Wednesday, November 30, 2005

Motivación

Onte vin un documental sobre rapaces que deletreaban palabras imposibles en Estados Unidos. Como soe acontecer é unha actividade do máis prestixosa alá e cun aura de perda de tempo é apreciado aquí. Sorprendeume, a medias, que moitos deses nenos fosen de orixe hindú. O pai dun deles (un que deletreaba 4.000 palabras ó día, tiña unha entrenadora persoal e a súa nai quitáballe a roupa na ducha para gañar tempo) deu un discurso moi encendido a favor da América das oportunidades: "Aquí se traballas duro e non te rindes podes conseguir o que queiras. En ningún outro lugar do mundo isto é así. (...) Si sei que o fago traballar moi duro... ¿Pero que hai na vida que mereza a pena que non haxa que sufrir para conseguilo? Se non gaña o concurso a min paréceme estupendo. Aprenderá a loitar por unha cousa e despois por outra."

Antes de que vos metades cos yankees, I´m boring with the U.S., deixádeme recoñecer que o discurso do pai era emocionado e sincero. Tiña dúas casas en Orange County, onde está ambientada a famosa serie sobre pijos desgraciados, e estaba posuido por unha enerxía sen límite. Afirmaba que había que facer as cousas na vida con PAIXÓN, que, do contrario, non se conseguiría nada na vida.

¿Que queredes que vos diga? Envexoo. Creo que no, afortunadamente, abondoso mundo no que nos tocou vivir as motivacións son poucas. Diría máis. Na súa maioría son negativas e consisten en perder o que xa temos ( aprezo social, situación económica, saúde...) ou en utopías por definición inalcanzables salvo polo azar dalgúns individuos (futbolistas de elite, supermodelos, actores, músicos...). É difícil apaixoarse co negativo ou o inalcanzable cando se parte dende tan alto. A vantaxe que teñen as rúas de Calcuta é que axudan a mirar o mundo dende abaixo, dende aí todo é subir.

Si, seguramente tamén é a única vantaxe. Pero durante toda a miña vida en campos nos que sempre fun moi malo (o deporte por exemplo) as satisfaccións, pequenas fazañas, foron máis satisfactorias que nas cousas que, suponse, se me dan mellor.

Tuesday, November 29, 2005

Houellebecq

Lin todolos libros de Houellebecq, en realidade estou a rematar o último, e non podo afirmar que disfrute lendoo. Nin que as súas cualidades estéticas ou éticas causen en min unha grande impresión. De feito o último é algo aburrido e estame a custar rematalo. Seguramente compre o próximo, o seguinte e o outro.

Ós que non o coñezades a el nin ó seu historial de escándalos podedes ler aquí sobre el, artigo de Arrabal incluído. Coincido co amigo alcólico de Sánchez Dragó na súa definición deste personaxe coma un escritor noxento que escribe cousas noxentas. As súas obras semellan manifestos en contra dos valores realmente establecidos na sociedade: o hedonismo, o culto ó corpo, o humor, maio do 68, o sexo... Ademais cada vez resulta máis evidente que usa xerga pseudocientífica e asolaga os seus textos con esceas pornográficas na procura dun rendemento comercial.

¿E por que o leo? É evidente que el é un depresivo crónico. Un automarxinado e marxinal dende o primeiro momento. As súas novelas, se as tomas en serio, baixante os biorritmos nuns cantos puntos e sempre está presente a morte, a decadencia, a enfermidade, a crueldade e a indiferencia dos demais. Sen embargo fala, con torpeza ,recoñezo, e sen caralladas de graves problemas sociais, de categorías conceptuais que todos damos por suposto e que quizais estén na raigame dos nosos problemas. Tamén, no fondo, é un namorado do amor. Un misántropo que vive co seu can en Almería e un bo espello do noso mundo. E ás veces non nos gusta mirar.

Unha frase resume ben a súa obra:
"Non hai que temerlle á felicidade: pois non existe"

Monday, November 28, 2005

Pensamentos nihilistas

Dadas as circunstancias a miña mente non dá para máis nada que un par de pensamentos sen sentido e sen esperanza nesta fría mañá de novembro.

