Saturday, December 31, 2005

Nada máis que dicir... por este ano

No último post do ano permitídeme a licenza de ser tópico e falto de orixinalidade:

Que entredes todos ben no ano 2006 e ordenadamente. Eu cumprindo a miña tradición anual non disfrutarei da primeira noite do ano en todo o seu esplendor confitero e alcólico. Non sufrades por min que onte pechei Liberty ás 8 e media da mañá e tiven unha discusión cun curmán que dará moito que falar neste blog. Ao final acabamos ríndonos do mundo, son datas para a concordia.

Non fagades propósitos de fin de ano. Dígovolo por propia experiencia. Verbalizar un desexo soe quitar forza ás intencións. Se realmente desexades algo a vida conspirará para proporcionarvos o que queredes. Se non é así non vos preocupedes.

Fumadores: non remata o mundo e esta non é a Alemaña Nazi.

Na miña liña habitual incumprirei os meus propios consellos: este ano procurarei ser máis atento coas persoas que o merecen e perdoar os que me ofenden. Tal como din os propietarios da COPE:

Felicítome a min mesmo polos felices acontecementos que tiveron lugar neste ano xa moribundo. A creación deste lugar de encontro de min coas miñas pallasadas habituais e con vós resultou unha grande satisfacción e unha ferramenta moi útil para coñecer mellor ó mundo e a min mesmo. Tamén me congratulo polos excelentes fichaxes que fixen este ano: Elric, El Duende, Zenone, La Mona, Senyera e outros que non se dignan a lerme son corresponsables da maioría dos bo momentos que me depararon estes 365 días. Permitídime unha mención especial, que non un accesit, a Aquí que non unha descoberta senón un redescubrimento. Proba de que no coñecido viven tamén sorpresas marabillosas. Agradézolle tamén ter sido a miña cicerona no mundo dos blogs (con Accesit para Sao Tomé, of course)

Wednesday, December 28, 2005

Partidos homenaxe

Xa sei que o furbor non vos interesa a moitos ( e sobre todo moitas ¿ou é prexuizo?) pero non podo evitar facer referencia ó partido que se disputará pasado mañá no estadio Vicente Calderón. O motivo é triple: homenaxear a Jesús Gil e Gil, loitar contra o racismo e axudar ós enfermos de fibrosis quística. E prométovos que non mo invento aínda que sexa o día dos inocentes.

Jesús Gil y Gil, fundador do GIL (Grupo Independiente Liberal, adxectivos cos que se autodefinen Losantos e Vidal), foi alcalde de Marbella durante moitos anos ata que o inhabilitaron por sacar diñeiro do concello para o Atlético de Madrid e foi traizoado por un extaxista segoviano que se liou cunha folklórica bisexual (supoño) para facerse forte na praza ou por amor, depende do voso romanticismo. Gil y Gil sempre fachendeou de que cando chegou el Marbella estaba chea de ionquis e daba medo iso. Despois do seu paso a alta burguesía que fixo do lugar un sitio de referencio do glamour en Europa trasladouse a Cádiz e na cidade, que curiosamente foi o primeiro emprazamento da industria de altos fornos estatal, só queda un lío de intereses especulativos que levaron á Xunta de Andalucía a recuperar as competencias urbanísticas. Para que vos fagades unha idea é coma o Milladoiro a grande escala e con mar.

Outros logros de Gil foron ser presentador dun dos peores programas da etapa Mamachicho de Telecinco, descender ó terceiro clube de España, ser anfitrión de todo tipo de grupos criminais organizados estranxeiros, intentar crear un partido de populismo ultradereitista ata que o PP lle parou os pés co medo de que marchasen moitos dos seus votos e militantes, protagonizar momentos vergoñentos da historia da tv como a pelexa con Caneda ou a discusión con Julián Muñoz en Salsa Rosa. Seguro que me esquezo de algo.

Dende logo moitas persoas deberían rendirlle homenaxe a este veterinario frustrado. Todos os patáns, inútiles, pseudodelincuentes, familiares enchufados, capos da mafia e demais refugallo que el axudou a enriquecerse. A presidenta da Comunidade de Madrid afirma que este partido ten un gran valor social . Vencella ademais a Madrid e Atlético contra a intolerancia. Pois viña sendo hora. O clube señor de España segue permitindo que un criminal de ideoloxía ultradereitista como Ochaíta, líder dos Ultrasur e condenado en diversas ocasións por agresións xenófobas, proclame o seu lixo cun altofalante nos partidos do Bernabeu. Non só iso senón que os Ultrasur seguen a lucir bandeiras preconstitucionais e Nazis no medio dos partidos e son animados a que o sigan facendo recibindo invitacións ós partidos e espazos no estadio para guardar o seu material. Do Atlético non hai máis que falar que do caso de Aitor Zabaleta, seguidor da Real Sociedade asasinado polos seguidores atléticos da peña Bastión. Bastión sinalaba a Jesús Gil coma "nuestro Führer".

