Thursday, December 14, 2006

You Win!Perfect

...A frase que todos queríamos oír cando xogabamos o Street Fighter II. O videoxogo que reinou nas salas recreativas cando as máquinas tragacartos dominaban o universo. Foi un produto cultural de gran trascendencia social nun microespazo da xuventude que afectou a xente de todo o globo pasando por riba de culturas e diferenzas merecendo ocupar un posto de honra no mundo dos videoxogos xunto co Space Invanders, os Comecocos, Super Mario, Tetris, Doom ou Sims.

O argumento, propio dunha película de Van Damme, consistía nun campeonato mundial de tíos dándose mamporros por todo o mundo. O que deixara aos demais con máis cardenais gañaba. Despois da túa victoria sobre M. Bison( curiosidade para Frikis: na versión xaponesa M.Bison é Balrog é viceversa por un erro na tradución) viña unha escea pateticamente resolta que a min chegáronme obsesionar. En xeral teño unha fascinación incomprensible polos finais dos xogos de loita, quizais porque daban unha dimensión máis profunda aos personaxes (nin eu mesmo creo este comentario gafapasta) e certo sentido a tanto Oriuken.

O importante do xogo era a posibilidade de entrar a dobres sen interromper o percorrer do "modo historia" o cal abriu unha dimensión máis socializadora dos videoxogos en particular, un bo exemplo son os shooters coma Counter Strike, e da informática en xeral, desterrando, cada vez máis, de que a informática, necesariamente, aílla ao individuo.

Non menos importante eran os detalles: cada personaxe tiña dúas maneiras de celebrar a vitoria nun asalto, todos tiñan escenarios (horriblemente tópicos eso si) personalizados e con certa interactuación, as características e golpes especiais de cada personaxe que un tiña que descubrir por si mesmo, a dificultade crecente de cada personaxe dependendo de en que orde te tocasen (Guile ou Ryu de oitavo admito que me resultaban moi difíciles).

A miña táctica de combate era certamente conservadora. Collía a Ryu e adicábame a lanzar ondas dende un curruncho. Cando o oponente viña cara a min a cubrirse e a saltar ata volverme a poñer a boa distancia. Só me achegaba cando o outro estaba en "paxariños". Penso que, de perder alguén o tempo na misión, se se fixese un estudo sobre personaxes favoritos gañaría Ryu cunha pequena diferencia sobre Ken. Na liña impudorosa que caracteriza a este blog admito que sempre quixen xogar co karateka norteamericano. Afirmo ante vós que os que saben xogar de verdade, coa gallardía e valor necesarios, asumían o estilo de presión abafante en todo o campo do yanki.

Na festa de aniversario da tenda friki Zónula Catro o seu dono afirmaba que os menos frikis xogaban con Ken e os outros con Ryu. Acepto esta teoría a medias. Os verdadeiramente frikis xogaban con Zanguief ou Dalshim.

E vós de quen víñades sendo, Ryu ou Ken? El Duende tamén se fai esa pregunta.


Labels: , , , , , , , , , , , , ,

Tuesday, December 12, 2006

Ironías da vida

Atopei por casualidade unha noticia na que se anunciaba a entrada en coma dun prestixioso matemático que foi un dos creadores do revolucionario concepto da intelixencia artificial.

Sufriu un atropelo en Vietnam por unha moto, país ao que fora tentando atopar unha solución ao tráfico en Hanoi. Polo que parece foi o tráfico quen atopou unha solución para el.

Seguindo aquela canción de Alanis Morissette a vida está chea de pequenas ironías. Mendinho recolle algunhas coma a morte de Allen Carr, o inventor dun método popularísimo para deixar de fumar, de cancro de pulmón ou o falecemento do Doutor Atkins, autor dunha polémica dieta alta en colesterol cando pesaba máis de 200 kg.

Os teóricos modernos falan moito sobre a ironía. Eu creo que estamos nunha época na que todo resulta xa parodia. Nada pode tomarse en serio porque, o feito de ser trascendente ou solemne, é o principal punto de partida da parodia. Nada pode tomarse en serio e a vida moito menos.

Labels:

Sunday, December 10, 2006

As malas noticias

Hai un dito que di que as boas novas non son iso, novas. Poderíamos chegar á conclusión de que, xa que logo, as malas sempre o son. A prensa, sempre rebelde, encárgase de darlle a volta á situación.

Estas poden ser as peores novas posibles, de seguro que si. Non obstante sabedes que son xa noticia unha vez ao ano. Das informacións das que vos falo son aquelas que a pesar de saír impresas ninguén repara nelas (ao mellor porque non van na portada). Aí van:

1.-O novo estatuto do Autónomo facilitará converter aos empregados en autónomos.

