Wednesday, August 31, 2005

Las pijas de mi ciudad

Supoño que algunha vez xa vos daría a brasa co de que o menos importante nunha canción é a letra. Se non é así mirade para o chan e asentide.
De tódolos xeitos algúns letristas sobrecóllenme ou fanme rir. Aí están Leonard Cohen ou Julián Hernández (Sinietro Total) para atestigualo. Coma homenaxe a un compañeiro que pronto non estará con nós e viaxa cara un traballo mellor deixovos unha letra do grupo la Costa Brava que di todo que quixemos dicir nós sobre as pijas e non fomos quen de verbalizar:

Adoro a las pijas de mi ciudad
su aroma es tan distinto
que uno se esfuerza en averiguar
el secreto de sus besos.

Su estilo de vida tan convencional
me produce tanta envidia
incluso el más cínico puede apreciar
la belleza de las cosas simples.

Van rompiendo corazones
con sus coches de tres millones.

Te lo cambio por amor
te lo cambio.(4 veces)
El dinerooo...

Cuantas veces disfruto al verlas bailar
esos ritmos latinos
o las sevillanas con esfuerzo aprendidas
para no ser menos.

Sólo la ropa que pueden comprar
brilla por si misma
y cuando el buen tiempo las viste de estreno
cortan el aliento.

No conozco a quien se resista
a su sonrisa de dentista.

Te lo cambio por amor
te lo cambio.(4 veces)
El dinero que tu padre te dejó.


Las chicas modernas
enseñan las piernas.
Las chicas de barrio
levantan las manos. (6 veces)

Tolos pola música

Recoñezo a miña preguiza para escribir nestas vacacións curtas en días mais longas en espírito. Non me faltaron temas pero si as ganas, o descanso mata a forza de vontade, o ocio é o maior inimigo do traballo e, en doses letais, do ánimo tamén.
Introduccións aparte, e coa promesa de que coa rutina chegará a regularidade, o presidente de Turkmenistán avanzou un chanzo máis na espiral de megalomanía dos líderes mundiais.
O tal Niyazov ven de prohibir a música na súa república euroasiática agás "a verdadeira tradición musical e vocal" de Turkmenistán. Na televisión e na radio, nos edificios públicos e nos bares, nas vodas e nos bautizos... (Debe ser unha experiencia interesante unha disco turkmenistaní).
A algúns non lle estrañou a medida xa que entronca coa súa política illacionista e xa ten prohibido o pelo longo e a barba (só ós novos), a radio nos coches e o ballet maila opera (innecesarias). A min si me sorprende a inocencia deste home. En todo déspota e poeta hai agochado un ser inocente que, coma os nenos, reduce ós problemas a unha simplicidade allea á realidade e sacode con furia ós que se opoñen a el. Estimado Niyazov, a música é a máis grande das artes, é case universal e anterior á fala. Pretender prohibila é coma querer prohibir o sol. Isto marcará a túa caída.

Monday, August 29, 2005

Tralas pegadas dos demais

Pasa, ós que escribimos por pasar o rato, que atopamos de cando en cando a autores que xa escribiron todo o que nos queríamos crear antes de que se nos ocorrese a nós. Pasoume con Cortázar, Quim Monzó, Kurt Vonnegut, Torrente Ballester e pasoume con Douglas Adams.
A guía do autoestopista galáctico é un libro que supera a imaxinación de calquera. Unha fábula non exenta de interesantes reflexións filosóficas. Unha mostra do inxenio de Douglas Adams son os títulos dos seus libros O restaurante da fin do mundo, Deica logo e gracias polo peixe, Informe sobre a Terra: fundamentalmente inofensiva...
Poderedes descubrir cal é a resposta ó sentido da vida, quen son os creadores da terra e a data exacta da destrucción do noso planeta.

