Friday, September 30, 2005

Baixos Comerciais (e III)

Hai pouco unha amiga preguntoume pola miña opinión sobre a prostitución. Eu mostreime a favor da súa legalización porque crin que era o único xeito de proporcionar unhas condicións dignas a estas traballadoras. Ela confesoume que compartía esa opinión ata que despois de entrar en contacto con asociacións feministas de Lugo chegou á conclusión de que non era a solución.

A actual situación non é boa. Permítese e non se permite. Pénase o proxenetismo pero non ó cliente. Creo axeitado non castigar á persoa que se autoexplota. Sen embargo non poden sindicarse, non cotizan á seguridade social, non poden facer reivindicacións colectivas de maneira ordinaria...

O artigo de Ramonet doutro día fíxome dubidar sobre a legalización. Non obstante creo que en Francia hai medidas parecidas e o problema persiste. Se alguén ten datos concretos sobre a prostitución en Suecia e Francia por favor que o expoña. Polo que eu sei, ou se di mellor dito, nos réximes comunistas é onde menos se dá este ¿problema?. Sei tamén, que moitas amas de casa se prostituían cos mariñeiros para conseguir medias de Nylon e outros bens de luxo para os reximes comunistas.

Se o que di don Ignacio é certo abogaría polo método sueco. Só habería un problema. Colapsaría para a eternidade o sistema xudicial español con casos e habería que construír unha cárcere por metro cadrado.

Baixos Comerciais (II)

Ela tiña unha tenda de golosinas na esquina entre Montero Ríos e a Costa da Camelia. Mellor dito: ela era a tenda de golosinas. Un baixo de 60 metros cadrado ben equipado con cabinas telefónicas e unha coqueta parte datrás. Baixiña pero con boa fachada de baldosas verdes e orientada cara o sol.

El, admitámolo, gozaba dunha moi boa fachada. Esa cristaleira tan pulcra, un dobre piso como hai poucos en Santiago, esa escaleira glamuroso e o empaque de ser unha librería cos seus clientes obesos e miopes.

O comezo da súa relación foi casual, dada polas circunstancias. Tanto tempo un fronte ó outro e claro xorde á chispa. Cada vez que algún curioso se detía para mirar o xornal ela suplicaba que lle transmitise o seu amor. El, pola banda, estudiaba poesía para, de producirse algún día o encontro ter as palabras axeitadas.

Pasou o tempo e todo acabou por estragarse. Os dous sentíanse atraídos pero ningún daba o paso de achegarse. Finalmente a espabilada da floristería, ó pé xustiño del, aproveitou a súa ocasión e quedou con el. Agora son un matrimonio aburrido. Ela comeza a fixarse no garaxe dunha praza de aparcamentos do lado e nunha tenda de deportes con bastante ancho e pouco largo.

Thursday, September 29, 2005

Baixos Comerciais

En calquera Curso de Empresa para Idiotas insisten sobre a importancia de ter a sé do negocio nunha boa localización. Un espacio céntrico, ben comunicado e no medio das grandes arterias da cidade.

Sen embargo todos coñecemos tendas de roupa que pasaron a ser bares de corte nacionalista e logo unha tenda de informática e máis adiante un bar que montan uns retornados de Suiza ata que ven que o negocio non dá demasiado e pasa a perruquería... E resulta un misterio porque naquela rúa tan fermosa onde está ubicada hai unha hamburguesería que desborda adolescentes e unha librería onde van moitos a mirar e poucos a mercar, e tamén está ese instituto onde todos van tomar ó café pero non á nosa cafetería senón a da esquina.

A maldición de certos baixos comerciais nunca chamou a atención dos economistas e empresarios. Simplemente hai lugares que funcionan e outros ca non. E hai veces que un bar inaccesible, frío e rácano nas tapas triunfa espontaneamente sobre o local dos voluntariosos novos propietarios que intentan obter un rendimento da súa licenciatura de historia no eido da hostelería. Non cremos nos espíritus do aire, da terra e do mar pero hai certos lugares que consideramos sagrados e outros, que pola contra, sabemos que é mellor manter afastados. E non estou a falar da consulta do dentista.

O problema dos baixos e que non poden buscar o seu lugar no mundo. Os propietarios descóbrenos e baleiran a súa ilusión mercantil neles. Incapaces de fuxir da desgraza son coma eucaliptos nun tópico incendio galego. De seguro que máis dun poríase de camiño a un lugar onde o sol brillase máis sen chegar a queimar. Nós, que temos pernas para andar, deberiamos deixar as queixas e a conmiseración para funcionarios e siareiros do Real Madrid e camiñar a polos nosos soños. Si, moi cursi o final.

Wednesday, September 28, 2005

Músicos na rúa

Poucas figuras son tan admiradas entre os románticos e amantes da liberdade coma os músicos calexeiros. Os oficinistas, bolseiros, amas de casa e albaneis envexan ese vivir sen horarios nin xefes, o vagabundeo e a sorpresa cotiá e entregarse á paixón musical.

