a fin de contas, quen cre no Diaño cre en Deus e, en teoría, quen cre no mal cre no ben. Eu, da man coa miña época, creo no relativo e no caos. Vexo unha relación máis consistente entre o instintivo e polo tanto antisocial (o maligno) co máis racional e social (o divino). Xulgade vós que prima nos nosos tempos e como sería a vida se prevalecese o segundo. A loita entre o ying e o yang é un leit motiv universal.
Por outra banda, como xa saberedes, Ozzy neste século XXI expón a súa vida nun Realiy Show. Velaquí as verdadeiras lexións de Lucifer.

Tuesday, May 17, 2005

Un día para Galicia

Noraboas ós letristas galegos: hoxe é o voso día. Dicía a miña nai que había día da nai porque os outros 364 días do ano eran para os fillos. Tampouco hai día do rico, nin do orgullo heterosexual nin da raza branca. Si hai, sen embargo, día da hispanidade, para que os indíxenas sudamericanos e os descendentes de escravos africanos non se cansen de agradecernos o seu descubrimento, e 4 de xullo así que algún rosmón de por aí podería dicir que os ricos tamén van de troula e fachendean da súa felicidade. Deixémolo en que as festas que aluden a un concepto (día do Pai, día da Nai, día da Reciclaxe, día contra os Malos Tratos, día da Muller Traballadora...) son unha reivindicación dunha debilidade, dalgo que vai mal (ou que algúns din que vai mal porque non sei quen elixe eses días) e por iso atopo totalmente axeitado adicarlle un día ás letras galegas.
Pensei en rematar aquí o post pero quedarían por comentar os asuntos de rigor. ¿É bo ou malo que sexa festivo? É malo porque os profesores filonacionalistas pagados pola administración pública non poden sacar ós seus nenos con pancartas (sintoo pero vexoo así) e é bo porque nun dos enclaves industrializados onde menos se le no mundo e só se publica un 15% dos libros en galego (por non falar do que realmente le a xente que son os xornais, internet e os anuncios da televisión) ninguén sabería que hai letras galegas.

Monday, May 16, 2005

All apologies

Comecemos este escrito con nome de canción de Nirvana cunha noticia. Tede paciencia e lédea:

La revista estadounidense Newsweek publicó el 9 de mayo un reportaje en el que aseguraba que militares norteamericanos descubrieron en una investigación que en el campo de prisioneros en la base de Guantánamo (Cuba), se habría arrojado un ejemplar del Corán por el desagüe sanitario. Ahora, y tras las protestas por parte del Pentágono asegurando que no era cierto y las quejas de aglunos gobiernos de países musulmanes, el editor Mark Whitaker admite en un editorial que “lamentamos que parte de nuestra historia estuviera equivocada y hacemos llegar nuestra expresión de solidaridad a las víctimas de la violencia y a los soldados estadounidenses que sufrieron por esto”. La revista señaló que al verificar las informaciones con un alto oficial estadounidense que había recordado detalles del incidente, este dijo que ya no estaba seguro. La secretaria de Estado, Condoleezza Rice, condenó la profanación de textos sagrados. En el peor momento de las manifestaciones, varios países expresaron su preocupación y pidieron una investigación profunda y completa, que fue prometida por Washington. Newsweek dijo que cuando sus reporteros informaron al portavoz del Pentágono, Lawrence DiRita, sobre la respuesta de su fuente, DiRita tuvo un estallido de cólera: "Hay gente muerta por las declaraciones de este hijo de puta. ¿Cómo se le puede creer ahora?". El editor de la revista explicó que "aunque otras grandes publicaciones formularon acusaciones sobre profanación del Corán con base en declaraciones de los presos, creímos que nuestra historia era válida porque un funcionario del gobierno estadounidense nos dijo que los investigadores habían encontrado pruebas". Washington no negó abiertamente los incidentes sobre el Corán. Pero tras el estallido de las protestas en varios países, la secretaria de Estado, Condoleezza Rice, condenó la profanación de cualquier texto sagrado como "abominable" y prometió que habria castigos.

Non comprendo esa obsesión por ser tan escrupulósamente xustos cunha banda de saqueadores sen escrúpulos que, por pasiva e activa, mentiron, algo que eles mesmos admitiron. Lembrade as dimisións na BBC e a súa "presunta falta de credibilidade" ó igual que en moitos outros medios se tiveron que desculpar e Rumsfeld e De Palacio non deixaron de empregar unha linguaxe que faría palidecer a Amigo Goebbels. Fanme especial gracia cando afirman que esa noticia dun Corán navegando polo inodoro matou a soldados. Como se necesitasen máis motivos para os atentados en Irak, Ramala ou Afganistán!!! Eles teñen bloqueadas as cañerías con Cartas dos Dereitos Humanos.