Wednesday, August 24, 2005

Vámonos ó Grand Prix


No plató do Grand Prix todo está ó gusto de Parménides. Non cambiaron as probas, os decorados, os traxes, as músicas, os alegres provincianos que acoden en horda a Madrid, incluso os padriños, de maneira pouco fiel permanecen...Só se levan a cabo cambios mínimos na mecánica do concurso (e as azafatas) percibidos somentes polos ultrafans e que non disfrutaran da praia e da orquestra da romería se a chegar a casa pola noite non botan o gran programa.
Inquédame o pacto faústico de Ramón García (Nota: poderiamos engadir a Jordi Hurtado) que non muta nin en expresión nin en uniforme (camisa azul/branca e vaqueiros). García está por riba de ideoloxías, sociedades, nacionalismos, culturas... pode compartir plató con Ana Obregón varios anos sen perder a razón nin matala nun accidente de avión. (Esto é unha nota para os fans de Ana y los 7, espero que non haxa ningún).
¿Non vos gustaría vivir nese plató? Sen guerras, fame, odios, discusións... Estariamos todo o día xogando á pataca quente, a tirar os bolos e daríamoslle de comer á vaquiña, namoraríame (platónicamente) das bailarinas e corearíamos os nomes do noso concello. Se o obxectivo dos productores é evadirnos da realidade e entreternos está claro que o conseguen. Xa lle gustaría a Lars Von Trier dicir o mesmo.

Son boas e son noticias

A primeira é que teño unha ilustre lectora á que aprecio moito. Isto non sei se é un problema para min porque me esixe mellorar un pouco a miña prosa de catro patacos para que se sinta cómoda ela tamén. (Si, doume conta de que é un pequeno desprezo ós habituais pero teño que ser máis amable coas novas adquisicións para que queden, non?)

Contoume que bota de menos as miñas recomendacións literarias e eu, non vos queixedes, compártoas coa humanidade:

-Calquera libro de John Updike que leve a palabra "Conejo" no título. Tusquets.
-La geometría del amor. John Cheever. Emecé.
-Middlesex. Jeffrey Eugenides. Anagrama e en edición de bolsillo barata tamén. (Si, son un pesado)
-As cartas de Raymond Chandler. Emecé.
-As viaxes de Gulliver (este xa o lerías)

Aínda que ultimamente dáseme por ler literatura de baixo standing e estou con Los pilares de la Tierra. Antes lin outro tocho, Guerra y Paz, que alternei cunha biografía do universo e de Francisco González Pérez "Fran".

A outra boa noticia é que dentro de pouco teredes na rede un gran blog escrito en galego con sumo gusto e sensibilidade. Unha pista o autor non é Muhammad El_Gadaffi.

Tuesday, August 23, 2005

Persoas con carisma

Non importa o que se conte senón o como. Ou iso nos din. Apliquemos a teoría da literatura ós que nos arrodean.
Hai persoas que son tediosas narrando como repararon o discovery e outras que nos fascinan polo seu xeito de comerse un iogurt. Cos primeiros, ó mellor, coincidimos en biografía, gustos, actitude, penas, alegrías, desexos, medos e no demais tamén. Os segundos, ás veces, fannos a vida imposible, míntennos, roubanos o que non temos, nunca dan todo o que nós lles damos e teñen a misteriosa cualidade de . Non sempre é así, ás veces é ó revés e é marabilloso.
Invariablemente os que deixan pegada en nós son os personaxes carismáticos. Aprendemos a querer á xente corriente coma aprendemos a ler, xuntando pacientemente unha letra coa outra e dándonos conta de que fan a nosa vida mellor. Os outros entran sen chamar e sen vocación de marchar.
Conversei cunha rapaza amiga de amigos no autobús. A cháchara serviu para que a viaxe pasara lixeira e, a pesar da súa amabilidade e simpatía, decateime da pouca importancia que lle concedín ó que me contaba e que, con seguridade, ó día seguinte todo o que me contou esvaeceríase. Lembrei coma outra persoa despertaba a máis profunda devoción en min ó secar os pés ("para non coller hongos") acariñando cada deda con xeneroso agarimo. María Magdalena unha afeccionada. Unha tarde do pasado inverno fun cun amigo ata un pequeno peirao onde uns pescadores pouco afortunados falaban de política sen moito xeito, aparentando saber de máis ante os presuntos turistas e contando chistes verdes. Despois nun paseo polas ribeiras da praia de Broña cun solpor escuro e frio decateime da transcendencia do momento.
Dous recordos felices.