Hainos de tódolos tipos e en tódalas poboacións. Cantautores oriundos dunha canción de Sabina, macarras que aporrean sen pudor unha guitarra ou desafinan coa frauta, exóticos bluesman, arpistas e citaristas e todos con can ou sen can accesorio aínda que unha axudiña sempre vai ben. En principio pode parecer un negocio pouco productivo pero o certo é que moitos que andan por aí viven, e non mal do tema. Non ten poucas vantaxes o posto. Certo é que ten moitas incomodidades pero pensade no bo que debe ser que che inviten a copas por tocar uns temas de Aute ou de Silvio. E no verán... Cando todo o mundo está na oficina asfixiado eles no obradoiro a versionear nefastamente algún tema clásico. Moitos compositores deberían reprantexarse a súa profesión dada a tremenda caterva de pedigüeños que crearon (os citados Silvio e Luis Eduardo terían un sitio privilexiado. Ó mellor non teñen a culpa eles de facer cancións que calquera pode tocar con tres acordes.


Os heroes da nosa sociedade non son eses millonarios que veranean na costa azul e traballan 80 horas á semana. Son estes desfarrapados que elixen a liberdade de facer o que lles dá a gana e desfrutar coa súa inofensiva actividade para o resto da humanidade. Posiblemente o seu desprezo pola orde, un traballo rutinario e nada creativo e demais patrañas que só nos atañen a nós Os Mortais impida que a súa situación non dista moito á da garrapata ou á do político. Isto é: dependen da sangue doutro para manter os seus privilexios. Xa que logo que aprendan a tocar e cambien o repertorio e non creades nos contos fabricados coa suor dos demais.

Tuesday, September 27, 2005

Papel verjurado

Ando a botar currículos polo mundo adiante. Máis polo vicio de pedir que por outra cousa. Advertírnome de que se non se envían os mapas laborais da miña vida en papel verjurado non serían nin lidos. Coma creo no ser humano négome a crer iso. Prefiro pensar que, de necesitarse xente nese momento nesas empresas, haberían de curiosear nas penurias curriculares de cada un procurando ó mellor candidato e que un triste papel branco normal os ía deter.

Cando traballaba nunha federación empresarial e estaba a punto de rematar a miña vencellación laboral a miña xefa mandoume ó despacho. Recibira un correo dunha rapaza que aspiraba a sucederme. Tiña 12 páxinas. Estaba escrito a man, a máquina e a ordenador. Tiña unha ilustración de plantilla do word con dous alumnos birreteados para encabezar o capítulo de formación. Enumeraba tódalas conferencias, actos e traballos que fixera durante a carreira. Por algunha razón non a colleron.

Creo que anda por cartel unha película dirixida polo arxentino Piñeyro sobre os métodos de selección de persoal. Seica tódolos métodos alí amosados existen na realidade e que algúns non os expuxeron por ser demasiado crueis. Pode ser unha maneira boa de promover a pilícula ou pode ser un xeito excelente de causarnos pavor. O traballo na nosa cultura do éxito laboral (traballar moitísimo, gañar moitísimo e morrer novísimo por stress) é infernal comparada coa mentalidade popular (traballar nada, gañar o suficiente e tomar o café solo ou cortado cada mañá). Cada vez o ámbito laboral gaña máis peso nas nosas vidas e cada vez é máis insatisfactorios nalgúns sentidos (noutros non, hai menos tarefas físicamente penosas e soen ser máis creativos...). Non entreguemos máis do imprescindible a gañarnos a vida, aínda que nos guste e nos reconforte.

Monday, September 26, 2005

They Are A-Changin


Pois si, os tempos cambian. A miña irmá marcha o sábado a Alemaña e creo que volverá de vacacións, visitas e pouco máis. O meu irmán comeza o instituto e quédanlle tres días sendo o neno doce e inocente que é para ser o típico adolescente desobedente e consetido que todos fomos algunha vez. A miña madriña e o seu home viven en casas distintas, algo desacougante nunha familia de máis de 30 tíos dos que só, duas parellas se romperan. O traballo no borde do arame e con moitas frontes, prometedoras, abertas.

Contáronme o outro día que renovamos completamente as nosas células tres ou catro veces ó longo dos nosos días. É dicir, de non ser polo ADN, seríamos outros totalmente diferentes. (Duende conta a anécdota do divorcio que eu non me acordo ben). Teño esa impresión últimamente de que se completou unha fase da miña vida e que agora dá comezo a Fase II. Os 25 anos, ademais do seu simbolismo, marcan outro momento importante. A partir dagora as miñas neuronas só morren, nunca máis volverán a nacer.

Síntome renacido. Aberto ó mundo e fascinado. Sorprendinme a min mesmo quedando en éxtase mirando o paseo que leva cara a praia de Testal e unha garza gris que andaba polo parque do Burgo. O Sr. Choc dixo que viña coa idade. Como dixo Bowie en All the Young Dudes Ninguén quere estar vivo ós 25 porque é turbulento, celérico e aterrador. Nese bosque de dúbidas habita a esperanza. Non lembro mellor etapa na miña vida e dou gracias as autoridades cósmicas correspondentes por tal feito.

Friday, September 23, 2005

Os demais

Unha vez pregunteille a unha amiga cal era a virtude que máis apreciaba en min e contestou que a miña seguridade en min mesmo. Para min iso era tan certo como que o atractivo sexual de Ronaldo reside na súa melena loira. Sen embargo así me vía.

Outra amiga miña díxome que lle gustaba moito falar comigo porque era "unha persoa sen conflicto", outra "que lía moi ben" (vocalizo tan ben como Mariano Ozores cun feixe de gambas na boca). Moita xente que me coñece superficialmente pensa que son unha persoa chistosa, extrovertida e bromista e moita outra que son un tipo calado, tímido e que vai á súa bóla. A miña nai está preocupada porque non teño amigos na miña vila natal e no lugar onde veraneo, Anselmo Cobirán díxome que seguro que conseguiría un traballo gracias ó meu Don de Xentes. Dáme vergoña a miña mala redacción e escritores que admiro animáronme a escribir.