Tópicos andalucistas

O Partido Andalucista vén de se queixar polo papel que os guionistas das mais brillantes series do noso país (Ana y los 7, Médico de Familia) outorgan un papel denigrante ós andaluces. Segundo esta formación as persoas desta comunidade son retratadas como incultos, vagos, dicharacheros. "Lo que preocupa no es el acento andaluz, sino la forma de hablar que los guionistas asignan a los personajes andaluces, incidiendo en un bajo nivel cultural y en continuas incorrecciones gramaticales con las que tratan de conseguir un gag humorístico basado en las faltas de los andaluces", declarou un dos seus representantes.
Os que me coñezan un pouco saberán que non aturo a maneira de falar dos andaluces. Principalmente porque non son capaces de executar tódolos fonemas dunha palabra monosílaba. Ademais non son capaces de responder a ningunha pregunta sen empregar 6 oracións e 5 onomatopeyas e, pola miña experiencia persoal, creo que si son impuntuais e, tal como se nos acusa a nós, non din as cousas ás claras. Para colmo de males a súa contribución á cultura universal (o flamenco, Lorca...) deixame frio.
Coincido en que o andaluz ten o papel que se denuncia dende o PA. Os andaluces son os donos do tradicional papel de bufón, que dúbida cabe que nós somos os mellores segundos niso (en nada somos mais líder, nin en maiorías absolutas do PP). Estou dacordo na súa degradación pero envexo que a eles os consideren os pallasos de España cando expresións como "gallega" designaba a unha prostituta no Madrid de non hai tantos. E nós xa choramos antes (recordade o personaxe galego dos Serrano e a polémica adxacente)
Ó final sei que é unha cuestión de poder. Ninguén estaría tan tolo para sacar unha serie na que saíse un vasco brutote ou un catalán arrogante, avaro e malicioso (pensamento da España profunda). Sen embargo os parias desta España que propugna a unidade mediante a opresión ideolóxica, a esaxeración do terrorismo ou o falseamento da historia e dalle a espalda a cohesión territorial e ó aprezo polas diferencias culturais son fácil obxecto da chanza.
Teño dúas certezas que se entrecruzan: non podemos estar a poñer coutos contínuos ós temas a tratar nos productos culturais porque senón nunca poderiamos ter superado os estadios máis reaccionarios de opinión (se é que os houbo máis reaccionarios ca o actual). Por outra banda non é necesario crear caricaturas de grandes grupos sociais pouco homoxéneos "No es posible observar personajes de origen andaluz que sean profesores, políticos, empresarios, universitarios o cualquier otra profesión cualificada", dixo o representante do Partido Andalucista. Se din isto dos andaluces (o grupo "étnico" maioritario en España) que dirán dos ecuatorianos ou os negros...
Acabarei cunha reflexión... ¿Logo os máis capaces de España, os madrileños, saen especialmente ben parados nas series que eles producen e dirixen (non tedes máis que ver que en Antena 3 so existe Madrid que ten un parque temático que se chama Sevilla e un Bagdad alcumado Barcelona)? ¿Non é certo o tópico, un elemento certamente cohesionador do territorio , que os da capital, por outra parte coma en case tódalas capitais, son arrogantes, pagados de si mesmos, pouco intelixentes e tratan á xente con desdén? Vede calquera capítulo de Ana y los 7 ou Mis Adorables Vecinos e despois veredes que os primeiros que deberían protestar son eles.

Thursday, May 12, 2005

Reggaeton

O ton, o ritmo, o look... todo me desagrada do Reggaeton ou Rap centroamericano. Dende os pequenos grandes homes cheos de tatuaxes e roupas folgadas ata as latinas que axitan de maneira desacougante as súas cadeiras. Arrastran as frases e machacan co ritmo pesado do caribeño de bachata acalorada. Transmítenme o cansanzo do bochorno caribeño.
Este desapego polo Reggaeton compártoo con case todo o Hip-hop e derivados. Lévame a pensar a historia da música, tan importante coma a historia dos políticos ou dos economistas, que este rexeitamento marca a miña integración no mundo adulto e reproduzo a negación do Hip Hop coma antes outros negaron o Rock and Roll ou a Música Disco. Recoñezo a súa viveza e forza para contactar cos máis desfavorecidos. O noso problema, o problema dos desesperados, máis co conformismo é a imposibilidade da acción e o hip hop convertiuse nun desafogo intercultural ( gettos de Detroit, Xamaica, Sevilla, Quito...) que implica un certo colonialismo cultural. O preocupante é que todo rapeiro empeza coma activista político ( Public Enemy, Delasoul) e remata falando de festas, cachondas e pelexas (Sean Paul, 50 Cent). Chámaselle a iso mercantilización da cultura. O Reggaeton parece apostar polo segundo camiño.

