Monday, March 21, 2005

¿Para que facemos a cama?

É a pregunta fundamental que calquera se acaba por formular nunha encrucillada interior. Dúas toneladas de manuais de psicoloxía (pre/post)adolescente afirman con certeza que no paso de neno a adulto o individuos se fai tres preguntas "¿Que sentido ten a vida?", "¿A onde vamos?" e "¿Quen veño sendo?". Dado que os últimos estudos revelan que a adolescencia se prolonga indefinidamente, os psicólogos negan a relación entre este feito e o grande número de parados da súa especialidade, é prioritorio dar unha resposta satisfactoria a estas tres preguntas. Empecemos, do mesmo xeitoque lemos os galegos os periódicos, polo final:

¿Quen veño sendo? Iso sábeno as señoras da túa aldea moito mellor ca ti. Eu, por exemplo, son de Carreira e un pouco Tareixo. Fácil.
¿A onde vamos? A resposta adepende. Nalgúns casos a resposta é fácil: "A Chantada", "a casa de Aalberto", "por aí", "a onde teña que ir...". Noutras é máis difícil porque o/s individuo/s non están en movemento. Polo tanto a pregunta é unha parvada. Se non te moves non vas a ningures.
¿Ten sentido a vida? Se lichedes o post fundacional saberedes que a miña resposta de primeiras é non. Coma calquera mentira merece ser matizada.
¿Para que facemos a cama? é a nosa maneira de preguntarnos ¿Que sentido ten a vida?. Banalizamos o importante coa facilidade coa que Cuiña incompatibilizaba cargos. ¿Medo, alienación, comida refugallo, desesperanza, apatía, ironía como autodefensa...? Que sei eu a razón desta actitude autodestructiva.
Todos nalgún momento da nosa vida nos preguntamos a razón de facer a cama porque esa mesma noite a volveríamos desfacer. Sísifo non tiña tempo de autointerrogarse sobre esta cuestión porque a rocha pesaba moito. Creación e disgregración son constantes polas que se move o universo. A cama ó abandoala está quente, enrugada coa roupa dispersa, albacea dos soños e sonos esmorecentes . Facela é un acto de aceptar a uniformidade dos días e unha ilusión de inmortalidade. O acto de facer e desfacer a cama fainos crer nun día eterno que se repitirá sempre (coma o día da Marmota de Bill Murray)e no que atoparemos acubillo no noso leito.
Cada vez que procuro facer algo e me vexo incapaz pola miña propia apatía, batendo unha e outra vez na mesma pedra, pregúntome se merece a pena facer a cama ou deixarse ir e non facela nunca máis. Son dúas actitudes ante a vida, as única posibles para min: ir por ela a tope ou deixarse ir.
Para os curiosos informareilles de que tódalas mañas sen excepcións fago a miña cama. De maneira trapalleira e coas sabas gastadas de máis. Aínda que, a pesar de todo, feita.

0 Díxome díxome:

Post a Comment

<< Home