A visión que teño eu de min mesmo é tema aparte... A fin de contas a un determínano os outros. Asígnasenos un rol e a cumprilo. O noso poder de influencia pode ser moito maior nos demais que nun mesmo. Moitas veces trátase dun fatalismo. Estamos condicionados a ser o que nos impuxeron en certa medida. Quedan acubillos coma este que con tanto pracer comparto con vós.

Adícolle este post ás miñas dúas cociñeiras favoritas de Viveiro en desculpa por un post que non lles gustou. Como fans preferenciais perdoade por facer a actividade máis humana: trabucarse. E a próxima vez dádeme caña nos comments... Un bico virtual e casto para as dúas.

Thursday, September 22, 2005

A Rockdelux ou a música dos que non gostan da música

A Rockdelux é unha revista elitista, aburrida, inútil e pretenciosa que non serve para informarse das tendencias musicais nin de nada en xeral.

Os críticos da Rockdeluxe son persoas que reflexionan durante semanas sobre un disco de Mogwai e na súa análise falan sobre Ezra Pound, a China comunista, as relacións interpersoais no París prerevolucionario ou sobre calquera outro tema que non nos aporte ningún tema sobre o disco ou o grupo. A súa retórica é digna do Círculo de Viena falando sobre o que ten de divino e o que ten de humano unha canción dun grupo aburridísimo de Hip Hop de Birmingham que afortunadamente non sobrepasará ese primeiro e prometedor EP.

Rockdeluxe non é unha revista de amantes da música senón de amantes da crítica musical que fan divertido a Pedro Ruíz. O seu elitismo entronca coa peor rama dos críticos e dos artistas que o único que pretenden é afirmar que eles existen e son especiais. Doutra vez o baleiro comunicado a tódalas direccións e para que a todos non nos interese en absoluto. Artistas narcisistas de cuarta porque nin sequera fan música aburrida coma os intérpretes que recomendan e seguro non len. Unha boa proba do seu egocentrismo noxento foi cando publicaron unha lista dos seus discos favoritos dos 90 e despois, no mes seguinte, publicaron a dos lectores. Obviamente non se parecían en nada. A da revista estaba chea de grupos semidescoñecidos, aburridos e nada representativos pero daban un toque de excelencia a aqueles que os excitaban (polo mero feito de que os mortais non os coñecíamos). De feito, outra mostra da abxección desta publicación é que na portada poñen a grupos de éxito popular como Radiohead, MIA, Primal Scream e no pasado outros coma U2 e nas súas páxinas interiores apenas falan deles (o que podería ser coherente de ter unha predilección lóxica por bandas de máis difícil acceso pero estou seguro que non é así) e os poñen a parir. As súas seccións non musicais tamén mostran un perfil claro: pijo modernillo que fuma porros e compra camisetas con apariencia de vellas e leva xerseis de chandal que aparentan ser dos 80 pero realmente son novos feitos por chinos e que realmente custan moito diñeiro e lle vai tódolos temas de moda na actualidade sen unha conciencia social de ningún tipo máis ca un narcisismo que me saca das miñas casillas.

Efectivamente, non son suscriptor.

Wednesday, September 21, 2005

A tiranía do Word

A pesar de ser gordo, baixo, peludo, barbudo, ter feito un ciclo de informático, xogar no pasado ao rol e os videoxogos non son un superfriki do entorno linux. Recoñezo as súas vantaxes (todas) pero entendo que a xente use Windows por comodidade, porque os videoxogos funcionan en Windows, porque hai máis programas... Non obstante, neste o meu post máis orixinal, vou ser irreverente e vou elaborar unha diatriba contra o amigo de todos: Microsoft.

Primeiro de todo, non creo nesas teorías cabalísticas que relacionan a Bill Gates co 666. O que de verdade me molesta é o sutil e eficaz xeito que teñen de influír na nosa cotidianeidade incluso no noso xeito de pensar. O programa Microsoft Word e o seu corrector ortográfico son boa proba de tal circunstancia.

Dáme vergoña confesar que o procesador de textos axúdame a diario a elminar e descobrir castelanismos. De non ser por el o meu traballo estaría cheo de erros sonroxantes. Sen embargo a súa limitada base de datos en canto a vocabulario obrígame a usar as mesmas formas creando unha lingua baleira de neoloxismos, préstamos ou espontaneidade. O máis terrible de todo pode ser que cando introducides un topónimo este pode ser considerado un erro ortográfico. De tal maneira que se vivides en Calcuta existides e se vivides en Portosín non.

Ó igual que os xenios do cálculo mental foron caendo ante a necesaria e imprescindible calculadora a frescura do idioma no traballo e nos documentos oficiais irá caendo ante os correctores ortográficos. Sempre quedarán os foros con faltas de ortografía, palabros e abreviaturas pero non tardará o día en que sexan estas frescas renovacións da lingua sustituídas por emoticonos e incluiran un corrector automático. Preocúpame o quedarnos sen palabras... Cantas acepcións pode ter a palabra movida, chollo, chirimbolo, paranoia...? Quizais sexa mellor porque posiblemente non temos xa mais Nada que dicir©.

