Tuesday, June 06, 2006

Dúas notas sobre a información da jalisia

Será deformación profesional. A grande noticia da TVG hoxe é que vai calor. Adicaron uns 5 minutos de informativo a tratar ese feito insólito, especialmente no verán, con conexións en directo, vídeos, consulta a expertos... Vou acabar por pensar que os contidos de maior relevancia social dos xornais son os sudokus.

Tamén me chamou a atención o titular da Voz Madrid prima a Galicia con 42 millones para desarrollar la ley de dependencia. ¿É esta a maneira que ten Zapatero de evitar un alzamento nacional ou un Plan Quintana?

PD:O gran protector da esquerda española superouse.

Superemos a fin do mundo

Alguén tocoulle o ombro. "Xa está, aquí acabou todo". Estaba envolto en mantas, sumido na escuridade do soto da súa casa, agochado entre un monte de caixos agardando pola morte. E a morte parecía que chegara.

"Levanta, podes saír". A voz resultáballe familiar e preguntouse que podería haber máis íntimo que a morte para un vivo. Con suma cautela foi asomando a cabeza ata que puido ver ao seu amigo na prenumbra. "Érguete sen medo.Estamos a salvo." Soñara con volver oír esas mesmas palabras outra vez na súa vida. A cara do seu amigo emitía unha luz provocada por unha felicidade inmensa. Pola contra a face do noso protagonista estaba chea de incomprensión.

"Non resultou como nos pensabamos". A incredulidade tornou en estupor. Só un protagonista lovecraftiano podería deformar así a súa cara ante unha sorpresa de dimensións irrazoables. "É imposible, é imposible..." Non deixaba de respirar. Derrubouse e púxose a chorar. O seu compañeiro apertouno contra el e foille susurrando a verdade no oído:"Non era coma nós pensabamos. Coa morte de Rocío Jurado o mundo non se acabou e segue para adiante."

Superado o trauma inicial preguntou se o sol seguía saíndo polo horizonte, se as placas tectónicas non rebentaran, se meteoritos do tamaño de Kazajstán non devastaran o continente, se as augas non sepultaran a cidade e se a poboación non caera baixo o efecto de miles de praga. Nada diso pasara. Incluso seguía habendo gasolina nas gasolineiras, os hospitais seguían a funcionar con listas de espera (o cal era, cando menos, signo de normalidade), os trens saían cando lle cadraba e Zapatero estaba no goberno. Todo seguía adiante, a pesares de Rocío.

Saturday, June 03, 2006

Unha historia de segundas oportunidades

Ninguén me puido confirmar a procedencia dese home aínda que había que non dubidaba en adxudicarlle unha infancia difícil ou un desequilibrio dos neurotransmisores para explicar aquela tendencia a alertar sobre a catástrofe permanente ao redor nosa. Nin sequera nisto había acordo. Moitos afirmaban ter coñecido ao individuo cando se comportaba coma un pai de familia cariñoso, un estudante trouleiro, un bailongo de verbena ou o bromista da oficina ata que deu en converterse nun profeta da apocalipse.

Moitas das historias referidas a el comezaban cunha pequena anecdota reveladora. Por exemplo, alguén aparcara en dobre fila e obstaculizaba a saída do seu vehículo e el afirmaba con voz grave: "Este automóbil está devastando a convivencia cidadá e creando unha crise viaria de impredecibles consecuencias. O seu responsable debería ser castigado con todas as da lei". Nun proceso gradativo estas frases comezaban a introducirse no seu ámbito doméstico. Así, dependendo sempre da versión, dixéralle á súa muller ante unha sopa estremadamente salgada "Esta sopa é un malvado atentado contra a saúde dos membros desta familia. O cloruro sódico que aquí introduciches é un claro intento de segar as nosas vidas cruel ser ¿humano?"

Como en calquera traxedia o protagonista ía perdendo todo canto o rodeaba. A familia xa a perdera despois de comentar os posibles destinos de vacacións, despois tocoulle ao traballo ("As actividades de piratería que nesta empresa se desenvolven fanme recordar aos mongois saqueando cidades por toda Asia"), aos amigos ("a alegría que me invade sería estrema de non ser porque sospeito que detrás das vosas, en principio, altruístas intencións agóchase a posibilidade dun secuestro por parte da banda terrorista ETA") e ao can ("dende a túa, por probar aínda, fidelidade canina autoexcúsaste por encher de refugallo fedorento o planeta mais eu sei que hai bioterrorismo no fondo do teu corazón").

Convertiuse nun paria. A comunicación con el resultaba insoportabale porque quen podería convivir con aquel heraldo da apocalipse. En consecuencia o seu discurso volveuse tan terrible que xa non dispoño de palabras para reproducilo. Din algúns que o oían rosmar o seu rancor nas portas das igrexas ou na estación de autobuses que ao final a penas podían distinguir á súa voz dun furioso trebón.

Neste punto as versións fanse moi diverxentes e moi coincidentes ao mesmo tempo. Hai algúns que din que sucedeu en Madrid ou Valladolid, outras que nun sitio máis pequeno de veraneo. A maioría afirman que foi un encontro casual aínda que hai quen di que chegaron alí pola sona dese home. Fose coma for case unánimemente todos contan coma dous homes de traxe e garavata se achegaron a el -derrotado,disposto a entregarse a morte, absurdo.

"Estimado amigo, chámome Ángel e el Eduardo. Levamos as rendas dun partido político na oposición e necesitamos darlle un toque máis castrofista aos nosos discursos. Cremos que ti podes ser o noso home."

O resto xa o coñecemos todos.

Thursday, June 01, 2006

Príncipes de Asturias, reis de New York

Acaban de concederlle o premio Príncipe de Asturias na súa modalidade de letras a Paul Auster. Alegrámonos por el. Confeso que disfruto dos seus libros, e que nos tres últimos meses lin dous del e que quedei con ganas de máis. Sen embargo algo fede no Principado.

O ano pasado ou o anterior o xurado deste premio considerado, segundo as televisións madrileñas, o nobel de prata foi parar para a creadora de Harry Potter, JK Rowling. Non pola súa prosa senón pola universalidade do seu personaxe entre os nenos de todo o mundo. Unha homenaxe á maquinaria da industria cultural anglosaxona en definitiva. Por outra banda sempre hai algún español no palmarés con casos realmente aberrantes como Fernando Alonso, o equipo español de maratón de Helsinki 97 (ubi sunt?), Arantxa Sánchez Vicario ou caer en contradiccións evidentes como darlle ao premio aos presidentes de Brasil Henrique Cardoso e Lula da Silva con políticas, en principio, opostas.

Esta tendencia a premiar a mediáticos e a heroes patrios acentuouse nos últimos anos. Polo de agora este ano van ser premiados o creador de horrores manchego Pedro Almodóvar (aínda que recoñezo o seu mérito para facer o que Lincoln non puido facer: enganar a todo o mundo todo o tempo), o caritativo Bill Gates, National Geographic e o científico, curiosamente, español Juan Ignacio Cirac.

Paul, caesme ben e gústanme os teus libros, pero creo que hai autores que o merecían máis por non gozar do recoñecemento que ti xa tes de teu, por ser menos accesibles ao público pola súa prosa ou polo idioma no que escriben e por idade. Espero que, como nas túas historias, nos atopemos por casualidade un día e cho poda explicar.