Monday, August 22, 2005

Os iogures, o Real Madrid e outras obsesións

Hai un anuncio, como non, de Leche Pascual no que se afirma que tomando dous iogures durante 8 meses se conseguirán unha serie de beneficios para o corpo. Outro do Mexilón de Galicia afirma que estes moluscos son bos para o corazón, os ósos, o colesterol e, por se fose pouco, son do noso país. Seguro que víchedes anuncios parecidos co leite, polo, plátanos, laranxas, barritas enerxéticas, nata... Tódolos alimentos suman cousas boas. Seguramente de non ser así non poderíamos comelos. Unha esponxa aporta hixiene as nosas vidas pero inxerila aporta poucos nutrintes e, senón a esgazamos ben, unha morte case segura por asfixia.
Sen o noso parasol de indiferencia cotiá sucumbiríamos ante unha sociedade obsesiva. Os alimentos, o exercicio e o meu peso ocupan gran parte do meu espacio mental. Outra obsesión recorrente é o fútbol, especialmente os pensamentos de desprezo ó Real Madrid. O top 5 complétase con: as mulleres (especialmente unha), o meu futuro laboral-persoal e as series de televisión. A orde podería ser esta:
  1. O meu futuro
  2. O meu peso
  3. As series
  4. As mulleres
  5. O fútbol

Ou outra.

Friday, August 12, 2005

Outra frase dos Soprano...

Xa volo advertín. Tony e Silvio discuten sobre se despois dunha vida delictiva irán ó Inferno. Tony, ateo, pregúntalle se lle gusta a tenreira. Silvio responde que si ó que o xefe Soprano engade: "Por iso na India irías ó Inferno. Por iso non creo en nada diso. Todo iso é merda".
¿Cantos campos de fútbol ocuparían os libros sobre a existencia de Deus? (Prometo un post sobre por qué se emprega sempre unha medida tan variable para realizar comparanzas) E sen embargo a frase de Tony Soprano vólveme a parecer axeitada. Non podo afirmar que non exista un Fin Último no universo, ou que exista unha forza que o mova todo ou algo semellante... Tampouco podo afirmar que Raúl non acabe xogando no Barcelona ou que nunca terei o Sida. É mellor crer nalgo que se pode demostrar ou concebir.
O que si me parece impropio de persoas xuizosas e formadas é obedecer os preceptos de calquera igrexa. Se alguén considera que por descansar os sábados ou non comer porco vai estar máis cerca de Deus ou gañar o ceo. Na antiguidade podían ser leis útiles para o desenvolvemento da vida cotiá pero agora só crean fanáticos, estúpidos e intolerantes. Admito, iso si, que as igrexas parecen ser as únicas institucións que realmente apelan na súa lexislación a valores non exclusivamente materiais e, con maior ou peor fortuna, impoñen barreiras éticas ó home (diferente das de ir ó cárcere ou non).
Bush, na súa liña de modernizar o país, obrigará ós colexios a dar dúas explicacións alternativas á evolución: Darwin e o "deseño dun ser superior". Según el, "para que os estudantes teñan unha perspectiva máis ampla". Do mesmo xeito a xestación dos fillos podería explicarse polo desenvolvemento do feto no útero ou pola chegada dunha cigoña de París e as chuvias polo enfriamento das nubes ou por as ganas de mexar dos anxos. Se nalgo avanzamos dende a Revolución Francesa foi na secularización. Elementos coma os Neocon e os dirixentes que estes impoñen, interesadamente, por todo o mundo islámico pretenden sumirnos nunha nova etapa de escurantismo, iso si, con internet e macdonalds. Olvidade esta última frase.