Monday, September 19, 2005

Nunca hai un restaurante coreano cando máis necesario é

Indígname este artigo de La Voz de Galicia sobre "as outras víctimas do Katrina". Para os que non saibades premer un hipervínculo resumoo en que hai moitas mascotas que quedaron sen dono e agora, claro, precisan un fogar.
¿E que?
Había en Nova Orleans persoas que non tiñan e nada e o perderon todo. Houbo mortes, violacións, inanicións, cólera e unha cidade, quizais, destruida para sempre tal como a coñeceron os turistas que pasearon polo Barrio Francés. ¿Deben preocuparme o máis mínimo a sorte de seres cos que non comparto especie?
Nunca lle fixen dano a un animal máis grande ca unha mosca. Quen me queira acusar de desalmado que o faga se quere. Pero ogallá houbese un cociñeiro coreano no Astrodome de New Orleans para facer can ó espeto. Non comparto a idea de que os animais podan ter ningún tipo de dereito xa que non poden exercer deberes. Si creo que os donos deben ter responsabilidades sobre eles e non se debe facer dano de maneira gratuita sobre calquer ser vivo ou inerte. Por outra parte estou plenamente a favor de que se someta as máis terribles torturas aos máis simpáticos animais (coellos, chimpancés, gatiños, cans...) se van redundar nunha mellora sustancial da nosa calidade de vida como pode ser curar enfermidades. Se é para probar novos cosméticos non estou a favor (aínda que temo que entón proben con mendigos).
Hai un debate moi interesante sobre o tema en Elizabeth Costello, un dos últimos libros de Coetzee. Eu non teño a capacidade do sudafricano para explicar toda a crúeza das implicacións de tomar unha postura ou outra. Só vos recordo que Hitler amaba ós seus cans sobre tódalas cousas e que Brigitte Bardot sacode as tetas nas manifestacións da Fronte Nacional e defende, á súa vez ós dereitos dos animais.
Eu creo que todo parte da concepción que teñamos dun ser humano. Para min un negro ou un árabe é un ser humano igual ca min. Para a soldado condenada polo de Abu Grahib e provinte dunha zona do Kluklux Klan non. Para min o valor da vida dun chinés ou un indio, como conxéneres, ten máis valor ca da unha foca do ártico. Para Brigitte non. Hai un biólogo que defende que os orangutáns deben ter máis dereitos ca un ser humano en estado vexetativo. Para min non. Como dicían Los Toreros Muertos: "Estoy hecho un animal".

Saturday, September 17, 2005

Morte aos Sírex (eloxio dos feos)


Pretendo facer unha louvanza do 15% da poboación femenina e masculina (a partir dagora todo o que diga sobre o feminino será aplicable ó masculino). Esta porcentaxe (no caso femenino) é a que segundo o meu compañeiro de piso, eminente psicólogo, nunca gozaría dos seus favores amorosos. Neste guarismo sitúo o número de persoas feas. Podemos coller prestado este axioma para desenvolver a nosa argumentación que se resume nesta sentencia: É preferible unha parella fea a unha guapa.
Unha primeira razón podería ser que é máis fácil acceder a unha. Aínda que a min paréceme igual de difícil. O que é un feito é que están menos demandadas e se intentas achegarte a unha terás que pelexar con menos voítres e pagar menos copas (seguramente sen resultado).
Outra pode ser que as guapas están demasiado consentidas. Poden falar de calquera tema intrascendente ou ter comportamentos propios de sociópatas que nós aturaremos estoicamente as súas conversas egocéntricas. Tamén se cren con dereito a chegar tarde, non acudir ás citas, falar mal de ti diante dos teus amigos, poñerte os cornos... ¿Por que darlle tanta importancia á beleza? Na primeira impresión pode cegarnos a súa luz pero despois, ó despertarnos pola mañá, ó vela despeluxada, legañosa, nun primeirísimo primeiro plano... ¿Segue sendo esa bella princesa? É máis. Despois de meses e meses de relación... ¿Non comezan a ser máis guapas as mozas dos amigos? Si amig@s a beleza é efémera. Unha ilusión no ollo de quen mira.
Se a túa parella é fea menos competidores. Os ciumentos durmirán máis tranquilos. Se a túa parella é fea (e pobre) ninguén dubidará do namorado que estás desa persoa marabillosa. Parece probable, aventúrome a concluír, que unha relación estable e prolongada cunha pouco agraciada persoa ten máis visos de duración.
Eu tiven a sorte ou desgraza de saír sempre (salvo nun caso alá polos meus 18 anos) con rapazas marabillosas e nada feas. Por iso ó mellor duran pouco. Porque todo o bo soe ser efémero (quizais a beleza non sexa, logo, algo tan malo). Digo o mesmo que di un cando se lle vai a rematar o contrato: algo haberá por aí.
Por iso pídovos, fieis e escasos lectores, que ante a consigna dos Sírex ("que se mueran los feos/que no quede niguno") vos rebeledes e berredes comigo: "Morte aos Sírex".

