Thursday, March 17, 2005

De dous a dous




A escritura é un espacio de retos. Nestes momentos loito por relacionar dous pensamentos separados no tempo e na lóxica violando de maneira flagrante as regras da nosa realidade.
Por unha parte un chiste publicado na Nosa Terra (refírome a humor gráfico non a ningunha proposta de Paco Rodríguez) amosaba unha lista con tres nomes "Pérez Varela", "Pita Varela" e "Rouco Varela". O nome do último aparecía tachado e un paisano- a figura do paisano que aparece por aí merecerá unha futura análise en profundidade- di "Un menos".
Os impulsivos reaccionarán pedindo unha lei pola que se obrigue ás mulleres Varela que renuncien a perpetuar o apelido familiar nos seus enxendros. A medida chocaría co dereito á inmortalidade a través da descendencia e suporía unha marxinación social. Outra medida adoptable é a esterilización, o mal que supón evitar a natural capacidade reproductiva feminina compénsase co mal maior que supón calquera deses individuos.
O meu preferido, supoño que o de todos vós tamén amiguiños, é Pita. Gústame a absoluta desvergoña de Pérez ( memorable cando lle dixo a Saramago que era o seu mestre, Groucho estaba a escoitar detrás da porta) pero a súa esencia porcina bótame para atrás. Rouco é sinistro simplemente e do mesmo pueblo que Don Manuel e o mellor capón de Galicia. El non está á altura. Quédanos Xaime e o seu centolo. Ademais o seu pai mantiña unha grande amizade con Cunqueiro e provén de Betanzos, quizais a vila máis fermosa de Galicia. (Non quero polémicas)

O outro asunto que me impide o sono é o que lle aconteceu á James Caviezel, protagonista entre outras da Paixión de Gibson/Cristo. O sangue coa peli farémola outro día ( Só un apunte: hai que ter unha dobre moral lacerante para poñer a Monica Bellucci nunha película casta e pura coma esta). Pois Jimmi resulta que aparte de actor é un integrista relixioso coma Bush, Condoleeza, Osama Bin Laden, Homeini, o inmolado líder dos Davidianos ou calquera outro individuo con complexo mesíanico e q se cre con dereito a decidir a moral dos demais. De feito non toca ás súas compañeiras de reparto a menos que a cámara esté rodando e elixe os seus papeis aconsellado polo seu mellor amigo: DEUS. A omnisapiencia do noso señoriño parece a máis idónea conselleira nestes tipos de asuntos. Aquí, no clube dos recalcitrantes, somos da opinión de que se Jimi Caviezel fixo películas bodrio con Jeniffer López e outros bodrios de segunda moi bo conselleiro non debe ser. E se temos en conta que mitos coma Jack Nicholson se deixaron influir máis polos octanos de certas bebidas, Yavé queda en mal lugar. Ya ves, YaVe. (pídovos perdón por adiantado polo chiste diglósico)
O caso, centrémonos, é que a Jim caeulle un raio enriba.
E hai pouco caeulle outro.
O seu representante afirmou que todo tiña unha expliación científico-relixiosa. As explicacións que máis nos gustan. "Se a alguén lle cae un raio por segunda vez logo ten máis posibilidades de sobrevivir. O raio é un sinal de Deus a Jim." Penso que é unha mensaxe electrizantemente ambigua.
O peor do caso é que parece ser verdade. Se un individuo sobrevive un raio non só se fai menos vulnerable ós seus efectos senón que ten moitas máis posibilidades ca o seu veciño de recibir outro. Jimi lévala clara.


Que relación ocultan estes dous feitos? Algunha ha de haber. A miña hipótese no próximo post.

0 Díxome díxome:

Post a Comment

<< Home