Monday, February 26, 2007

Bella Italia


Á traxectoria do planeta quédalle ben pouco para botarme un novo ano gregoriano ás cóstas, polo que tiña pensado deixar o pudor a un lado e facer un post intimista e reflexivo. Mais a mefistotélica prensa diaria fíxome mudar de parecer.

Non teño reparo en falar da flema británica, a dilixencia alemá ou o chovinismo francés á hora de enumerar tópicos, pero non dou atopado o atributo axeitado para Italia. Despois de saber que algúns dos seus cidadáns son quen de gardar os corpos defuntos dos seus proxenitores no refrixerador durante sete anos para seguir cobrando a pensión non sei que pensar. E menos aínda cando logo de nove meses de goberno de L’Unione, ese conglomerado esquizoide de 16 partidos liderado por “il vecchio professore”, Prodi presenta súa dimisión. A campioa do último Mundial contabiliza con este 55 gobernos dende a fin da Segunda Guerra Mundial. Non está mal para unha das maiores economías do mundo.

Teño a teoría de que o nome dunha institución política representa o contrario do que é ¿Errou logo a clase política italiana ao permitir que a batalla electoral se disputara entre L’Unione e La Casa della Libertà (fermoso eufemismo para aglutinar a Berlusconi e os seus sicarios)? ¿Deberían darlle agora un voto de confianza a Marcello Lippi na dirección do país?

A idea do ex-entrenador da selección liderando o goberno italiano non é tan improbable estatisticamente se consideramos que un dos pais fundadores de Italia e artífices da súa unificación foi un masón ateo que loitou pola independencia dunha rexión de Brasil na Guerra dos Farrapos. Engadir a esta trastornada xénese que Sandokan, Mónica Belucci, Calimero e Passolini saen do mesmo territorio no que se sitúa a Santa Sé e unha das capitais do satanismo. ¿Que é Italia?

Non sei que pensades vós de todo isto. Realmente non importa porque volvinme decatar de que é inútil prantexarse problemas que ningún ser humano sería capaz de resolver. Desculpade, debe de ser a idade.

Sunday, February 18, 2007

Conservador e vicioso

Así definiu a miña maneira de xogar ás cartas un amigo meu. O de conservador explicábase porque nunca arriscaba de máis e ía apañando miserablemente pequenas vitorias ata que o deixaba seco. Nunca me vía bendecido por grandes vitorias aínda que as miñas derrotas, axustadas polo xeral, e, a medio e longo prazo, resultaba unha estratexia acertada. E do de vicioso pois... um... bueno este non é un blog persoal como o de Baltariño, ¿non?

Onte volveu a saír o tema. Un vello coñecido deste blog eloxiou a organización da NBA e defendeu que o fútbol europeo debería tomar boa nota e realizar grandes cambios para facela máis espectacular e atractiva. Eu opinaba o contrario, que trocar certas cousas non ten razón de ser. Dado o seu bo xuízo habitual imos deixalo en que eu cría que el se equivocaba e el de seguro que pensaba que a resaca non me deixaba pensar (aí non lle quito a razón).

E si gústanme pouco os cambios. A maxistral Atrapado en el tiempo- para a historia a escea na que a marmota conduce o camión cara o abismo- sería un bo filme para facer o meu debut. Sobrevivo grazas ás rutinas. Canto máis agradables e estimulantes son estas, coma compartir este espazo con vós, mellor é a miña vida. Os eventos extraordinarios só me causan tensión e estress. Unha peaxe a pagar para seguir vivindo.

Son de costumes fixas. Fago metros de máis para non cambiar de cafetería e os camareiros saben o que vou tomar do menú. Nun mundo no que todo é cambio resistirse a el é a única maneira de protestar ante a orde universal do universo.

Labels:

Monday, February 12, 2007

Robert Palmer vs. Shania Twain

Xoguemos as diferenzas entre estes dous vídeos clásicos de Shania Twain e Robert Palmer.




O sexo oposto é habilmente obxectivizado a través dun look idéntico que quita a humanidade a eses atractivos especímenes. O falso feminismo preponderante non libera á muller senón que converte ao home nun obxecto sexual. A metrosexualidade que escraviza tamén ao home na procura dun aspecto inhumano é outro bo exemplo. Perdón polo tópico, pero o noso propio corpo acaba sendo unha mercadoría máis no que a súa cotización na bolsa do amor/sexo acaba sendo o esencial.

Non me resisto a abandoar este post sen denunciar a unha serie de incomprensible éxito e bebedora de todas estas "virtudes": Ally MacBeal.

Friday, February 09, 2007

A persoa detrás

Amélie Nothomb é unha escritora belga que pasou a súa xuventude en diversos países de Asia. Tiven, creo que a sorte, de ler Estupor e tremores, unha novela autobiográfica que fai referencia a súa experiencia coma bolseira nunha multinacional xaponesa.