Friday, September 16, 2005

... y menos en calzoncillos

As frases definen tanto ás persoas como as persoas ás frases. Un dos meus actuais compañeiros de piso ten dúas recorrentes: "Eeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeee (mix)", que é unha imitación do comentarista da NBA Andrés Montes. A outra é "No somos nadie", á que une a coletilla "... y menos en calzoncillos." Hai unha discusión epistemolóxica sobre o tema entre nolos dous (somos xenerosos en carnes entón eu penso que a roupa evita que nos desbordemos polo tanto ocupamos máis espazo... en fin, conachadas) e outras frases de moito uso na nosa comunidade pseudoestudiantil ("¿Por qué Daimiel, por qué siempre se van con otro...?").
Andrómenas frikis aparte o certo é que eu, cando menos, non son ninguén. Entrevistaron a un amigo meu nun xornal, citou varias veces este o voso espazo mailo blog de Aquí e non houbo maneira de que o incluíse. Si incluiu outras referencias coma Todonada ou a Anxos Sumai.
Home eu penso que a elas xa as coñece todo o mundo interesado minimamente na cultura galega que se move hoxe en día. Poden e deben ser citadas pero que non se esquezan dos parias da terra. Sorpréndeme a cantidade de xente que le este blog. Sobre todo cando poño temas "comerciais" coma asuntos de actualidade política (xa vexo que a miña vida vos interesa máis ben pouco). E lenme amigos meus que nunca pensei que lle molaran estas frikadas.
Non quero ser famoso, hacer amiguitos, nin ligar con frikis alternativas (si, é mentira esto é o último) con este blog. O que me gustaría, compañeiro xornalista, é que me citases xa que aparezo nunha interview. Se os xornalistas cambiasen os gustos
dos entrevistados eu diría que a nosa conselleira de cultura disfruta máis con Sonic
Youth que con Maná e que a súa novela favorita é Matadoiro 5 pero o conto non funciona así. Por outra tampouco os xornalistas poden omitir referencias a artistas
(por dicir algo) que eles non coñezan. Se non os suplementos de cultura estarían en branco...

Karl Rove


A miudo ignoramos quen son as persoas máis importantes na nosa vida. Pensamos que eses amigos tan frikis ou la chica/chico de boca de fresa marcan os nosos biorritmos pero xusto ó pé deles, nunha esquina, entre as sombras e fumando un pitillo está aquel amigo da infancia ou o noso pai recorándonos que EL(Ou ELA) e só EL nos marcaron o camiño na vida.
No mundo éche parecido ou pior. A xente que se mete con Bush non debería gastar tanta enerxía. Despois de todo só é un fillo de papá, analfabeto, exalcoólico, fanático relixioso ó que lle fan o traballo por el. De feito ata lle ten que pedir permiso a Condoleeza para ir ó baño. O problema chámase doutra maneira, o verdadeiro revolucionario chámase Karl Rove.
Este repoludo texano é o gran ideólogo dos Neocon norteamericanos. Comezou a súa brillante carreira traballando para os asesores de Nixon no Watergate. A súa primeira misión foi infiltrarse na campaña dun candidato demócrata e saboteala dende dentro. Tamén estivo envolto en escándalos con narcotraficantes, asasinos, políticos corruptos... Tédelo todo na wikipedia.
A súa obsesión son os liberais. Durante a investigación do 11-S declarou: "Cando os liberais viron a salvaxe destrucción do 11-s foron correndo a dar apoio e terapia ós terroristas. Os conservadores preparámonos para a guerra..." Ideoloxía e persoa confúndense no señor Rove (que non sabemos se conduce un Land Rover). Nos debates de campaña entre Kerry e Bush (que o demócrata gañaba sobrado) el chiváballe as respostas ó seu monicreque a través dun micro. A estratexia de campaña foi presentar por unha parte a Kerry como un perigosísimo liberal de Masachussets que entregaría o país ós terroristas. E por outra dicir que durante a guerra do Vietnam se adicara a cortar orellas, cabezas...
Rove afirmou que el non quería acabar co estado senón reducilo tanto que o poda afogar nunha bañeira. Destruindo o sistema público de educación acabaría cos mestres e polo tanto tamén co partido demócrata. A súa obsesión é que o Partido Republicano gañe SEMPRE. Unha nación só de propietarios onde o mercado regule todo. Esperemos que non pase un furacán de forza 5 por diante da súa casa.
Non queda máis que preguntarse como a humanidade puido caer en mans de persoas de tan pouca envergadura intelectual e moral. Este individuo é un rotundo fracaso de millóns de anos de evolución e el e os seus secuaces están levar á nosa especie camiño da estinción. E a un tío de letras a usar termos de bioloxía. Habrase visto.

Thursday, September 15, 2005

Agasallo de voda

Fun durante a un mes a un curso sobre creación de guións para series de televisión impartido por un dos creadores de Pratos Combinados e que é, tamén, o seu protagonista.
Por incrible que vos pareza este non é o tema do post cotidiano.
Alí coñecín a unha rapaza que daquela non cumprira os 18 estudiaba no centro de Formación Profesional asociado ó mundo da imaxe. Era alta, espigada, cun corpo aínda en formación e de ollos azuis desafiantes. Loira como ela soa. Díxenlle que era a Lauren Bacall de Curtis e ela preguntoume quen era... Tiña a cualidade, supoño que pola súa xuventude, de cuestionar calquera idea con inocencia desprovista de altanería. Unha rebeldía de agradecer.
Polo mes de setembro díxome que estaba cun rapaz de Cuenca. Que empezara con el por empezar e que pouco a pouco lle collera cariño. Non cría no amor. Sorprendeume tanto pesimismo ós 18 anos. Seis meses despois contoume que ía casar. Non me atrevín a preguntarlle se estaba embarazada. E a voda é o sábado...
Un casamento, un accidente, a lotería, unha parella, a morte dun pai... ¿Merece a pena preocuparse polo futuro cando a nosa capacidade de manexar o presente é nula? ¿Que nos espera mañá?

