Wednesday, August 30, 2006

¿Outra prensa do corazón é posible? (ou desexable)

Unha morea de casualidades e circunstancias levou a que a prensa rosa española, que é seguida por máis interese pola audiencia e cunha decisiva influencia na opinión pública, se ocupe dun tema "serio" (coma se a vida de Cayetana Martínez de Irujo non o fose).

A corrupción en Marbella, grazas ao famoseo de baixo perfil que (Gil)*2 introduciu e á Pantoja, é o epicentro da crónica social. Co seu estilo baseado en berrar máis có do lado mentres se guinda o código deontolóxico ao lume os comentaristas televisivos amosan ser moi arroutados á hora de acusar a quen sexa (lembrade como pouco antes das eleccións xerais de 2004 destaparon un Magrittiano romance entre Cayetana Guillén Cuervo e Aznar)e insaciables á hora de tirar do fío. Alégrome de que a infamia dos de sempre sexa o centro dunha información tan popular e que, esperemos, contribúa a evitar a impunidade dos delincuentes.

Sen embargo a súa incompetencia á hora de facer información e non show business queda patente con demasiada frecuencia. Coma por exemplo cando un "piriodista" dixo que os encarcelados da "Operación Malaia" mantiñan conversas dende os seus módulos cando hai aparellos que o impiden en todo o centro. Por outra semella unha continuación natural que despois de traer a maltratadores, prostitutas, vagos profesionais e drogaditos aos platós agora sexan os excompañeiros de cadea de Roca as estrelas dos platós. De seguro que alguén honrado, por pura estatística, acabará por pasar por un deses programas.

A posible alternativa poderían ser programas como Chanel nº4, de cuatro, que trocan caspa por glamour con alto cotilleo sobre Hollywood ou sobre moda e alta costura. Para min non ten ese ambiente de pillavanería da rúa polo que, ás veces, fai bocexar un sorriso pola cara lavada do sinvergüenza de turno.

Dito isto: ¿Que excusa ten a prensa do corazón para non amosar a súa indiscutible profesionalidade tendo un tema tan xugoso como o de Marbella? ¿Ë posible unha prensa rosa rigorosa, de calidade, entretida e que se nutra de información sen incorrer en faltas á honra de cada persoa cada vez que lle poñen un micrófono a alguén na boca? ¿Dará o tema para tanto ou pasará coma na prensa deportiva (e por que non, xeral) que de tanto espazo por encher é posible que o teñas que encher con nada e iso sexa precisamente o que ofrezas?

Monday, August 28, 2006

Punto para Pluto

Rompendo todas as quinielas o primeiro planeta que fixo desaparecer a humanidade non foi a Terra senón Plutón. Este corpo celeste pasa a ser planeta anano porque debido ao seu tamaño outros astros poderían ter esa consideración polo que habería overbooking de planetas no noso sistema solar. E iso sería terrible porque o nome dos danzaríns arredor do sol é unha das poucas cousas de cultura xeral que sabe (case) todo Dios. Os alumnos de primaria non aturarían tal esforzo.

Esta decisión tomouna aUnión Astronómica Internacional reunida en Praga a pasada semana. A ciencia, a nosa máis fiable ferramenta para coñecer a realidade, lémbranos que está baseada en convencións reversibles co tempo. Curiosamente a ciencia é un sistema de pensamento que ten coma píar que admite a súa infabilidade e, nunha caste de destino fatal, parece ser sempre propensa a negar as súas verdades. Aínda que neste caso trátase dun pequeno cambio de criterio.

Custa atopar verdades fiables e duradeiras. Un mundo postmoderno cheo de subxectividade, marcos interpretativos, especulacións... Este relativismo marea e fálanos dun mundo dunha complexidade crecente que quizais o ser humano non esté preparado para aturar.

Friday, August 25, 2006

Resplandor corrupto

Un requerimento para ser rico podería ser o de ter a capacidade de dilapidar grandes fortunas. Só aqueles quen de facelo, forrarse e desforrarse con frenesí e estilo, poden afirmar coa mirada alta que eles naceron para ser millonarios. Aquí ao lado teño a Whitney Houston que asente.

Antes de ser visitada por demos e compartir piso con pipas de crack foi unha estrela de talento, éxito e fortuna. No verán do 92 as pneumáticas cantantes das orquestras lucíanse, uns tonos por debaixo, coa balada I will always love you . Que dende aquela se convertiría na pedra de toque de calquera voz feminina disposta a cantar.