Pensamento 1:

Vou opositar a funcionario de prisións para tratar no traballo con xente máis agradable.

Pensamento 2:

A pesar de sentirme físicamente moi mal por unha gripe, creo que poucas veces tiven tantas ganas de practicar o sexo coma agora. Non hai ningunha moza dispoñible ó meu redor (afortunadamente para ela).

Pensamento 3:

Son capaz de discutir sobre un monte de temas pero de ningún deles co rigor e seriedade dos expertos. Os de verdade, vaia.

Pensamento 4:

Non sei por qué me preocupo tanto polos problemas de persoas que me andan a marear, fáltanme ó respecto e, de facto, non son nin serán os meus xefes. Un bo misterio.

Pensamento 5:

¿Por que só persoas moi determinadas (non vai por ti Elric tranquilo) dannos plantón a miudo e sempre as volvemos chamar?

Pensamento 6:

Se o Barcelona gaña este ano a Champions a súa lenda verase engrandecida por ter a un dos peores porteiros de primeira división baixo os paos. Se o vindeiro ano fichan a Casillas terei que animar ó Madrid para que haxa emoción.

Pensamento 7:

A morte é o consolo último dos máis miserables. Podes ser torturado do peor xeito que serás sabedor de que o tormento rematará nalgún intre... A menos que creas no Inferno.

Pensamento 8:

Sempre me desagradou sobremaneira a expresión "paja mental". Sei que este termo anda na cabeza de moitos vós NESTE PRECISO MOMENTO. A masturbación é unha arte do alivio, está intimamente vencellado á confesión e ó psicoanálise. ¿Cando a vosa avoa vaise confesar credes que vai masturbar a súa mente?

Pensamento 9:

Xavier Alcalá, nomeado Enxeñeiro de Telecomunicacións do Ano, ademais de escritor é un dos compositores dunha das cancións de máis éxito de Julio Iglesias. Ós 25 xa sinto que non fixen nada coa miña vida.

E 10:

Facede algo de proveito co voso día e poñede unha vela por min ós vosos santos. Bicos a todos.

Friday, November 25, 2005

Luddismo

Cada vez teño máis medo da tecnoloxía:

Por isto, isto,
ou isto.

Caras espidas

O outro día mentres xantabamos víamos o novo telexornal. Un dos meus acompañantes preguntou, con pouco glamour, "que carallo lle pasaría a esta tipa". Referíase a Begoña Fontenla, a presentadora do telexornal. É unha muller realmente guapa pero á vez sempre ten unha expresión moi triste. Dixen eu "Parece que o pasou mal na vida" e dixo o meu compañeiro "Parece".

Este preámbulo que arrecende a filosofía de cortello sérveme para dar pé á seguinte reflexión: Quizais a cara non sexa o espello da alma senón que, en moitas ocasións, o xeito en que os demais xulgan a túa expresión determina a túa personalidade. Por poñelo nun exemplo, se un ten unha expresión de cabreado é posible que os demais interpreten que realmente está enfadado e a xente o trate coma se realmente andivese alporizado. Pouco a pouco o caracabreado acabará asumindo o seu papel e estará de mala hostia todo o santo día.

No meu caso téñome levantado en perfectas condicións despois de durmir 9 horas e achegarse alguén e preguntarme "¿Que che pasa?". Máis habitual é que me digan que teño "cara de cansado" cando sinto a vitalidade dun touro adicto á xalea real. Finalmente, creo, que na vida sempre xogamos un pouco ó teatro e o papel, normalmente, non é elexido por un senón polo público.

Outra cousa curiosa das caras é que hai xente que ten unha cara que non se corresponde coa súa idade. Coñezo a xente con 18 anos con expresión de vellos. Sei, con total seguridade, que a súa personalidade e o seu rostro se axeitarán máis ó longo dos anos. Tamén son sabedor de anciáns con ollos de neno. Nestes casos, a pesar da súa vitalidade, un non pode deixar de pensar neles coma cans pechados nunha mísera gaiola. Creo que a idade dourada prodúcese durante un periodo na vida: a infancia, a xuventude, a madurez, a vellez... É cando se sinten máis poderosos, no plenilunio da súa vida. No que a min respecta creo que os anos sentaranme ben. E non é que me compare cun bo viño...