Wednesday, May 11, 2005

Peligro freak

As trampas da linguaxe son sutís. Neste mundo que alguén ou algo deseñou para nós a paixón é un sentimento prohibido. Está Jimi Hendrix, si, pero en escasas racións comparado coa plasticidade da pederástica Britney e as comedias románticas de Meg Ryan e Tom Hanks (dosificadas e con máis de comedia que doutra cousa). Amores puritano-anglosaxóns aparte o que se leva é a frialdade. Hai que ter un control da situación, unha distancia non crítica das cousas que nos permita desapegarnos e desfrutar CADA MOMENTO DA NOSA VIDA, unha actitude cínica e fría ante as cousas que nos permitan desembarazarnos rapidamente de compromisos e coller o avión rumbo á nova xoldra. Perder os papeis ou a esclavitude ante o amado está fóra do lugar.
Os frikis son, somos, sodes opostos a esta idea. Perder a razón ante a estrea da nova entrega da guerra das galaxias ou pagar un potosí por unha gravación de John Lennon tirandose un peido mentres interpreta Imagine son actos de mal gusto e desprovistos de racionalidade. Mais permiten unha realización absurda, tan fóra de sentido coma poñerse unha camiseta co teu propio nome no idioma dos Elfos Noldor.
O arrebato freak relaciónase con cuestións relixiosas, socioeconómicas, afectivas plausiblemente explicables. ¿Son simples enfermos sociais? Eu creo que non. Suministran equilibrio e enchen o baleiro terrible que invade ós que seguen os consellos de revistas de moda sobre roupa e modas de moda.
Sen embargo, o friki é admirable nun sentido moi determinado. A súa capacidade de profundizar nun aspecto do universo, de manter a lealtade a uns valores (por ridículos que podan parecer) e a súa profunda curiosidade. Se a quen ama a lealtade e o saber o calificamos como freak (monstruo) máis nos valería irnos deformando un pouco máis.

Tuesday, May 10, 2005

Amamos o odio

Amamos o odio porque nos une máis ca o amor. Olvidamos as nosas diferencias cando hai un inimigo maior. Perdemos antes a conciencia do noso ser nun arrouto de rabia que nun frenesí amoroso. Organizamos os nosos grupos por confrontación: pensade na forza do nazismo, a liberdade duradeira, os bandos da guerra civil... Viviríamos ata a exhaustividade se tivésemos a algúen a quen odiar. Seguramente sería preciso inventar outra palabra para definilo.
O odio non é máis ca unha manifestación do amor. Todo antónimo parte da mesma raíz, comparten o mesmo. Cuanto más reñidos más queridos... bla, bla, sabedoría popular. O sentimento máis despreciable é a indiferencia, o desdén, o desprezo... Falla de vontade, falla de ser, falla de vivir...
(¡Vivan os localismos! Que os de Vigo odien ós da Coruña e os de Viveiro ós de Burela. A forza do voso odio nunca poderá ser inutle)