Wednesday, August 10, 2005

Máis humanos ca humanidade

Pasa coa familia real española un pouco o que pasaba cos replicantes de Blade Runner: son máis humanos ca a propia humanidade. Así nos explicamos que cando os monarcas acoden a unha zona devastada por unha catástrofe amosen unha "especial afectación" perante os 3.000 orfos amoreados dun orfelinato de Bangladesh, ou "desborden simpatía" cando o único que fan é saúdar a 2.000 persoas que levan agardando por eles horas e horas para ver ese pequeno xesto.
Calquera rasgo de carácter, afección ou medio sorriso é considerado coma un esforzo titánico por parte das súas maxestades. A súa aburrida axenda, polo menos a min aburriríame ir de regatas e a ceas de luxo tódolos días, supón unha epopeia similar ós doce traballos de Hércules que calquera ama de casa ou albanel non podería aturar.
Máis humano ca ninguén é o rei. Paréceme curioso que en tódalas súas visitas "rache co protocolo" para saudar á xente cando o fai SEMPRE. O protocolo é perder as formas. As únicas intervencións políticas que lle recordo ó noso xefe de estado foi o seu papel, ambiguo, no 23-F e cando se cambiou de sitio nun cumio iberoamericano para colocar a Aznar ó pé de Fidel.
Esta fin de semana houbo unha reunión de alto contido político. Un dos nosos iconos contemporaneos, Tou, reuniuse co outro, Juancar, para sacar a Galicia do seu sono. Juancar amosou "o seu compromiso con Galicia" e prometeu visitar a nosa terra en novembro durante a celebración da Volvo Ocean Race. Así, de paso que vai no barco, analiza as consecuencias do Prestige.

Sunday, August 07, 2005

Orgullo galaico

Ó final resultou inevitable que vos falase dos Soprano... Nun capítulo que vin recentemente os nativos americanos (ou indios que non hindúes) protestan pola celebración do día de Cristobo Colón. Os mafiosos de Newark amósanse moi disgustados porque para eles Colón é un heroe e deciden impedir por tódolos medios as protestas. Os intentos acaban por ser inútiles e o xefe mafioso dille ó seu secuaz máis belixerante contra a manifestación: "Dime: ¿Cal das cousas que tes as tes por ser italoamericano? ¿Es rico por ser italoamericano? ¿Tes o mellor clube de Strip Tease de Newark por ser italiano? ¿Es intelixente por ser italiano? ".
Creo que, nun razonamento paralelo, o único que me deu ser galego na miña vida diaria é unha tendencia ó cancro de colón e á diabete e pouco máis. Si, é certo que os condicionamentos culturais son moi fortes pero ninguén no mundo triunfa ou fracasa por ser dun sitio ou outro, aínda que, claro está, o terás máis fácil se es de Newark que se es de Mozambique. A min paréceme un gran argumento contra o racismo. Non sei que opinades vós...

Thursday, August 04, 2005

Alá ti

Podería falarvos, e ben, da serie Os Soprano pero de seguro que habedes de atopar quen o faga por min. Eu vouvos a confesar, sen adverbios, que o programa Allá Tú que emite Tele 5 polas tardes é un sinal inequívoco de ociosidade.
Allá Tú (que traducido ó galego sería Alá Ti, o que cambia totalmente o sentido filosófico da frase na miña pouco humilde opinión) entretenme cando canso, rapidamente, de aquelas actividades, positivas, que esixen esforzo ou adicación nas longas tardes solitarias do verán ( ler, escribir, facer deporte, ver cine de calité...). Nesa terra de ninguén da tarde, sen dúbida o periodo máis pernicioso do día, Alla Tú coa súa sinxeleza aterradora mata o meu tempo de ocio. Matar, neste caso, non é un verbo demasiado forte.
Jesús Vázquez, icono da modernidade española, dirixe a unha marabunta de vinte e pico concursantes que acoden desde o máis remoto da España profunda para demostrarnos que hai non por non haber intelixencia ten que deixar de haber vida na península. Pode parecer un pouco elitista pero quen se atreva a criticarme antes tería que ter visto a unha guardia civil dando voltas por todo ó plató tipo David Bisbal, agasallando ó presentador cun coello xigante en forma de A e rindo coma un porco ó que capan (segundo a descricción do Choqueiro).
O programa, para os que non o víchedes, consiste en que cada un dos 20 concursantes teñen unha caixa. Despois dunha infamemente fácil cuestión un deles sae á palestra. Ese será o que poda gañar o premio. Dende que é elixido ten que ir descartando as caixas dos seus compañeiros para poder achegarse ó contido que ten a súa. Hai premios de todo, dende 600.000 euros ata un desatascador de baño. A Banca do programa faille ofertas para vender a caixa e case todos a acaban por vender antes de tempo. (Creo que o expliquei terriblemente mal).
O caso é que entre tanta xoldra e berros e espontaneidade pódese facer unha análise sociolóxica moito máis válida que a través de La Linterna ou Hora 25 e é nestes programas, onde a televisión se ri da espontaneidade ou chora coas miserias cotiás da xente do común, onde vemos a realidade da maioría xente, pouco que ver cos problemas galácticos dos astronautas do discovery ou de Luis Figo. Parafraseando a Buckowsky eu tremo, ¿tremes ti por min? Alá ti.