Estimada Begoña. Non deixes que a xente xulgue a túa alma pola túa cara. Non sei se es feliz ou non. Desexo o primeiro claro. Sabes que a máscara fai o papel, non ó actor.

Tuesday, November 22, 2005

La Mala Educación

Son unha contradicción andante, como naquela canción de Green Day. Dígovos que hai que ignorar ós hooligans da opinión dereitista e eu indígnome con Pedro Arias. ¿Que lle vou facer se un xornal mercenario como La Voz rebaixa o seu subterráneo listón con indisexables desta caste?

Este profesor universitario presume nas súas clases de que non vive da docencia e que o fai por vocación. Ja. Como saberedes, ademais de quintocolumnista do periódico máis coruñés é tamén o experto no PP en tódalas eleccións. Foi membro do PC moitos anos e concelleiro da Coruña. Bueno, un caso máis. Agora o seu hobby é provocar ós seus alumnos esquerdosos/inxenuos con comentarios sobre o bo facer de neoliberais en xeral e americanos en particular. É partidario, coma moitos destes Illuminati, de privatizar ata o aire que respiramos (non vos riades que varias fundacións así o propugnan en Estados Unidos).

O combustible para a miña indignación veu dado por este artigo Fabrica de mediocridades . Non me resisto a poñervos algunhas das xoias:

Nuestra educación es intervencionista, estatista y básicamente equitativa en su falta de nivel. La pagan los contribuyentes por canales que desconocen y después los políticos reparten los fondos a los colegios públicos y a los privados concertados.

En España no hay libertad de elección educativa, ni libertad para impartir enseñanza. Los centros no pueden competir realmente entre sí, la diferenciación es más ideológica que profesional.

El Gobierno meterá nuevos comisarios políticos y se liberará del problema del control de la calidad externa evitando reválidas delatoras.


E esta é a miña favorita:

La mayoría de los jóvenes se sentirán poco capacitados, sino mediocres, al salir del sistema; no se les demostrará que nadie es más que nadie, que todos tienen algo realmente notable y que cada uno es imprescindible. Iniciarán una carrera contra la inseguridad y el malestar de sentirse gente del montón en una época donde sólo los elegidos tienen un lugar entre las estrellas. Muchos la perderán, pocos la ganarán.


Como fillo, neto, bisneto, sobriño e primo de profesores non podo máis que celebrar que xente anónima e non tanto loitasen durante centos de anos por instruír e dar coñecemento a toda a poboación. Como ser humano alégrome de que tantos e tantos desen a vida por un concepto que se lle escapa a estes prestixiosos intelectuais: compartimos especies e uns seremos máis ca outros tendo en conta a igualdade de oportunidades das que dispoñamos. O que inclúe unha escolarización universal aberta a todos. ¿Produce mediocres? ¿Empeorou estes anos? Eu estou tamén dacordo en que non se premia o suficiente o esforzo persoal. Tamén creo que se invirte unha cantidade ridícula en educación, que os concertados son unha vergonza porque amosan que as necesidades básicas da poboación non están realmente cubertas e que un problema fundamental da educación en España e que os individuos máis brillantes non ocupan os postos que se merecen porque son colocados antes os badulaques das vellas elites, ós que os seus pais si lles dicían antes de deitarse que eran especiais.

¿Por que hai que soportar a crítica permanente ó socialismo, incluso ó socialismo real, e á súa inxenuidade cando a proposta destes cazurros é que se as cousas se privatizan irán mellor porque unha man invisible se encargará de regulalo todo? Isto é valido para os leóns na selva, sen capacidade para o asociacionismo. As dúas especies con maior presencia no planeta (nós e as formigas) tomamos o poder gracias a nosa solidaridade e cooperación. Sigo sorprendéndome do fracaso da historia. Agardemos que este sexa un golpe de estado temporal dos idiotas e que algún día, desgraciadamente forzados polas circunstancias, volvamos ó rego.