A foto da noticia do As xa non promete nada bo. O ultracorrupto constructor que multiplicou por cinco o seu patrimonio coa axuda do clube de fútbol máis importante de España e o PP. Cerezo, un dos máximos embaixadores do lobby do cine norteamericano (dos grandes estudios, non o de Hal Harley) en España e Esperanza Aguirre que pasou de realizar plans absurdos como concelleira en Madrid, a que toda España se rise dela como ministra de cultura (Sara Mago), a ser presidenta do Senado (para non molestar), a comprar a dous corruptos sociatas para ser a presidenta da comunidade e portavoz oficial da España rancia e aznarista da que tentamos saír coma podemos.

Resulta treméndamente irónico que un presidente que dixo: "al negro ese de mierda (un xogador do Atlético chamado Tren Valencia) hai que pegarle tres tiros" sexa homenaxeado nun partido contra o racismo. A súa explicación, iso si, foi realmente graciosa. Non sei se vos acordades do de "If aim blak en yu ar blak nou problem...". Tamén descoñezo que relación había entre Gil e os enfermos de fibrose quística. Supoño que unha relación de respecto. Ou non. Porque digámolo dunha vez por todas: Jesús Gil era un ser execrable que non precisa ningún tipo de homenaxe senón un momnumento para que ningún delincuente desta ralea escape con tal impunidade, tamén sería preciso acabar con todo o seu legado de corrupción e deixar patente nos medios e nos libros de historia que era un auténtico indesexable cun vocabulario moi limitado e, iso si, unha personalidade moi dado para o espectáculo cutre dos medios.

Gil merece que o esquezamos e non que perdamos un só segundo máis falando del.

Tuesday, December 27, 2005

Cancións que levantan o ánimo

Moitos motivos me levan a elaborar este post. O primeiro é non alarmar aos que non me coñecedes en persoa (algún día habería que argallar un ciberencontro para darvos a oportunidade de que me apalizásedes). O segundo, non menos importante, é volver menos deprimente este blog que ultimamente o é. E o terceiro é porque despois de facer o das Cancións Tristes é de bos cristianos recoñecer o poder curatorio de certas composicións. Aí van algunhas das miñas favoritas:

-T-Rex: Twenty Century Boy, Truck On
-Bowie: Moonage Daydream, Ashes to Ashes
-Beck: Devils Haircut, Beercan
-The Cure: Boys don´t cry, Friday I´m in love
-REM: Shining happy people
-Beastie Boys: Sabotage
-Franz Ferdinand: Michael, Take me Out
-Sonic Youth: Kool Thing (esta de feito curoume a dor de espalda)
-Dandy Warhols: Bohemian Like You
-Pixies: Obras completas

E poderías seguir... Son cancións nas que estar triste, alporizado ou meditabundo está fóra de lugar. Para min é a mellor mediciña.

Saturday, December 24, 2005

Nadal: unha declaración oficial

Admitide que no fondo non o pasades tan mal. Recoñecede que as reunións familiares resultan tan imprescindibles como molestas, coma un tren que sempre chega tarde ou un camareiro que sempre tarda en servirvos. Decatádevos que só nesta época do ano- a pesares do noso ateísmo, simpatía polo maligno, rexeitamento da sociedade de consumo etc- vos reencontrades con moitos coñecidos alonxados, comedes pratos deliciosos únicos desta época e tolerades un pouco máis do habitual ós demais. ¿En que outro periodo a sociedade xalea a que saiamos en traxe de gala á procura dun coma etihílico? ¿En que día do ano as cadeas emiten todas o mesmo salvo os vascos? ¿Que outra festa, aparte de Halloween, copian/impónselle-a todas as culturas?

Confesade que, no fondo, gústavos algo o nadal.