Wednesday, September 14, 2005

Ó pelo

Perdoade este tema tan de El club de la comedia pero por que custa tanto aceptar os comentarios sobre o noso pelo? Normalmente todos temos unha idea sobre o noso cabelo que non coincide coa opinión do maioría. Hoxe díxenlle a unha amiga que lle quedaba moi ben o pelo longo e ela dixo que pasara toda a maña pensando en pedir cita para curtalo.
Son moi estricto co meu pelo. Só o quero curto. O último experimento foi poñelo en plan punki con 9 ou 10 anos e aí acabou o tema. Para min o pelo é tan definitorio da imaxe que nunca o tinxiría. Tanto cambio de estética reflicte o permanente estado de inseguridade e indefinición dunha maquinaria social que nos trata como lixo.
Se hai un peiteado que odie especialmente é o de taza, ese que se fai poñendo unha bacenilla de pelo ó redor da nuca. Tamén detesto ese revival dos 80 con melenas engominadas cara atrás ou o pelo desordeado (como recén saído da lavadora) nas puntas. Creo que se chama melena en capas.

Tuesday, September 13, 2005

Alonsomanía

Unha pantasma percorre os bares de ambiente futbolero de tapas de aceitunas e cacahuetes. Leva unha camiseta azul e amarela chea de emblemas publicitarios e anima a un pijo asturiano montado nun coche ultrarrápido.
O éxito da Fórmula 1 en España pode ser o resultado dun experimento sociolóxico. ¿Pode un deporte aburridísimo e elitista captar a atención da audiencia se hai un participante español que destaque e unha canle fai publicidade masiva do citado individuo? Parece que si.
¿É un deporte a Formula 1? Hai unha actividade física impresionantes, certo, e é unha competición, non menos certo. Pero a diferencia entre escuderías é tan abismal que aplicando o símil ó atletismo sería como se un correse os 100 metros lisos cun saco de patacas ao lombo e outros fosen a cabalo.

¿É aburrida a Formula 1? A igualdade entre as principais escuderías provoca que as carreiras se decidan ou ben nos entrenamentos ou ben polos problemas mecánicos. Extrapolada a situación ó furborrr, o partido decidiríase por quen corre máis no entrenamento ou quen ten o mellor utilleiro. Os adiantamentos non existen a penas e sucendense voltas e voltas dos tipos nos cacharros.
¿A audiencia está enganchada? Por suposto. Só é preciso ver todas esas camisetas horteras, gorras, portadas de xornais, anuncios do individuo ese etc, etc... Unha proba científica é que antes a Formula 1 era un deporte de frikis que sabían que neumáticos usaba Sauber. Agora sabeo ata a miña irmá.
¿É masiva a campaña de publicidade que fai esa cadea? A pregunta correcta é: ¿O código penal pode castigar este comportamento para librarnos do circo da F1? Hai veces que o espacio de deportes SÓ é Fórmula 1 e en ocasións, non contentos cos tres días de competición, meten polo medio miniprogramas con curiosidades sobre o mundo do motor. A publicidade ( en 1 de cada 5 anuncios aparece don Fernandito) tamén axuda a odiar a este ruidoso deporte

¿E o citado individuo merece o Príncipe de Asturias? Pois claro que non, e tira pola lama o nome dun premio que recibiron entre outros a selección brasileña de fútbol, Sergei Bubka, Manel Stiarte ( por non falar doutras categorias onde o levaron prestixiosos científicos, Woody Allen ou Arthur Miller aínda que é certo que tamén o levou a autora de Harry Potter).
A mellor definición de Alonso fixoa o Guiñol. Simulaban unha roda de prensa e el dicía:
"Voy a ganar a pesar de que mi coche es malo, mi equipo es peor, los periodistas y aficionados de España no saben de Fórmula 1, los demás hacen trampas"
"¿Cuál sería entonces tu mejor virtud?"
"¡Pues la humildad, o no se nota idiota!"

Monday, September 12, 2005

Austerlitz e os libros que non se len

Unha amiga, que le moito, recomendoume un libro que se chama Austerlitz de W.G. Sebald moi encarecidamente. De feito recoméndallo a un montón de xente. O Sr. Choqueiro fíxolle caso. Vinllo na súa casa e pregunteille se valía a pena e el, moi seguro dixo que si. Outro amigo meu, Tremor, tamén mo recomendara así que decidín collelo prestado e comecei a lelo.
Orixinalidade non lle falta ó libro. Vai a cabalo entre o ensaio e a narración. Mais resulta estremadamente aburrido, soso e parece máis unha guía turística (aburrida) ca unha narración. Sempre fun dos que pensou que as novelas deben ter trama e non abandoarse de maneira desaforada ó lirismo ou a divagación. Pode ser unha teima persoal pero pensade nos libros, películas, obras de teatro que recordades con máis agarimo.
Devolvinlle ó libro ó Sr. Choco e confenseille que me parecera un coñazo e que non pasara da páxina 120 (ten 260). E o diálogo seguiu así:
-Pois tes bo aguante...
-Logo ti non o acabaches?
-Pois non...
-Entón por que mo recomendaches?
-Pois porque é o típico libro que todo o mundo recomenda pero ninguén le...
-Home, espero que [nome da miña amiga] o lera.
-Pois non, tampouco acabou de lelo.
-Entón non entendo como tanta xente pode recomendar libros que non da lido?
-Pois a min paréceme normal (seguramente non dixo tantas veces "pois" Mr. Choq). Ademais eu só acabo de ler os libros malos...
En fin, opinade... Se dades lido este post enteiro.