2.- A Bolsa é a gran beneficiada pola nova reforma fiscal

3.-Os bancos tamén poderannos cobrar por recibir unha transferencia, e non só por facela

4.-Europa perde a carreira da I+D

E sen embargo a noticia dos medios locais madrileños (Antena3, El Mundo, El País...) é que, tendo en conta que levan dúas semanas dando a lata co proceso de paz, os vascos aos que lle preguntaron opinan que o proceso de paz vai mal.

Sobre as noticias económicas vén a colación un capítulo dos Simpsons nos que dous extraterrestres se apoderaban dos corpos dos aspirantes a presidente de EUA Clinton e Dole. Homer descobre o engaño pero un dos extraterrestres declara sabiamente que "Dá igual polo bipartidismo estades destinados a ser escravizados por un dos dous".

Wednesday, December 06, 2006

Deputación 2.0

Son Cacharro e Baltar os máis grandes precursores da Sociedade da Información en Galicia?Son estes dous homes os introdutores da Sociedade da Información no reino de Xil Ríos e Quintana? Véxovos escépticos así que aquí vai unha tradución da entrada "redes sociais" (é dicir, o concepto central que, unido ás tecnoloxías da información e da comunicación, ten coma resultado a sociedade da información) da Wikipedia en inglés:

Unha rede social é unha estrutura composta por nodos que son xeralmente individuos ou organizacións. Indica o xeito no que están conectados varias agrupacións sociais a través de relacións casuais ou fortes ligazóns familiares. (...) O tamaño máximo das redes sociais tende a ser sobre 150 persoas e a media de 124. (...)

A teoría das redes sociais ve as redes sociais en termos de nodos e ligazóns. Os nodos son os actores individuais dentro das redes, e as ligazóns son as relacións entre os actores. Pode haber moitos tipos de relacións entre os nodos. Na súa forma máis sinxela, unha redes social é un mapa de todas as ligazóns relevantes entre os nodos estudiados. A rede pode ser tamén usada para determinar o capital social dos actores individuais. (...)

O poder da redes social radica na súa diferencia dos estudos tradicionais da socioloxía, que asumen que os atributos de actores individuais- se eles son amigables ou non, listos ou parvos...- é o que importa. A teoría das redes sociais produce un punto de vista alternativo, onde os atributos dos actores individuais son menos importantes cas súas relacións e ligazóns con outros actores dentro da rede. Esta achega volveuse importante para explicar moitos fenómenos do mundo real pero deixa menos espazo para a actuación individual, as habilidades dos individuos para influír no seu éxito, porque gran parte depende da estrutura da súa rede.

Teóricos de recoñecido prestixio coma Manuel Castells apoianse nas redes sociais para definir o mundo de hoxe en día. Agora cambiade as palabras "Rede social" por (adependendo de se sodes Ianquis ou Confederados) "Deputación de Lugo" ou "Deputación de Ourense". Polo menos a estrutura do seu funcionamento é moi similar. O meirande político galego da contemporaneidade e o único que soubo conectar co pobo desde a súa mesma indiosincrasia (considero a Xosé Manuel Beiras un intelectual parisino) xa o explicou claramente: "o mundo fíxose ao redor dun cocido". Falo, claro está, de PP Cuiña.

El sempre defendeu o papel do cacique coma arbitro das pequenas redes sociais. Non teño dúbidas de que as redes que se crean nunha sociedade moderna, ou se queredes postmoderna (ou coma gostaría o señor Zerovacas, sociedade gafapasta) supera a estas primitivas redes sociais propias do noso país ou de Sicilia por cuestións de base. O papel paternal do cacique parte dunha inxustiza, ese papel outorgado pola tradición ou a forza que soe ser permanente, e por outra fomenta o inmobilismo e o conformismo ao haber condicións inxustas para a mobilidade social.

Confeso que comecei este artigo tendo por obxecto unicamente a sátira. Pero falo en serio cando digo que a nosa tradición minifundista pode axudarnos a movernos ben neste mundo máis descentralizado e composto por pequenos grupos que superan en parte a súa distancia física e social grazas a tecnoloxías facilmente accesibles. Sería preciso mudar moitas construcións mentais. Por exemplo deixar de ter coma obxectivo Madrid. Son da mesma opinión que Leonard Cohen: First we take and Mahattan, then we take Berlín. Debemos deixar de ser miserables de pensamento, obra e omisión e ir por obxectivos de maior callado para así confirmarnos con migallas (as da riqueza) máis saborosas.

Retiraranse Baltar e Cacharro coma asesores para a Web 2.0? Polo que vexo son dous candidatos idóneos.


Labels: , , , , , , , ,