Sunday, May 08, 2005

Son racista

Por algunha razón nesta fin de semana na miña Lugo experience coincidín pola rúa cun montón de persoas negras. Feito lóxico en Burela dada a forte raigame dos caboverdianos e máis difícil de explicar en Lugo (xa que cando ía de camiño ó bus atopeime con 6 persoas e catro eran negras, ademais teño observado que a súa presenza é moito máis habitual ca en Santiao). Tal coma apunto no titular considérome racista porque creo que as razas existen, o que por outra parte non presupón ningunha superioridade dunha sobre outra, e creo que ademais é bo. Penso que máis axeitado que chamarlle razas as debería calificar coma culturas (xa sei que é unha pequena trampa) pola estupidez de crer que a pigmentación da pel ou certos atributos físicos condicionados polo ambiente poden marcar o devir dunha civilización. (Ou senón lembrade o conto de Castelao do mulato cubano-galego que marcha da Habana porque di que vai moita calor).
Os científicos alemáns de principios do XX revolucionaron a ciencia e posibilitaron a creación da era cibernética, nuclear e da enxeñería xenética que, mentres non destrúamos o planeta gracias a estas habilidades, á vez que conseguiron sistematizar o horror e a guerra co nazismo. Os indios guaranís nunca inventarían o carro blindado Panzer pero contan con 9 palabras diferentes para definir a felicidade. Tódalas tribos do planeta aportaron o seu gran de area, incluso as devastadas polo tempo ou polos conxéneres, e as súas ensinanzas amósanse contradictorias en moitos casos, sinal do mundo no que vivimos.
A vizosidade de cores das nosas rúas, paulatinamente máis cromáticas, podería ser enriquecedora, unha oportunidade fantástica de non ser porque a presenza da maioría dos nosos novos veciños veñen forzados pola miseria, pola cobiza de persoas que habitan en países distintos e tanto lles ten desartellar comunidades enteiras co exilio e a explotación laboral. Un dos poucos universais que compartimos en tódalas culturas é o gusto pola calor da lareira que forman os nosos. Esta mobilidade crea unha sociedade de exiliados, de individuos sen raigames que crean unha nación a partir dun mesmo, un lugar no que comezará a pagar máis a pena morrer ca vivir. A solución: unha comunidade global que non coñecemos máis que polos anuncios das compañías con executivos en Londres e Nova Iorque e fábricas en China ou India.

Friday, May 06, 2005

¿Por que?

¿Por que só me sinto motivado a escribir cando estou a disgusto co mundo? Preferiría adicarme á orfebrería lingüística e ó culturalismo elitista. Esa dependencia da desgraza allea e propia faime supor que debo ser un individuo bastante fatalista. Un corvo negro a voar en círculos sobre a podremia.
Acaban de contarme que morreu unha persoa descoñecida, á súa vez, cuñado dunha persoa coñecida. Apareceu morto nunha leira polo que as sospeitas céntranse nun paro cardíaco. Morte entre as patacas. ¿No fondo é así de fácil? Wittgestein ou Mozart poderían ter falecido do mesmo xeito de optaren pola agricultura nun momento dado.
Patricia Highsmith escribiu un dos poucos libros que me animou a volver a escribir (non estou certo de que volvese facelo mais se ledes isto algo significará) chámase Suspense e está concebido para determinar as claves para construir un bo relato de intriga aínda que, como soe acontecer cos grandes, sempre pretenden algo e consiguen un resultado moito mellor. Relata, desde unha humildade, sinceridade, honestidade e amor impropias dunha estudiosa da maldade humana (non estou dacordo con esta frase que acabo de escribir) as súas noites en velas escribindo, os seus problemas cos editores, os seus bloqueos creativos... Exponse sen parapetos.
A tese do libro, sinto non telo aquí ó pé de min, é que se non te divirtes escribindo non paga a pena. (Cambiade divertir por disfrutar ou desafogar se me ides a lapidar por verlle o lado lúdico, aínda que reflexionade que é a afirmación dunha escritora de suspense). É tamén a miña tese.

Thursday, May 05, 2005

Desde Burela con Amor

Construimos a nosa vida ó redor de certezas que se erixen sobre pivotes de papel. Hai dous meses pareceríame incrible que alguén me predixese o futuro: "O día da ascensión do 2.005 estarás nun cíber en Burela". Porque teríao tomado por un falso pitoniso. Pois si. Ando por aquí.
A pesar da beleza real e descoñecida da Mariña, Galicia está construida a base de isolamentos, pouco coñezo esta zona. O camiño en autobús serve de preparación para a ruta transiberiana. Faise máis rápido o camiño Santiago-Madrid (vía Lavacolla). Supoño que ampliarei estas perspectivas de Burela no sucesivo (iso espero) pero polo dagora quédome coa costa escarpada cantábrica en contraposición das liñas suaves das miñas terras Barbantías (esta derradeira frase vai por o Sr. Anonymous).


Estou intentando pensar en xente na miña misma situación. Fulanos e fulanas que en pouco tempo visen a súa vida cambiada súpetamente. Por exemplo Bisbal: Estudiante de xardinería de Almería polo día, pola noite estrella dunha orquestra infame (a min todas mo parecen) en 4? meses pasa a ser o cantante máis vendido do país (500.000 copias nunha semana), a ser o máis imitado dos personaxes televisivos e nun ano pasa a recibir un grammy de mans de Jennifer López. Se me acordo dalgún máis farei unha segunda parte... (Acepto suxestións)

Tuesday, May 03, 2005

Prognóstico para as eleccións do 19 de xuño

Se eu fose máis audaz, ou máis traballador, escribiría unha novela na que Xaime Pita e Pérez Varela raptan a Manolo Rivas para transferir a alma do moribundo Don Manuel ó corpo de Manoliño Rivas. Penso que Jaureguizar xa fantaseou co rapto de Rivas. É curioso que a min tamén me viñese esta idea a cabeza. Rivas podería ser ó imaxinario galaico coma a princesa capturada polo Dragón, un individuo continuamente secuestrado por seres de diversa índole.