Sunday, September 11, 2005

Noites de Inxenio e Ilusión

Nesta noite histórica pola victoria dos dous equipos de primeira división galega aos dous colosos da capital gracias ós erros arbitrais infórmovos dun feito non menos memorable. Nos próximos días estará aberta ó mundo a web www.maremundi.com. ¿E isto por que é tan importante? Pois primeiro porque é o maior portal sobre o mundo do mar feito en español. E segundo porque unhas, mínimas, liñas de código desa web están feitos por min.
Na miña estapa na FP fixen a práctica na empresa duns amigos de Noia: Inxenio Internet Consultin. Por iso cando alguén me dá a tabarra con que son moi inxenioso eu dígolle que se é así debeu ser por traballar nunha empresa que se chama Inxenio.
Non foi o único que me ensinaron. Todo o que sei sobre iniciativa, solidaridade, ética laboral, compañeirismo, ASP e valor aprendino deles... Unha desas experiencias das que só un mesmo sabe onde callan.
Tampouco era perfecto, non vaiades crer: moitas veces os de prácticas esperabamos un ratiño a que os xefes se erguesen para que nos abrisen a porta (retraso que compensaban con horarios ata a madrugada ou ata o mencer seguinte), comín moita comida rápida e algún desalmado por aí maltratábame con Sabina a todas horas...
A empresa comezou da nada, a nada é algo literal, pola ilusión de dous emprendedores que xa levan, penso, catro anos na brecha e se mantén a base de esforzo e talento. Creo, sen embargo, que a clave non radica nas habilidades informáticos senón no valor humano dos seus integrantes. Poucas persoas coñecín cunha formación cultural tan ampla, aberta, autodidacta e ben entendida coma eles. Aman o coñecemento e a cultura e cren cunha vehemencia sorprendente que o mundo se pode mellorar. E pásano moi ben aporreando guitarras. Poderían darlle leccións a moito universitario arrogante.
Hai persoas que por traballo, talento e fe chegan ó éxito. Hai outras que son un éxito en si mesmo porque ós que están ó seu redor se enriquecen de maneira xenerosa. Penso que eles pertencen ó segundo grupo. Que sirva esta homenaxe para despedir a Don Ramón Louro, cada día mellor deseñador gráfico, que marcha dentro de pouco a Zaragoza e é un fan recente deste espazo. A honra é miña e a ver se me ensinas a bailar a J. Unha aperta.

Friday, September 09, 2005

OT: The final countdown

Quero postularme a favor claramente pola victoria de Víctor en OT. Dende Jano, o prematuramente eliminado concursante da segunda edición, nunca houbo un participante que se saíse do estilo bisbal, música negra ou aflamencado. A súa potencia como intérprete rockandroleiro está fóra de dúbida ademais de contar cun gran presenza e ser un tío simpático e sensato. Declaro publicamente que mandarei un SMS apoiando ó de Tortosa para evitar o triunfo do ñoño Jorge Rivero. Felicito, dende aquí, ós concursantes pola súa soberbia interpretación: á malvada Soraya impresionante no escenario, a sexy Edurne, ó choromicas Sergio, á gitanita Lidia... E declárome a favor da permanencia de Idaira por afinidade cos Piscis.

Thursday, September 08, 2005

Campos semánticos: O amor

Non son filólogo. Esta decisión seguramente impedirá que escriba correctamente en calquera outro idioma e odie a obra doutros filólogas. Polo menos como dúas consecuencias máis inmediatas. Pero no colexo sacaba boas notas en lingua. Os meus exercicios favoritos eran crear familias de palabras e campos semánticos. A linguaxe que usamos para movernos neste carreiro é moi significativa.
Empregamos calquera vocablo antes de usar "amor". Non é amor "un calentón", "un rollo", "un ligue"... porque vemos, chegamos, vencemos e a outra cousa bolboreta (se hai algún filólogo presente que introduza a expresión galega axeitada, grazas). Tamén moitos se resiten a ter mozo/a así que temos "amig@s" e rolletes. Darálle igual a moita xente estar con veo ou co frac diante da igrexa que aínda non dirán "O meu mozo/a".
Pero sen dúbida negamos a existencia mesma do amor cunha expresión. Xa estemos nós ou un amigo bebendo os ventos por un Adán ou unha Eva que nunca chegará a estar namorado senón "Enconado". Unha marabilla da enxeñería lingüística popular pola súa capacidade de evocación. Un imaxínase a un individuo atrapado nunha vaxina xigante, similar ó que lles acontecía ós colonos espaciais en Alien: El Regreso.
Negámonos a admitir que podamos vivir esa situación. "Calentón" e "rollo" son termos propios de hostelería italiana e non falan de cariño, afecto, necesidade, comprensión... Paradóxicamente os donos de mascotas soen ser os máis xenerosos nesta caste de calificativos. Admitir ter un mozo/a é como recoñecer un talón de aquiles, estar namorado é ser un enfermo vulnerable ós xermes das relacións humanas contemporáneas nas que tamagochis e os videoxogos de estratexia en tempo real nos ensinaron unha versión morna e comercial do amor. Como diría don Kiko Veneno na súa nova versión "Enconado de la vida, aunque a veces duela...", prefiro os pequenos romances da cotidianeidade a buscar o romanticismo que non hai en ningunha persoa que habite nestas catro rúas con catedral e cidade da cultura (en construcción) incorporada.