Monday, November 21, 2005

A soidade nos cines

O bo da matemática, a física e demais ciencias exactas é que se dan no baleiro e nun plano teórico. Xa que logo predecible e controlable. A vida, unha das disciplinas máis inexactas, tan impredecible e variable coma unha tortilla de patacas, vese influída, e de que xeito, polos figurantes e atrezzos.

Hai unha grande diferencia entre ir so ó cine e ir acompañado. Coma toda gran cuestión non se pode apreciar a simple vista e seguramente é inexplicable para aqueles que non experimenten o mesmo ca un. Duns anos a esta parte afeccioneime a ir so ó cine. O problema vén na previa da película. Inquédame estar so en público. Seguramente reflicte pouca confianza en min e nas miñas capacidades de defensa ante o mundo. Outros dirían que son baixiño, mixiricas e non sobrado de forzas. Ou un misántropo sinxelamente.

A xente mira estrañada ós solitarios dos cines. Nesta época de intercambio de arquivos p2p, tropecentas canles de tv, videos e DVD, a facilidade de ver unha película é moita. O difícil é non vela porque ata os anuncios de Cola Cao se prantexan partindo desta idea cinematográfica. Sen embargo o cine é un acto social. De parellas e grupos de amigos. Un individuo illado nun cine é sinónimo de sordidez e tristura. Agocha unha desgracia que o levou a acudir só á proxección. Ó mellor é tan malvado que ninguén quere ir con el a ver A máscara do Zorro 2, pode que sexa un amargado que vive coa súa nai e esta só lle permite ir ó cine unha vez á semana ou que a rapaza coa que quedara lle deu plantón. Seguramente a min me encadren na categoría Friki.

Por algunha razón as conversas dos veciños de butaca na prepelícula son extraordinariamente insípidas. Eu, que escoito con sumo interese calquera conversa allea, abúrrome e pido con vehemencia que poñan os anuncios e den paso á película. Durante o filme todo cambia. Vexoo e punto. Despois marcho coa rapidez e a falsa tranquilidade dun atracador de bancos.

Non teño preferencia entre ir so ou acompañado. Ir en solitario ó cine parécese ó sacramento da confesión e ir acompañado ó da eucaristía. Cando un vai so, e supera as súas manías prepelícula, ó rematar a proxección vai dixerindo interiormente o que o director quixo transmitir e camiña de volta á casa en silencio. E o silencio é o aliado imprescindible da comprensión. Se un vai con amigos pasao ben antes e despois da película. Entretense nos tempos mortos e logo, se quere, comenta a película.

Debo recoñecer que non son partidario de falar da película nada máis vela. Entre outras cousas porque se é interesante non me deu tempo a analizala en profundidade (eu so cos meus silencios). E se non é interesante para que vou comentar nada. Coñecín a un rapaz que se negaba ferozmente a falar da película nada máis vela. Tampouco chego a iso. Simplemente creo que as obras de arte importantes quedan en nós e incorpóranse ó noso ser. Non fai falla tratar con inmediatez o eterno. ¿Non?

Thursday, November 17, 2005

Nothing compares to you

Esa canción fantástica que todos atribuídes á antipapal Sidney O´Connor e que só os princemaníacos concedemos ó Príncipe de Minneapolis serve para evocar a un amigo meu perdido na lonxanía do sur de España. Normal que fose a Sevilla durante un mes para unha estancia de estudos e a preparar a tese. Non en van é o maior, e seguramente único, sevillista de Xinzo de Limia. A explicación é sinxela: naquel equipo de principio dos 80 xogaban Moisés (coma el) e Francisco (coma o seu avó).

Abúsase do termo incomparable. Moisés éo tamén pero isto non quere dicir nada porque a nosa individualidade é unha das poucas cousas que temos en común. Do que non teño dúbidas é que ver o fútbol canda el é unha experiencia incomparable. Así se fixo forte a nosa amizade. Compartimos tardes e noites de fútbol en bares da máis diversa calaña e tapas.