Estupor e tremores é o que se supón que debía experimentar un súbdito ante o emperador do Xapón. Amélie reproduce esa sensación ante a súa pérfida e fermosa superior directa e a afogante xerarquía da empresa nipona. As historias terribles que se narran son debuxadas con humor e unha gran empatía polos seus torturadores.

A protagonista comeza como bolseira sen posto fixo e acaba repoñendo o papel hixiénico dos retretes masculinos e femininos. Entrementres tolea e fai o pino en pelotas na oficina, búscalle mozo á súa xefa e describe cunha gran humanidade a unha colección de personaxes sacados da galería do horror.

Existe a idea preconcebida de que os bos escritores son persoas atormentadas e terribles con altos graos de egoísmo, egocentrismo e desequilibrio mental e físico. Sen embargo creo que o encanto deste libro,a arma secreta da autora, é unha gran humanidade detrás das páxinas. Metería, salvando as distancias, neste caso a Kurt Vonnegut e a Charles Dickens coma seres humanos capaces de deslizar parte da súa bondade nos seus textos.

Xogo con vantaxe neste asunto porque un coñecido meu, daquela un rapaz de só 19 anos, monopolizou a súa atención nunha entrega de premios amosándose unha persoa moi accesible e encantadora. Será inxusto que as boas persoas, inda por riba, escriban ben?

A miña experiencia galaica rompe co tópico. Coñecín moita xente con ínfulas literarias con atitudes reprobables, infantís e retorcidas. Algúns ensuxaban follas coas súas obras (canto ben fixo o blog ás masas forestaisl!) e outros tiñan unha gran pericia. Sen embargo dos catro escritores galegos que máis admiro e ademais coñezo persoalmente coincidiu que tres son tamén tres persoas apaixoantes e de gran sensibilidade e empatía cara os demais. Quizais, iso si, non eran as tres máis humildes.

E por certo unha delas es ti. Aínda que non lea moito do que escribes,e non é que escribas moito , compartes podium cos outros dous. Aplicaraste o conto que lle suxires aos demais?

Sunday, February 04, 2007

A droga do ano

Se o ano pasado foi o do alcohol para min este é o do café. As costumes do meu centro de traballo acabaron por incorporarme a este non tan saudable hábito a pesar da súa popularidade.

O café vén de tradición familiar. O meu avó estivo moitos anos en Cuba e ao retornar inculcou ás súas fillas, entre elas á miña nai, o hábito de tomar tres-catro vasos de café ao día. Eu sempre me resistín. Tiña, e creo que aínda conservo, certa desconfianza a todo o que fose considerado droga porque pensaba que eu mesmo me basta para a enfrontarme á vida. Co tempo todos descubrimos que necesitamos cantos máis "algos" e "alguéns" para simplmente sobrevivir.

Se o alcohol é unha droga social que me permitiu coñecer xente do máis decente ás 8 da mañá, o café é máis ben laboral. Permíteme aguantar un día enteiro sen botar unha soneca no medio e estar desperto a primeira hora no traballo así como deitarme máis tarde. As consecuencias físicas xa as estou a percibir: malas dixestións, tensión permanente, cando non consumo interminables sesións con Morfeo..

Seguramente a pregunta que un se deba facer en referencia a unha droga non é se esta é boa ou mala senón se paga a pena. Un abuso do alcohol controlado ampliou o meu círculo social pero acabou cos meus sábados e domingos pola mañá. As consecuencias negativas do café manifestaranse de seguro nos próximos anos con crueza. Sen embargo, coma os protagonistas de Trainspotting, creo que polo de agora me merece a pena.

Labels:

Thursday, February 01, 2007

A vida dos outros

Percorridos uns anos ti deixas de ter importancia para ti. Primeiro o sacrificio vén dado polos fillos (as mascotas, os coches tuneados, a carreira profesional ou artística e os obxectos de coleccionista son equivalencias válidas) e vívese para darlles vida. Desatados desta carga a nosa existencia pasa a ser a doutros. Calquera resquicio da existencia dos fillos, os veciños, os políticos ou os moinantes da crónica social pasa a ser o epicentro das nosas vidas porque a nós, a partir de certa idade, cesamos na nosa existencia porque non aparece na televisión ninguén que se nos pareza nin a sociedade nos ten preparado moitos tormentos máis. Somos de aquela coma eses executivos aos que non poden despedir e os ascenden cun maior salario, sen ocupación definida e nun despacho con boas vistas.

Veñen á miña cabeza os meus pais, xente máis vella aínda e máis cotilla incluso pero tamén intúo que esta sensación sófrena os investigadores que adican toda a súa vida a estudar o que escribiron outros, ou ao que escribiron uns sobre o que fixeron uns terceiros. Tamén están os que nos falan deles ou os que, por hobby, non fan máis que ler sobre os que, de verdade fixeron os outros.

Labels: