Wednesday, March 23, 2005

O conselleiro e o centolo

(Isto escribino hai un tempo pero algúns de vos non o líchedes. Os repetidores desculpade esta reiteración)

Toda civilización, incluso a máis ínfima e peideira coma a galega, posúe atributos que a fai admirable a ollos dun forasteiro. Así cando os británicos regaban con sangue as estensas terras da India facíano entre taza e taza de té do oriente abraiados pola espiritualidade e serenidade dos seus habitantes. “Só un pobo digno da máis grande das louvanzas pode recibir as balas con esa tranquilidade transcendental”, diría o sarxento Philips antes de ordear ó seu pelotón envíar a cincocentos parias con Visnu, Shiva, Ganesha e compaña. O mesmo podíase dicir do orgullo francés, a flema británica, a capacidade de traballo alemana, a locuacidade arxentina, o dinamismo estadounidense, a alegría de vivir dos brasileños…

Dos galegos adoitanse salientar tres características: a ambigüidade que
non é boa, dende logo, pero mala tampouco; a saudaderamonpiñeiriana (poño a palabra toda xunta para que pareza alemán, idioma máis propio de filósofos ca lingua de Rosalia) e a retranca, o humor, a sorna…

Siro ten a teoría de que o humor é unha defensa dos pobos máis febles para resistir o oprobio e a represión. Seguro que non é de Siro porque todo o que se inventa na península leva un pao polo medio (exemplos: o chupa-chups, a fregona, o futbolín…) pero é ilustrativa da concepción positiva que todo o mundo ten do humor. Eduard Punset, Manuel Fraga, Stalin, Miguel Ríos,Rodríguez Zapatero, Chaplin, David Pérez Iglesias ou Julio Iglesias estou seguro que afirmarían sen dubida ningunha que o humor é algo bo. Que hai que rirse un pouco, home. Para desgracias as da tele.

O outro día vin Fanni e Alexander, excelente film de Bergman que considero construido sen ningunha concesión á ironía ou ó sarcasmo. Vina desacougado, non conseguía identificarme emocionalmente coas personaxes salvo cando meten ós nenos naquel horrible pazo do bispo coas harpías da súa familia. Dinme conta de que tiña dificultades para implicarme con moitas cousas que lía ou vía, sobre todo nos medios do comunicación. Despois lembrei unha conversa que tiven cun amigo meu ós poucos días de coñecernos. El explicoume o seu concepto de Deus e do universo. Era moi culto e reflexionaba sobre o divino humano e as súas teorías non eran ningunha parvada e estaban ben defendidas. Mais eu empecei a escachar da risa. El comezou a preguntarme se pensaba que estaba dicindo parvadas e eu, case chorando da risa, respondíalle que non, que a súa concepción de Deus era perfectamente entendible e respectable. Non sei que pensaría el de min.

O humor constitúe en min alomenos, e creo que en moitos outros, unha barreira non de defensa senón de isolamento. Os chimpances rin por medo e os chistes máis graciosos son os máis terrbiles. Por algo será. Donald Rumsfeld antes da guerra do Irake defendeu un ataque a unha aldea chea de inocentes dentro da zona de exclusión do seguinte xeito: “Hai que ter en conta que estamos a loitar con xente sen escrúpulos que é capaz de poñer á súa propia xente como escudos humanos en cuarteis militares para indignar á opinión pública internacional. Por iso debemos actuar con máis firmeza se cabe e erradicar xa a ese dictador sanguento”. Fixeime no ollar de Rumsfeld e vin unha chispa de malicia, de sarcasmo, de humor en definitiva. Sentime
xunguido a el dunha maneira perversa e á vez sentinme complice da súa barbarie.

Visto a que chove… ¿É o humor a solución? ¿Non vence a mesa cunha pata tan frouxa? ¿ Sería mellor volvernos suecos todos…?

Unha última imaxe para a reflexión. No programa “Parlamento” de televisión española, coa participación de Antón Louro, Suárez Canal e Xaime Pita o último dos citados mostrou unha foto dun centolo recollido en Muxía aquela mesma mañá. O conselleiro de presidencia amosaba fachendoso a proba científicadefinitivaantisantotomasesescépticos (outra vez o alemán) e afirmaba: “Esta é a verdadeira realidade de Galicia”.

¿Paramos xa de rir ou deixámolo para outro día?

1 Díxome díxome:

At 11:49 AM, Anonymous Anonymous said...

muller reideira ou puta ou peideira

 

Post a Comment

<< Home