En xuño de 2004 eu estaba a pasar por un mal rato persoal. Aquelas tardes no Bellavista, ó pé do antigo Hospital Xeral, vendo as rácanas victorias de Grecia, a decepción da elminación da República Checa, o emocionante Portugal-Inglaterra que rematou nos penaltis... Dende aquela imos tódolos domingos e días laborables de Champións ou selección a comer cacahuetes e compartir o noso odio polo Real Madrid, Víctor Valdés ou Joaquín así coma a nosa devoción por Giovanni Van Bronckhorst.

Somos un pouco frikis. Debemos admitilo. Non vos vou contar as nosas teimas, moitas e variadas, por se algún día tedes que decidir sobre a nosa vida ou morte e decidides que non merece a pena salvarnos. Este é un post un tanto morriñento. Comprendédeme son moitas horas de risas falando de fútbol e vendo perder ó Madrid na final de copa e goles de Gio inolvidables. Seguramente o único que quero dicir é que non hai nada comparable a ver o fútbol contigo e nunca disfrutarei do deporte se non é vendoo ó teu lado. Tacuerdas Mois?

Wednesday, November 16, 2005

Frivolidade

Unha nova lectora e compañeira de traballo pídeme un post sobre a frivolidade. Non sei se os encargos son bos ou malos. O meu avó materno coñeceu a miña avoa porque coincidiu cunha tía bisavoa nun barco que viña de Cuba. Polo tanto o meu avó era un encargo para a miña avoa. Coma vedes estou en débeda-

Non me gusta a frivolidade. A memoria fállame, non vos riades que non é coña, e non lembro se xa fixen un sobre Sexo en Nova York. De non ser así reitero o non dito. A frivolidade é esa serie: tomalo todo a lixeira, preocuparse pola apariencia e o superficial. Os Simpsons definiron Sexo en Nova York á perfección "Un grupo de solteras que actuan como gays". Antes de que me vaiades á chepa por homófobo e eu teña que explicar que teño amigos gays etc... Direivos que ó que se refire a frase non é a un home que gosta doutro home senón ó que coñecemos por LOCAZA.

Frívolos son aqueles que non saben tomar en serio nada. Os que non gardan un espacio para a solemnidade. Dicía o finado Casares que o que máis gracia lle facía era a solemnidade. Rirse dela. Comparto ese impulso. Na misa moitas veces dábame a risa polo silencio e a xente pasmada perante o altar. Sen embargo hai momentos para o trascendental e valorar a importancia dos momentos únicos.

A frivolidade constitúe unha barreira importante entre o individuo e o exterior. Funciona de maneira moi similar á misantropía e devalúa a realidade coa súa actitude petarda. Neste mesmo blog hai un post sobre Almodovar, deste si me acordo, no que o acuso de frívolo. De arruinar argumentos ben cosidos por vestilos con bata de cola e mantilla de coloríns.

A miña compañeira aludía á frivolidade dos políticos. Moitas veces afirmei neste ciberespacio que os políticos son subproductos sociais. Nun planeta onde se clonan mascotas e se nega a investigación con células nai a frivolidade é un valor en alza coa hipocresía, o autoengaño e o egoísmo.

Friday, November 11, 2005

Galipedia

A Wikipedia, para os que non a coñecedes, é unha iniciativa moi en liña dos novos xeitos de entender o traballo e coñecemento derivado da cultura de Internet. Trátase dunha enciclopedia online realizada por voluntarios de todo o mundo nas máis diversas linguas. O seu creador desexa facela accesible tamén naqueles países onde a banda ancha soa a risa e realizará copias en CD e papel.

E claro. Nós temos Galipedia. Se queredes saber un pouco sobre a súa historia aquí tedes. Chamáronme a atención varias cousas da portada da edición galega.

A primeira foi o desfase entre artigos segundo as linguas en relación cos idiomas. Por exemplo o polaco e o sueco teñen máis de 100.000 entradas mentres que o español, o portugués e o chinés só teñen 40.000. Nós andamos cos 10.000 pelados (tres veces menos que o esperanto) e subindo. Un dos meus amantísimos lectores, creo que Fromoze, esixiu maior colaboración con esta iniciativa. Eu dígovos o mesmo. E para dar exemplo comprométome a facer cando menos un.