Sigo co argumento. Os secuaces de Fraga pretendían a súa sucesión, desta volta por motivos biolóxicos, na persoa dun ser extraordinario que representase coma o noso Fhürer presente e, moito nos tememos, futuro os tópicos galegos. Claro que como dicía o Salina na novela do Lampedusa (algún día falarei de por qué sempre se emprega esta frase) todo ten que cambiar para que todo sexa igual. Necesitaban a alguén que fose tan extraordinariamente galego como Manolo O´Rivas e da corda, a priori, contraria xa que habería que dar probas de que había unha mínima alternancia política. As frases eslogan do noso autor máis internacional ("Galicia é un pobo da noite", "a chuvia é arte"...), o seu rostro predisposto á bágoa polo país, a súa disposición a falar con vellos mariñeiros e mulleres labregas que, épicamente, descoidaron a súa hixiene persoal por coidar os fillos, a poesía dos peiraos... O contrapunto perfecto para Iribarne.

Unha vez posuido Rivas habería que conseguir que o nomeasen candidato polo Bloque. Para iso os Conselleiros intercambiarían a súa alma polas cabezas pensantes, non vai con segundas, do Bloque (Quintana por Feijoo, Paco Rodríguez por Barreiro, Cuiña por Bautista, Pita por Suárez Canal, Pérez Varela por Carlos García Negro... admite suxestións). Cun programa baseado no traballo público para todos, galicia para os galegos, denunciar o incumplimento do Plan Galicia e a organización do máis ambicioso plan de catering da historia da humanidade polo que se celebrarían tres comidas proselitistas semanais en cada parroquia galega (financiado pola UE) acadaríase o goberno e, seguramente, a maioría absoluta.

O novo goberno encabezado por Don Manuel continuaría coa axenda do anterior Don Manuel: comidas oficiais por doquier, recepeción a calquera que non sexa do PP, secretismo e nepotismo na administración ( tódolos Álvarez Caccamo e os Vlacarce serían contratados como funcionarios en oposicións fraudulentas e os antigos directores xerais se lles asignaría postos coma profesores de Galego en institutos), illamento dos alcaldes de PP e PSOE, políticas que funcionan ó ronsel da inercia e a desidia, pago de actos do partido (homenaxes a Suso Baamonde e a Moncho Reboiras pagados co diñeiro público), e Don Manuel choraría, cando menos, unha vez á semana pola sorte dos velliños exiliados e os labregos e denunciaría ós que sempre din NON a todo (PP).

El Correo Gallego pasaría a alabar a Beiras como fundador do único partido lexítimo na oposición, os falsos Pita e Pérez Varela denunciarían a actitude antidemocrática do Bloque, Touriño pediría diálogo pero Manolo Rivas dirá que non perde o tempo cos que queren destruir Galiza, Barreiro Rivas denunciará o caciquismo de Paco Rodríguez desde a deputación da Coruña (convintemente recolocado) e Méndez Ferrín será o Paco Vázquez do nacionalismo.

Monday, May 02, 2005

O obvio

Creo que se debe de escribir sobre o obvio. Pode ser o único realmente importante sobre o que teñamos que falar na nosa vida. Normalmente alabamos ós que ven máis aló do cotián, ós que teñen un ollar propio. Estou dacordo sempre que aqueles vexan o que nós aínda non vimos e non perciban unha estensión desproporcionada da súa persoalidade, da súa persoal fantasmagoría. Para iso xa estaba Onán.

O obvio é relatarlle a todo o mundo o espido que anda o emperador. O obvio é chegar a sentir a maldade e tenrura do mundo nun único intre. O obvio é recoñecer que equivocámonos tan decote coma acertamos. O mundo é obvio tal como é. Está aí ante nós e teimamos e camuflalo cos nosos medos porque, de certo, temos medo a que alguén nos entenda, realmente, ó falar. Descubrir a nosa soidade e indefensión ós demais.

É obvio que me sinto ben, en parte gracias a moitos dos meus lectores, e, tamén gracias a vós, non me custa recoñecelo. Espero devolvervos, cando menos, a metade do que me aportades. A vaquiña polo que vale.