Friday, December 23, 2005

Nestas entrañables datas

Lograra fuxir momentaneamente da morte. Correra pola súa vida e acolleuse nun caixeiro automático pechando o pestillo tras de si. Para que logo critiquen a obra social das Caixas de Aforros.
Co corazón aínda na boca facía o posible por durmir. Daba voltas sobre o chan sen poder quitarse aos seus agresores da cabeza. Salvárase por pouco e no fondo iso causáballe unha inexplicable sensación de benestar. Petaron na porta."¡Eles!" Foi o primeiro que pensou. Pero non. Tan só se trataba dun rapaz que viña sacar cartos ao caixeiro. Ela, a pesar de ser unha ionqui indixente seguía a conservar o seu instinto maternal. ¿Quen pode desconfíar dun neno?


O morbo e a ociosidade lévanme a preguntarme polo peor momento. ¿Cando os dous homicidas saíron de detrás nada máis abrir a porta? ¿Cando a inmobilizaron e a rociaron con disolvente industrial? ¿Cando veu o lume arder xusto antes de prender no seu corpo? ¿A agonía no hospital sen capacidade física suficiente para cuestionarse o sentido da súa morte?

Para algúns foi unha noite divertida. Máis nada. Os brokers en Tokio distraídos en como maximizar o beneficio, os pilotos rusos que levan armas a Tanzania a cambio de carpas axustando o plan de vo para pasar o nadal entre o Vodka e as súas fillas que, probablemente, se chamen Natasha ou Katalina, Federico Jiménez Losantos pensando nos agasallos de nadal, uns mozos nun campo de entrenamento de Al Qaeda preparándose para acabar cos inimigos de Alá ... Non había grandes cambios con respecto ao día anterior. Quizais nin tan sequera existiu a esperanza do cambio. A civilización limitárase a ser un delirio con data de caducidade denantes regresar ó estadio brutal da natureza. Fora o soño dun mono tolo.

Thursday, December 22, 2005

Ante todo felices festas...

... e desculpade o retraso na actualización deste blog. Doble desculpa se non nos coñecemos en persoas porque co Choqueiro, Aquí, Elric, Zenone, El Duende... manteño un contacto habitual.

Estou ben de saúde, salvo por unha pequena lagoa na miña memoria, teño traballo garantido ata o 31 de xaneiro de 2007, a miña familia, como na célebre canción de Patrullero Mancuso, está ben tamén e os meus amigos ligan, conseguen traballos, abren negocios, gañan premios así que supoño que estou na senda do éxito e non na do perdedor.

Sen embargo cando acougo, sento diante do ordenador para escribir neste blog ou antes de quedarme durmido síntome so, melancólico, temeroso da morte e da vida eterna, débil, sentimental e ruín.

Nun dos mellores diálogos que eu teña visto xamais nunha pantalla, Brenda personaxe de A dous metros baixo terra dille ó seu exmozo Nate que o peor cárcere é a dun mesmo. A autobsesión, o embiguismo, a mirada centrada nun e non nos demais. Penso case todos os días nesta frase e doume conta de que debo deixar de analizarme tanto a min mesmo e practicar máis o Carpe Diem. Este blog é parte do cárcere porque me obriga a bucear en min e ultimamente todo paréceme bastante falto de interese.

Vexo que neste blog hai moito fraude. Non estou dicindo o que me gustaría expresar aínda que a irónica realidade é que ó mellor non teño Nada que dicir. Ao mellor enganeime a min mesmo estes meses facendo un blog para os demais cando en realidade son unha serie de cartas para min mesmo. Menos mal que están aí os vosos comentarios que completan o círculo. Tampouco me sinto con capacidade para analizar a realidade porque doume conta de que o drama do coñecemento é a súa inabarcabilidade e que canto un máis sabe máis é consciente de que, en certo sentido, minte e non di as cousas de corazón.

¿Opinar sobre que? ¿Para que? ¿A quen lle importa no fondo? Esto non deixa de ser un pozo profundo de onde saen voces case inaudibles.

É posible que escriba todo isto para non admitir que recibín unha decepción moi forte recentemente que me fai perder a fe na humanidade en xeral e no meu ollo analítico en particular. Coñezo moitas persoas egocéntricas e narcisistas e eu posible o sexa pero destrózame terme entregado con tanta xenerosidade a quen só pensa en si.

Dado o panorama, vou ser unha fonte de negatividade, de cinismo e de autodio polo que é mellor deixar de escribir. Dito isto e coñecéndome ao mellor mañá publico dous posts. O máis probable e que ata o ano vindeiro non haxa moitas actualizacións. A primeiros de ano tomarei unha decisión ó respecto deste blog. A que sexa.

Gracias por estar aí.