Para os que crean que este tipo de proxectos son homoxeneizadores que poñan o seu concello de procendencia. Aí aparecerán tódalas parroquias. Sen embargo moitas das referencias son escasas (mirade Luis Tosar) e algunhas un tanto incomprensibles (Méndez Ferrín). Sen embargo non estou aquí para criticar. Participemos, como di o noso vate: "Xuntos, máis fortes..:"

Thursday, November 10, 2005

Sorpresa, sorpresa

O Señor Choqueiro pídeme un post sobre o que acontece en París. Non creo que a ningún de vós, coma a min, vos interese o que declare Sarkozy, Villepin, Chirac ou Laetitia Casta ó respecto. Esté é un bar de moteiros heterodoxos e se queredes política ficción lede El Mundo ou Libertad Digital.

O que me interesa realmente é a capacidade de sopresa da humanidade en xeral e dos franceses en particular. Pregúntanse como é posible que nun país onde se falou tanto de integración durante anos non se conseguise unha coexistencia pacífica cos cidadáns franceses de orixe africana. Cuestiónanse pola razón pola que non están inxeridos na sociedade media francesa coma os italianos, portugueses ou españois. Estas preguntas recórdanme, e moito, ás que os norteamerianos se realizaron despois do 11-S.

A sorpresa deriva do descoñecemento. Se sabemos que hai un lituano en calzóns no noso armario non é unha sorpresa. Se xogamos cun chisqueiro nun estanque cheo de gasolina a ninguén lle estrañaría que nos queimásemos. Polo tanto a ignorancia é un feito fundamental para que alguén se atope de golpe con este problema.

Despois da victoria no mundial de fútbol de 1998 en Francia puxóse a Zinedine Zidane, Zizou para madridistas e gabachos, coma exemplo de integración. É dicir, calquera rapaz dun suburbio de Marsella só ten que entrenar e entrenar ata ser o mellor do mundo e gañar 18 millóns de euros ó ano. Tendo en conta que, nun cálculo rápido, os futbolistas de élite franceses non poden ser máis de 700 ou 800 e, sumando outros deportes pode haber ¿3000? ¿4000? nunha poboación de 60 millóns non parece demasiado. Outros modelos de integración: cantantes, bailaríns, actores... Sinceramente, creo que é máis proveitoso sacar unha oposición a camello.

¿Por que non se integraron os africanos coma os inmigrantes europeos? Algunhas hipóteses: non viñan doutro continente e polo tanto non tiñan que asimilar un novo sistema económico, relixión, organización social... Viñeron despois da Segunda Guerra Mundial. Ou dito doutra maneira. Viñeron porque había unha falla de man de obra alarmante, os ilegais que veñen agora veñen a aumentar os beneficios dos empresarios, pero no caso dos disturbios de París non pode ser definitorio xa que os que forman os disturbios son a segunda xeración. Ah, e outra cousa. Son máis oscuros que o francés e francesa medio. ¿Terá iso algunha influencia en consideralo diferentes? ¿E os fillos? Un fillo dun español ou dun portugués nacido en Francia sería dificilmente distinguible, salvo polo apelido, dun purasangre galo. Sen embargo os descendentes dos africanos estarán marcados para sempre pola diferencia.

Non é este o peor racismo. Estes disturbios son calcados os dos anos 60 en Newark, Detroit, Los Ángeles... A xeración que intentaba superar a esclavitude de facto pedía un sitio na socieade. Unha oportunidade de vivir. A peor discriminación é a neoliberal que marca que se ti es pobre o sigas sendo e pasandoo mal para sempre xamais. Cando viñeron os europeos do sur a Francia había unha sociedade máis amable e comprensible, non olvidemos que viña do holocausto, unha Europa que entendía que o egoísmo non leva máis lonxe que a extinción.

Wednesday, November 09, 2005

Cineuropa

Agora mesmo estou a remexer un café, bebida odiada por min, para que Morfeo non me atrape no medio da proxección da sesión das 4. Non pensedes que é un perigo menor. O outro día fun ver a aburridísima Gerry de Gus Van Sant e dous amigos máis eu quedamos traspostos nalgún deses eternos paseos polo deserto que se pegaban os personaxes.