Mágoa, raiba por malgastar unha vida tan envexable ou indiferencia ante a deusa caída. Presupoño a validez destes sentimentos para exercer un xuizo moral. E as explicacións poden ser a presión do estrellato, a dexeneración moral dos máis poderosos, a perda de contacto coa realidade, a procura de alivio... e a seguir.

Non obstante se imos á causa última da decadencia creo que é estríctamente unha: se chegou a esa situación é porque estaba en disposición de facelo. De seguro que Whitney, ou calquera, non asinaría acabar así pero o mesmo fascinante camiño que a levou arriba agora arrástraa ao fondo do pozo. E xa sei, que hai fracasos moito máis estrepitosos que non contaron cun éxito previo, e tamén son consciente de que a maioría das estrelas do rock, se sobreviven, acaban por deixar as drogas, contratar a un asesor financeiro e pasar a vida entre o campo de golf e as xiras ás que te van ver os netos dos teus primeiros fans.

A onde quero chegar é que sentimos fascinación pola caída dos nosos ídolos. E que estes escarpados descensos prodúcense porque certos individuos, con estrela. Só saben triunfar e fracasar ao grande, coa banda tocando e os fogos artificiais estourando. En parte porque nos seducen os heroes e porque o que os distingue dos mortais é que (aparentemente) poden definir o seu destino e de maneira única. En parte porque ver derribarse ás torres máis altas consola e fai crer nun (falso) equilibrio cósmico.

A decadencia é unha peaxe obrigatoria para todo ser que floreceu. Parte do trato. É difícil aceptar a súa brutalidade as veces pero ninguén pide desculpas por recoller as flores. De todos os xeitos recupérate Whitney, de parte dun non-fan.

Monday, August 14, 2006

Poña unhas cortinas

Na declaración institucional e, non obstante, solemne, feita polo presidente da comunidade de veciños de Galicia podíase observar ás súas costas Santiago de Compostela posiblemente, sen querer comparala cunha marca de cervexa, a máis fermosa cidade de Galicia.

Podíase ver a Catedral, a máis abraiante da provincia da Coruña, a zona monumental... e as urbanizacións novas do trinque cun aire a película de utopía sombría e os edificios amoreados na procura dunha raioliña de sol. Xa sei, xa sei que Santiago é así e que se lle vai facer. Máis decatádevos de que nunha declaración institucional suponse que os detalles deben estar perfectamente calculados e imprimir unha imaxe de sobriedade e garantía.

Vale, é posible que ninguén se tome en serio ao presidente de Xunta salvo el mesmo. Ese é outro problema. Do que vos falo é de que a cotrosidade, a nugalla e o malfacer están por todas partes. Que non deixan de ser produto dos nosos males endémicos: a covardía, a falta de imaxinación e a envexa.

Ou ben se fai mellor a escenografría para que non saian as nosas miserias urbanísticas en pantalla ou se amaña a paisaxe do país. Sabendo como sabemos que a política é un arte de tempos cortos coñecemos a resposta máis realista. Así que señor Salgado, poña unhas cortinas. Como non encontrei foto nin vídeo da noticia déixovos cunha emotiva actuación musical. Próximamente haberá un post sobre o meu problema co YouTube.



Aí estamos

Friday, August 11, 2006

Homenaxe


Unha homenaxe é unha mostra de admiración sincera e un recoñecemento público deste sentimento. Este video que atopei pola rede do artista dance Roger Sánchez destaca pola súa fermosura e sinceridade.

Quen crea que este post serve para amosar parte da infinita colleita friki da Internet anda errado. Poucas veces vin un tributo tan sentido e preciso sobre un personaxe peculiar e extraordinario coma Boby Farrel.

Farrel pode ser arestora un branco fácil do escarnio e maldicer. Noutrora viviu no cerne do éxito dunha cultura hedonista e de memoria de peixe que devora ídolos e referencias cuspindo carozos en forma de seres humanos. Un artista devido en pallaso e que non recibiu os froitos do seu traballo. Sen embargo sempre será un exemplo de coherencia e de liberdade de pensamento e espírito polo que contará co meu respecto.

Wednesday, August 09, 2006

This fire is out of control



Son máis partidarios das respostas que das preguntas. Visto o visto co dos incendios só se me ocorren preguntas:

¿Por que a maioría dos concellos afectados polo lume non están gobernados polo Partido Popular e se sitúan nas cercanías das cidades e das vías de comunicación principais? ¿Por que non arden desta volta as inmensas masas forestais abandoadas de Lugo e Ourense? ¿Por que moitos alcaldes de diminutos concellos cuxa existencia é maís que cuestionable non aceptaron o modelo máis racional proposto pola consellería de Medio Rural?