Thursday, December 15, 2005

Unha definición arriscada

Sucedeu hai sete anos. S. acababa de chegar á miña pensión dende unha pequena vila costeira para estudar historia de arte. Éramos amigos do instituto e pódese dicir que era responsabilidade miña que aquel rapaz eternamente sorrinte estivese deitado na cama escoitando continuamente a mesma canción. Sour Times (Tempos amargos) de Portishead. Repetía unha e outra vez a mesma parte do estribillo: Cos nobody loves me
Its true
Not like you do

Ao saloucar facía pequenos galos coma un tenor alcólico nunha película dos Marx. Teríame resultado gracioso de non ser pola angustía da rixidez do seu corpo, os pequenos espamos do seu peito intentando explicarse. As palabras non saían. Aquela tarde só se escoitou:
Cos nobody loves me
Its true
Not like you do

Acababa de descubrir o amor.

Tuesday, December 13, 2005

Os meus 25 anos

Parece que somos medio millón os que temos 25 anos ou menos. Ou iso nos di a Voz, coma para fiarse. Segundo o periódico de Paco Váquez, Fadesa, Inditext e Caixa Galicia somos políglotas, gústanos viaxar, somos máis dependentes aínda que tamén máis solidarios e logramos superar as dialécticas pais-fillos e rural urbano.

Non me sinto especialmente retratado neste perfil. Gústame estar en sitios diferentes pero viaxar é un coñazo. Os españois son tan inútiles coma os ingleses na aprendizaxe dos idiomas como demostran as esceas de Monty Python do encontro entre ZP e o presidente de Irlanda. ¿Máis dependentes? Será porque os pais nos poden manter. Antes, aínda que quixesen non podían facelo. Si é certo que estamos afeitos a máis comodidades porque a todo o bo un se malacostubmra. E o de solidarios... Creo que o optimismo neoliberal traído por Tatcher, Reagan e os que se encargaban de pensar por eles enfróntase a unha realidade exterior cada vez máis difícilmente ocultable e tendemos a reaccionar máis con honestidade que con cinismo (a tendencia anterior).Sen embargo creo que a xente cada vez valora máis a súa individualidade é á hora de verdade é moi reticente a sacrificar a súa máis ou menos cómoda posición para reivindicar melloras sindicais, ecolóxicas ou sociais. É divertido manifestarse pero é aburrido ser perseverante aparte de representar un compromiso.

Seguramente tódolos retratos xeracionais son falsos per se. Sobre todo cando un friki coma min os ten que xulgar. Non obstante creo que son os expertos os que fan as xeracións e a historia é a que acaba traendo a verdade.

Monday, December 12, 2005

Deuses da rebotica

Non aparecen tanto nos medios de comunicación coma os políticos pero teñen a súa propia revista que segundo oín "non está mal". O cal é mellor que nada. Por outra parte gañan menos diñeiro que as estrellas de Hollywood aínda que non lles falta e non teñen que facer moito para gañalo e aseguran o seu sustento deles e dos seus vástagos sen problema ningún. Teñen tantas drogas coma unha estrela rock de gama media pero non as toman polo que gozan xeralmente de boa saúde. Por algunha razón ignota as súas fillas soen ser moi atractivas. Levan batas coma os médicos e os científicos tolos das películas aínda que os primeiros míranos por riba do ombreiro e os segundos escarállanse coa súa gargallada malvada como corresponde a un científico malévolo.

Conseguir unha farmacia é unha fazaña equivalente ás doce probas de Hércules xuntas. Sen embargo a xente idolatra aos xornalistas, que rara vez pasan de salario medio, os actores, que soen estar no paro ou de camareiro a maioría das veces, os futbolistas, dos que só 1 de cada 10.000 federados chega a primeira, os cantantes, que deben de se curtir en frías prazas antes de conseguir un traballo mal pagado nun conservatorio...

Saturday, December 10, 2005

Vestir axeitadamente

A NBA vén de impor un código de etiqueta ós seus xogadores para que estes non luxen o nome da máis importante liga profesional deporiva do mundo con atuendos inaxeitados. Para David Stern, máximo dirixente da NBA dende que este servidor é consciente da existencia do baloncesto, isto implica tirar coas sudadeiras enormes, os pantalóns caídos, toda a ferrallada ó redor do pescozo e os tenis grandes coma lanchas.

Este é o código imposto polo NBA. E digo imposto que non suxerido porque o que non o cumpla vai ter que pagar unha boa multa. Boa para nós porque para os que cobran máis de 10 millóns de dólares por tempada non creo que lle resulte moi difícil chegar a fin de mes.