Wednesday, September 07, 2005

Xa está AQUÍ de novo

Como vos anunciei en anteriores edicións un vello amigo rexorde das súas cinzas. Trátase do blog Aquí(sen tempo nun lugar) que despois dunha paréntese reflexiva volve a traizón e disposto a pegar duro.

Tuesday, September 06, 2005

A sorte que temos

Cóntanme que unha precoz e exitosa escritora á que o destino me uniu unha vez, e quen sabe se algunha máis afirmou, dende a súa postura de filóloga galega, nunha clase do CAP que nas cidades só falaban galego "os que tiveran a sorte en nacer en familias nacionalistas".
Non podo estar máis dacordo con esta afirmación.
É dicir, se temos a sorte de nacer nunha familia nacionalista o máis probable é que os nosos pais fosen profesores de galego (un ou os dous), ou de historia, ou de matemáticas, ou, no paroxismo da sorte, catedrático universitario... Tamén é moi probable que pertenzan a outra rama do funcionariado nun concello, na administración autonómica... Estes empregos soen ter a estraña característica común de deixar medio día libre para ler sempre en Galiza, de ser practicamente imposible despedir ós seus titulares a pesar dun comportamento laboral neglixente e de non ter o máis baixo dos salarios (outra cousa é que lles chegue ou non pero Sargadelos hai que pagalo). É preciso para acceder a estes traballos estudiar e ter un nivel cultural alto. Aínda que xa que son estes os que marcan a cultura oficial en Galicia poden rebaixar o nivel ata que non teñan que ler máis dun libro ou dous ó ano.
Crían fillos porque poden ceibalos nas súas casas dos concellos limítrofes das grandes cidades e poden pagar clases de música, inglés, informática, papiroflexia, fútbol, baloncesto, baile rexional e así entretelos... Se isto non basta poden contratar a outras persoas, normalmente de persoas non nacionalistas, para que se fagan cargo e eles podan recitar, baixo o luar, a Álvaro Cunqueiro. ¿Non credes que é unha sorte vivir nunha familia onde nunca vai faltar o básico? ¿Acaso non é unha sorte ter uns pais que te podan abrir o mundo da cultura e da educación? ¿Vivir orgulloso do que un é, non imitar o comportamento dos pijos porque un está seguro da valía das súas propias orixes, non ter que poñerse a traballar ós 18 anos, ter a quen nos axude cos deberes na casa para non ser un fracasado escolar, que che den a vida lixeiramente pulida...?
¿Ten ou non ten razón? Desgraciadamente ós futuros empregados de Econsum e Dia a súa profesora de galego non foi a súa nai. Quizais por iso se pasaron ó castelán, para aspirar a algo mellor.

Monday, September 05, 2005

Feísssmo

Farei un post con ideas alleas. Di un amigo meu que o tan manido feísmo rural ten máis de mito que de realidade. É evidente o horror arquitectónico e de ordenación do territorio que hai nas nosas aldeas. Pero habería que preguntarse por qué uns paisanos con poucos recursos, afeitos á vida dura, prácticos, sen coñecementos de arquitectura habían de facer as casas ó gusto do urbanita. A paisanaxe é de Le Corbusier, de Bauhaus, a funcionalidade ante todo: paredes sen pintar, ventas de alumiño, cemento, azulexos na cociña... Son sensatas respostas ó seu entorno e unha imitación da súa clase social máis cercana, que non son os médicos de Santiago, senón os habitantes dos barrios de aluvión das cidades. No País Vasco Francés toda casa nova que se faga ten que ser un Caserío. Aquí poderíase facer o mesmo, ter uns modelos de casas tradicionais e artellalas de maneiras preconcebidas. Non obstante non queremos privar ós labregos da arte dos mellores arquitectos galegos. Que contraten ós que fixeron as casas que os avogados, profesores universitarios e outros desafogados liberais teñen nos extrarradios das cidades. Iso si é harmonía rural.

Friday, September 02, 2005

A policía americana tirará a matar contra os saqueadores

É o mesmo que fan algúns iraquís en Bagdad.

Thursday, September 01, 2005

Un trato especial

Tou conseguiu de ZP un "trato especial" para Galicia. Adícaselle un trato especial a:
-Persoas importantes.
-Persoas ilustres.
-Persoas respectables.
-Anciáns.
-Mulleres embarazadas.
-Nenos.
-Enfermos
-Eivados.
-Tolos.
-Marxinais.
-Persoas marcadas pola desgraza.
Asimesmo, no encontro cósmico de superpresidentes o home que escolleu ser presidente da federación de rexións históricas entendidas coma nación en vez de interpretar ó Joker nunha secuela de Batman prometeu unha discriminación positiva para Galicia. Discriminación que é aplicada a:
-Anciáns.
-Mulleres embarazadas.
-Nenos.
-Enfermos
-Eivados.
-Tolos.
-Marxinais.
-Persoas marcadas pola desgraza.
A este grupo únelle a súa incapacidade de valerse por si mesmo e de necesitar a axuda dos demais. Aínda que non se queira recoñecer así.