¿Por que cando un narcotraficante ou o asasino dunha rapaza entra nun xulgado é acosado por unha marea humana que o esnaquizaría se lle desen a oportunidade? Non digo que sexa unha situación desexable pero... ¿Por que hai esa falta de escarnio público cos incendiarios? ¿Por que non hai reportaxes de perfil con música de película de terror sobre as escuras motivacións desta xente? ¿Ata cando a impunidade social?

¿Se realmente as sospeitas sempre recaen nos mesmos colectivos (as compañías de hidroavións e os reténs, os pastores e cazadores, os madereiros-aínda que discrepo con esta teoría, e as intereses inmobiliarias - absurdo coa nova lexislación) porque non se fai un seguemento como se fai con terroristas, narcos ou delincuencia organizada?

¿Fai falla saber galego para apagar un lume? A isto respondo eu: non. ¿Fai falla saber o idioma dun sitio para traballar na administración pública? O sentido común dime que si. Por outra gustaríame saber se nos estatutos de El Mundo pon que hai que saber español ou non ser analfabeto para dirixir o xornal...

¿Hai un problema de falta de medios para acabar co lume? Depende de como se mire. Vai en contra da lóxica ter un sistema para aplacar as lapas, e o de Galicia é do mellor do mundo, pensado para atender incidencias nas catro esquinas da comunidade e con focos estratéxicos. Para acabar con iso farían falla un equipo de intervención antiterrorista, CSI e Chuck Norris. A solución real é a prevención (ao que moitos alcaldes do PP se negaron), os cortafogos, limpar o monte, condeas duras para os incendiarios e acabar coa impunidade social. ¿Feijoo e Rajoy apagando o lume cunha mangueira de xardín son axuda? Para provocar o vómito únicamente.

¿Ten solución o problema dos incendios se a poboación non vé a natureza cun valor? ¿Farían o mesmo cos edificios, os barcos, os restaurantes de marisco e churrasco ou coa catedral de Santiago? Na miña breve estancia en Cataluña a xente estaba consternada porque había un incendiario que anda a prender lume por aí. Non entendían como alguén podería ser tan ruín e imbécil. E esa é a pregunta máis dura. ¿Como podemos ser tan imbéciles e ruíns? ¿Merecemos algo mellor ca isto realmente?

E unha última hipótese arriscada: ¿É Alex Kapranos, cantante de Franz Ferdinand, o Gran Responsable de incitar á xuventude galega a queimalo todo despois do seu gran peche de actuación en Vigo? ¿Son gafapastas modernillos que equipados con queroseno, Converses e gafas de pasta van nos seus coches tuneados e con Bowie soando no coche os que fustigan á galicia escura e real?

Tuesday, August 01, 2006

Bigmouth strikes again

Resúltame insoportable o egocentrismo e sen embargo vou facer unha afirmación tremendamente egocéntrica: creo que é necesario que siga adiante con este blog. Non para o voso entremento e estremecento senón por razóns meramente egoístas.

Abrúmame a gran cantidade de autocomplacencia, conformismo e conmiseración ao redor do meu universo próximo. Por outra resulta esgotador que me toque sempre encargarme de sacar o lixo. Sen embargo calar resúltame máis insano. Prefiro envelenarme a boca.A veces o blog sanda. Lera unha vez no xornal que unha alta porcentaxe de adolescentes deixaran de ir a psicoterapia cando comezaran co seu blog.

Tamén estiven a pensar en quitar os comentarios. Cheguei á conclusión de que resultaría absurdo porque algúns son case a única satisfacción da edición desta web. Non podo negar que me amala o costume dalgúns lectores de na vez de saudarme recitan o meu último post agardando algún comentario enxeñoso ou nova revelación. Pois non, todo queda no blog e así debe ser. Aos que me coñezades en carne e óso rógovos que evitedes este hábito malsano. Para facilitarvos o labor teño pensado evitar na medida do posible as autobiografías e miserías persoais. Aproveito para pedirvos que non fagades valoracións do blog ou dos posts. Supoño que @s vos@s amantes non os calificades (in)satisfactoriamente despois de cada encontro. Simplemente desfrutades, sufrides ou sentides que teríades aproveitado máis o tempo indo ao súper a mercar pinzas para a roupa. Pois isto é igual.

Se non vos gusta é o voso problema ou do camareiro que vos teña que aturar.

Unha vez que volva da miña viaxe á civilización prometo manter certa regularidade na escrita. Ata entón.