As multas xa comezaron a impoñerse e non falta quen acuse ós da NBA de racistas. Para min que non lles falla razón. Os partidos dos anos 50 e 60 estaban cheos de brancos miudiños e agora as canchas nútrense de bravos homes de ébano que loitan á morte por cada balón. Así o aprenderon nas canchas dos gettos onde se criaron e a súa mínimas esperanzas dependían de introducir un cacho de pel de vaca por un aro (así de absurdo é o mundo dos pálidos). A hipocresía do sistema deportivo americano obrigaos ao paso por unha universidade para triunfar tamén nos estudos pero dado o esixente da competición e dos entrenos non hai moito tempo para os exames.

É un pouco o conto de "Se a mona se volve de seda...". Tapen como o tapen eses vinteañeiros atléticos e millonarios non son brancos de barrios residenciais. Trátanse dos refugallos das bandas, aqueles que non contaban co valor suficiente para acribillar a outro por unha manchea de crack. Dos morenos desobedentes que non aceptaron tampouco un posto no subcapitalismo e na explotación inxusta.

O problema, básico, é que son negros e que non hai maneira de ocultalo. Na primeira película sonora da historia, o cantante de jazz, aparecía un trompetista branco pintado con betún. Despois penso, non estou seguro aviso, de que Charlie Parker pintou a un trompetista irlandés que tiña de negro como broma. De feito algúns xogadores europeos están a ter cada vez unha mellor acollida , certo é, despois de ter amosado a súa calidade.

Nunha actividade profesional que se disputa en roupa interior e camisas de dubidoso gusto critícase a unha serie de persoas por ser coherentes co seu lugar de procedencia. Bush tiña un equipo de Baseball e non sei se lle gustará o basket pero seguro que está dacordo coa medida. Seguro que non permitiría ir a Condoleeza disfrazada ó estilo Eminem. Ir vestida coa sobriedade dunha monxa-nazi vaille mellor.

Wednesday, December 07, 2005

En defensa do camareiro galego

Desexo facer un canto laudatorio dunha especie que se ve sometida a un proceso de ineludible extinción. Nós asistimos á súa decadencia inexorable e os nosos fillos posiblemente non os coñezan máis que pola existencia de antigos gravados ou epopeias míticas. Falo do camareiro galego.

Nunha nova proba de darwinismo social unha raza allea ó seu ecosistema incorporouse para acabar con ela. O camareiro sudamericano conta con vantaxes evidentes para a supervivencia. A principal e máis valorada pola patronal é a súa capacidade para aceptar calquera tipo de condición laboral por desfavorable que esta sexa. A súa falla de opcións e oportunidades fai que a miudo sexan especialmente cumpridores. Escravos fieis. Engadir a isto unha ampla experiencia laboral no seu país de orixe neste eido ou noutro xa que moitos son licenciados e diplomados.

Os biólogos discrepan. Algúns afirman que lonxe de substituír ós camareiros galegos senón que os suceden. A nosa raza autóctona, afeita a unhas condicións mellores que as ofrecidas na terra do millón de vacas, migra ó norte na procura de sustento e salarios máis elevados servindo té quente ós británicos en Londres e cervexa fría ós xermanos de Baleares e Canarias. As ciencias naturais son unha das máis inexactas.

Todos os expertos deben, ou deberían, recoñecer o dereito de calquera ser humano a gañarse a vida de xeito digno independentemente da súa nacionalidade. E a esta condición deberiamos engadir outra máis: que o poda facer no seu lugar de orixe, sexa este cal sexa. De non ser así camiñaríamos a un mundo ultraespecializado onde as prostitutas serán colombianas ou rumanas, os albaneis polacos, os traballadores agrícolas ecuatorianos, os dependentes de cíber arxentinos... Seguramente este plan biolóxico está na mesa do despacho dalgún tecnócrata sen corazón cun look moi similar ó de Alberto Núñez Feijoo.

Xa que está tan de moda a constitución deberíamos reclamar o dereito fundamental a ter camareiros galegos. Está claro que a longo prazo suporá un grave obstáculo para continuar coa pluralidade lingüística aínda que, se vos son sincero, non constitúe a miña maior preocupación. Gran parte da cidadanía galega só ispe a súa alma e analiza a situación política co seu camareiro de cabeceira. Dentro de pouco falaremos das eleccións municipais de Quito e non das de Agolada. Diferentes referentes xeográficos para un mesmo perfil de votantes. O máis grave de todo é que se perderán os principales valores espirituais galegos: a conversa ambigua, a opinión desinformada con ton burlesco, a descalificación amable, e a temida retranca... Se os gardiáns da nosa tradición desaparecen nós non tardaremos ir tras deles...

Friday, December 02, 2005

A comedia burguesa

J.M. Coetzee: "A comedia burguesa basease no equívoco".

En 1879, cando José Cuíña estaba escribindo a súa autobiografía, chegoulle unha carta preguntándolle se el cría no deus Yahvé, e se o teísmo e a evolución eran compatibles.

En setembro de 1992, comeza cos seus primeros devaneos cos tribunais de xustiza xa que foi acusado por membros do Bloque Nacionalista Gallego (BNG) de delictos de prevaricación, malversación de fondos e falsedade en documento durante a súa etapa ao frente da Deputación de Pontevedra. Posteriormente, o 13 de abril de 1993 o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anunciou a súa decisión de non procesar a Charles Darwin.

Orador dotado e carismático, posuído por unha profunda convicción, David Bisbal é considerado coma un dos líderes máis influíntes da historia.

Tras finalizar o programa, Adolf Hitler levou a cabo -xunto cos seus compañeiros da Academia- unha xira por toda España que marcou un fito na historia da música nese país.

Aínda que Albano ocupou a cúspide do poder, Romina desempeñou un papel crucial no goberno soviético ata a morte daquel.

En Eurovisión do ano 1976, Italia elixiu a Lenin e Trotsky con "Noi lo rivivremo di nuovo", con letra deles mesmos, para representar ao país no certame.

Thursday, December 01, 2005

Apoloxía do satanismo

Son ateo convencido. Despois da morte vén a descomposición en podremia e moléculas varias. Non creo na existencia dun Deus con pelo na cara ou imberbe, nun coro de Walkiryas en Asgaard, na importancia da meditación ou nos espíritos das árbores. Creo un erro existencial grave confíar na existencia dunha orde cosmolóxica diferente ó azar porque, de habela, sería tan superior a nós que non seríamos quen de comprendela. Estou en contra de calquera tipo de clero porque os considero tan incapacitados coma min para falar cos deuses e porque non creo que teñan ningún dereito a correxir a moral e a ética dos seus conxéneres.

Sen embargo sempre temín ó Diaño. Pode ser que eu sexa un satanista ou algo así e realmente alá vai o meu ateísmo. Pero sempre que se fala ou se pensa el faise con respecto e con temor ó que poda pasar (xúrovos que hai un minuto as luces comezaron a palpabrexar).

O Diaño ten unha parte simpática. Xa que as universidades se adican a facer todo tipo de estudios ridículos sobre o que tarda en baixar a escuma da cervexa non estaría mal que analizasen en que proporción de productos culturais coma libros ou películas O Cativo (é o nome que máis me gusta) aparece coma un humorista. Por outra banda sempre serviu para amosar con sarcasmo e ironía a corrupción social. A transgresión é divertida e o Diaño é transgresor, os valores asociados ó maligno coma a gula ou a luxuria son tamén valores cobizados pola maioría de nós. Despois,no negativo, está o vencello claro entre o Diaño e o mundo dos mortos. Curiosamente parece que a Satán non se lle caen os aneis por andar entre meigas, malditos e condeados.

As forzas malignas sempre representan a parte máis ligada do ser humano coa súa natureza humana, co primario, co instintivo: a luxuria, a ira, o instinto de supervivencia, o hedonismo... E tamén con moitos dos fantasmas que crea unha cultura coma poden ser o coñecemento prohibido ou a volta a un estadio natural ou o relativismo moral.

Sen embargo so coñezo un caso relevante de asasino movido por Satán, Charles Mason e a súa banda. E no nome de Deus non sei por onde comezar: Bush, Osama Bin Laden, as Cruzadas, os Nazis, os sionistas, Franco... Por iso pídovos a todos os que teñades un sentimento relixioso forte que vos pasedes ó lado de Satanás porque el pide moito menos ca outro, dá instruccións moito máis claras (como explicaríades senón a confusión de mensaxes entre George e Osama)e non dispón de cadeas de radio nocivas para a saúde mental. Espero que se cumpra o que dicía John Lennon, outro deus menor:
Imagine there's no countries,
It isnt hard to do,
Nothing to kill or die for,
No religion too,
Imagine all the people
living life in peace...