Vou para vello rosmón. O que vin polo dagora de Cineuropa non me despertou ningunha paixón. Aquí descobrín a Hal Hartley ou Takeshi Kitano. Vin clásicos coma Centauros do deserto e marabillas como Dioses e monstros. Saín impactado do cine tralo visionado de Garaxe Olimpo e cústame admitir que agora á cabeza non me veñen moito máis. Xa vedes como a idade si me afecta de verdade.

Cineuropa é un espacio para os ritos. O principal, estaredes dacordo, son as entradas. Afeitos a un mundo de butacas non numeradas todos recordamos colas memorables para ver aquela peli de moda nos círculos indis. Iso cambiou. O da reserva fai miragres. Tamén a distribución en dúas salas axuda. Consolidei amizades e odios nas colas de Cineuropa. Do mesmo xeito fixen acrobacias cos bonos e as moedas para a miña localidade. Tenme tocado no fondo detrás dun tipo dun metro 90 e escoitar os katanazos de Battle Royale dende a primeira fila. Sen embargo, insisto, xa non vexo ese ímpetu xuvenil do Santiago dos meus comezos universitarios. As colas nunca superan o Rhin e esa ineficencia, reducida nunca paliada, do Cineuropa é parte do seu encanto.

O misterio reside na razón pola cal os "gafapastas" e demais fauna santiaguesa colapsan en ocasións o Principal para ver a película X e despois non supera a semana de exposición nas salas comerciais que están medio baleiras. Cineuropa, xa se dixo, é un fogar de ritos.

Tuesday, November 08, 2005

Madonna vs Britney

Admito que estou colgado do último single de Madonna: Hung up. Os que saiban máis inglés verán aquí un chiste. Os demais non. Enn todo caso, resulta entrañable ver a unha señora que podería ser a miña nai embutida nunhas mallas rosas indo soa a unha discoteca a rozarse con supercachas gays (si, miñas nenas, un heterosexual non coidaría tanto o seu aspecto físico e, sobre todo, non bailaría tan ben).

Chámanlle a ambición loira pero creo que non deixa de ser envexa e machismo. Ten un ollar antipático, semella tamén que moitas das súas aventuras son concebidas máis que nada que para falemos dela, coma se dunha Sara Montiel da vida se tratase. Algunhas experiencias tan delirantes e artísticamente dolorosas coma a súa experiencia interpretativa (Buscando a Susan desesperadamente, Quen é esa moza?) ou a súa carreira coma escritora infantil. Sempre tiven a teoría de que o fixo para ensinar unhas gafas bonitas que comprara. Se fose un home diríamos que é polifacético. O novo Bowie ou algo así. Por outra banda leva moitísimos anos de primeira nos billboards e a súa discográfica lanzou Jagged Little Pill de Alaniss Morrissete ou The Fat of The Land The Prodigy. Todo o que se pon nun video arrasa no mundo na próxima tempada e soubo adaptarse en cada época ós diferentes estilos poñendoos de moda.

Lady Ciccone ten unha clara continuadora en Britney. Polo menos en éxito e influencia entre a adolescencia. A propia Bretaña Lanzas (traducción do nome) así o confesa sen embargo Madonna é unha verdaeira artista que canta e compón as súas cancións. Non podemos afirmar que a veterana sexa un icono do que significa ser independente pero sempre intentou, con fins comerciais iso si, transgredir e explotar tabús. Britney está composta nun 80% do seu organismo de publicidade. Ás veces iso trae problemas como cando a viron cunha lata de cocacola e a semana anterior firmara un contrato supermillonario con Pepsi.


Ámbalas dúas casaron varias veces. Britney, precoz, cun amigo de toda a vida. A matrimonio non chegou ás 24 horas. Tamén son as dúas nais pero mentres que a Madonna lle cambiou a vida a Britney sumiuna nunha profunda depresión porque engordara e non era capaz de recuperar a súa silueta de Majorette. As dúas teñen en común o fracaso no cine e a loirez.