Wednesday, August 03, 2005

Tengo una debilidad

As debilidades son pequenos aspectos da nosa vida que se converten en grandes cárceres. O sobrio non entende ó alcólico nin o casto ó luxurioso. ¿Por que esas nimiedades condicionan unha vida enteira? Somos débiles e é mellor vivir sabéndoo para actuar en consecuencia.
A miña debilidade ultimamente chámase FIFA 2005. Paréceme repetitivo e mecánico últimamente pero, pola miña personalidade compulsiva, ata que agote as posibilidades non o dou deixado. Co fácil que sería non darlle ó icono para abrilo.
Outra das miñas debilidades son as series. Por moi mala que sexa se ten unha trama interésame. Só un producto nefasto como Ana y los 7 ou as telenovelas de producción españóla de TVE son capaces de repelarme.
Unha moi común: comer entre horas, pero esa é de todos ou case todas as persoas que coñezo. Durmir a sesta non sei se é unha debilidade, a min paréceme unha bendición.
Teño que admitir que teño debilidade polas persoas que me amosan o seu aprezo espontánea e inesperadamente. Son poucas pero por iso son máis apreciables.
Teño debilidade por estar so durante semanas sen facer nada. Pero o resto da xente faime sentir mal por ter vicios de solitario. Que lle queredes, polo menos son coherente.

Tuesday, August 02, 2005

Ante todo unha desculpa...

... Pola tardanza en actualizar este blog. Non é por falta de tempo, nin de internet, pero teño os bioritmos un pouco cambiados polas vacacións.
Esta reentreé adicámoslla ó recentemente falecido Rei Fath. Un personaxe das mil e unha noites.
Sorpréndeme o titular que leo nun xornal en Internet: Muere el viejo Rey Fath, e novo non é, pero non menos certo é que as veces morre un desa idade por estes ermos e non falta quen diga "Foise novo". Por outra banda o seu sucesor, irmán, ten 78 anos. Todo isto faime sentir unha brisa caribeña e o doce sabor do mojito.
Tódolos informativos lle adicaron uns cantos segundos ó seu obituario. Curiosamente case tódalas imaxes que tiñan eran con George Bush (pai e fillo) ou con Juancar. Gustaríame saber se se farían, na súa época de maligno esplendor, esas fotos con Pol Pot ou con Bokhasa. Porque Fath mantivo ó seu pais nun rexime feudal, de fanatismo relixioso e non repartiu co 90% da poboación as riquezas do petroleo. Acción dadivosa que tería, sen dúbida, convertido a Arabia Saudita nun país desenvolvido e non no país mafioso que é na actualidade.
Nós, toque de cor local, coñecemos a Fath (que en inglés sería coma dicir rei gordo) por ter unha fastuosa imitación da Casa Branca en Marbella. Un tío meu, malagueño, contoume que a xente facía colas que daban a volta ó barrio para traballar un mes para el. Normal se consideramos que pagaba coma mínimo 3.000 euros ó mes. Seguramente o vulgo ignorante e a aristocracia ilustrada que nos goberna por unha vez, máis, compartían motivacións pero non inocencia.