Wednesday, August 10, 2005

Máis humanos ca humanidade

Pasa coa familia real española un pouco o que pasaba cos replicantes de Blade Runner: son máis humanos ca a propia humanidade. Así nos explicamos que cando os monarcas acoden a unha zona devastada por unha catástrofe amosen unha "especial afectación" perante os 3.000 orfos amoreados dun orfelinato de Bangladesh, ou "desborden simpatía" cando o único que fan é saúdar a 2.000 persoas que levan agardando por eles horas e horas para ver ese pequeno xesto.
Calquera rasgo de carácter, afección ou medio sorriso é considerado coma un esforzo titánico por parte das súas maxestades. A súa aburrida axenda, polo menos a min aburriríame ir de regatas e a ceas de luxo tódolos días, supón unha epopeia similar ós doce traballos de Hércules que calquera ama de casa ou albanel non podería aturar.
Máis humano ca ninguén é o rei. Paréceme curioso que en tódalas súas visitas "rache co protocolo" para saudar á xente cando o fai SEMPRE. O protocolo é perder as formas. As únicas intervencións políticas que lle recordo ó noso xefe de estado foi o seu papel, ambiguo, no 23-F e cando se cambiou de sitio nun cumio iberoamericano para colocar a Aznar ó pé de Fidel.
Esta fin de semana houbo unha reunión de alto contido político. Un dos nosos iconos contemporaneos, Tou, reuniuse co outro, Juancar, para sacar a Galicia do seu sono. Juancar amosou "o seu compromiso con Galicia" e prometeu visitar a nosa terra en novembro durante a celebración da Volvo Ocean Race. Así, de paso que vai no barco, analiza as consecuencias do Prestige.

0 Díxome díxome:

Post a Comment

<< Home