Ao mellor trátase de que me volvo vello pero dáme a imprensión de que os nosos ídolos son cada vez máis insustanciais. E digo nosos porque seguro que se tivese 12 anos andaría fascinado por Britney como andiven por Madonna. Menos rebeldía, menos novidades, máis comercio e máis mediocridade. Teremos o que merecemos. ¿É Zapatero Britney e Felipe Madonna? ¿Aznar-Madonna e Rajoy-Britney? ¿Os Rolling-Madonna e os Strokes-Britney? ¿Doutor en Alaska-Madonna e OC-Britney?

Sunday, November 06, 2005

Maradona vs Bush


Nesta época das marabillas onde os científicos crean cyborgs e especulan en serio sobre a posibilidade de viaxar no tempo, periodo histórico no que a educación se universalizou nos países industrializados e conta cun grao de especialización insólito, cando no día de hoxe respiran máis seres humanos que practicamente todos os que existiron na historia, os respresentantes da gran batalla que se desenvolve no planeta entre a esquerda e a dereita, ricos e pobres e a opresión e a esperanza son George Walker Bush e Diego Armando Maradona.

No cumio de Mar de Prata Maradona tivo un papel destacado compartido co amigo Chavez. Púxose a camiseta Anti Bush e realizou unhas declaracións propias de Séneca: "Me gustaría arrancarle la cabeza a Bush de un pelotazo." As frases brillantes son outra cousa en común destes dous americanos líderes mundiais. A miña favorita de Maradona é:Quiero ser más argentino cada día. De Bush son necesarias varias listas aquí, aquí e aquí. A miña favorita é esa homenaxe á C. Clark: "Es tiempo para la raza humana de entrar en el sistema solar."

Non acaban aquí as condicións. Os dous tiveron un pasado turbulento. Diego coma xenial e polémico mediapunta e George coma quebrador de empresas. Ambos tiveron problemas coas drogas e despois de resolveros renaceron coma Fenix e están no candeleiro ou, ó tratarse destes dous lingüistas, no candelabro dende entón. Os dous adoitan disparar antes de preguntar e teñen problemas cos libros. Cada un é idolatrado na súa patria e son centro da polémica. (Desculpade pero acabo de ler outra xenial de Bush:«El gas natural es hemisférico. Me gusta llamarle hemisférico en la
naturaleza, porque es el producto que podemos encontrar en el vecindario» )

O caso é que debemos preguntarnos polo que fixemos mal para deixar no primeiro plano a estes elementos e perder ós grandes e carismáticos líderes do pasado. ¿Onde van? ¿Ubi sunt? Eu creo que andan agochados para que a mediocridade non os salpique. De estar en desacordo comigo digo o mesmo ca Bush:"Manteño tódalas declaracións equivocadas que fixen."

Thursday, November 03, 2005

Libertades dixitais, estupideces analóxicas

Algúns meus amigos andan co mal hábito de meter o fuciño no esterco a ver se sacan as trufas máis excelsas. En currunchos sépticos un non se pode sorprender por atopar o que normalmente hai aí: merda. Por iso reprendo públicamente o seu costume de ler Libertad Digital. O medio electrónico de Jiménez Losantos que dá a súa visión paranoide dun mundo gobernado por roxos, masóns e separatistas con columnas arengando á guerra civil e ó golpe de estado.

A audiencia deste e doutros medios como a Cadena Cope aumenta por incautos facilmente escandalizables ou exploradores que din querer coñecer a mentalidade do inimigo. Non se pode extraer ningunha idea dese grupo de desequilibrados mentais e emocionais. O pensamento conservador é algo moito máis digno e útil á sociedade do que eles defenden que non é outra cousa que odio e rancor a un mundo que non os quere. Por iso pídovos un boicot ós productos losantianos e que non estendades a vosa indignación porque serve para darlles azos.

Dito isto vou contradecir todo o anterior.

Debido ó meu traballo, fago noticias sobre novas tecnoloxías, teño que visitar a miudo esta web porque, recoñezoo, teñen unha sección interesante, e bastante razonable políticamente, sobre internet. O demo levoume a ver o seguinte artigo onde o friki ese debuxa un retrato da realidade que reforza a miña teoría: esta xente vive nun mundo utópico onde os progres son os malos e causantes dos problemas. Non é que mintan para permitir que os de sempre aumenten a súa xa considerable cota de poder. E iso si que é diagnosticable.