Sunday, July 22, 2007

Comfortably Numb

Escoito cancións de xeito compulsivo ata rozar a antisociabilidade. Resultaba problemático cando tiña compañeiros e pinchaba eu a música. Unha canción engaiolárame e non deixaba de poñela ata que me aburrise. Iso podía acontecer á vixésima escoita consecutiva e con algunhas, Devil's Haircut, non chegou a pasar aínda.

Ando ás voltas agora coa canción celebérrima de Pink Floyd, Comfortably Numb, na súa versión en directo con Van Morrison en Berlín 1979. Desta vez os responsables foron dous italoamericanos: Martin Scorsese e Toni Soprano. Nun dos últimos capítulos de Os Soprano, Chris Montasanti pon no coche esta fantástica versión extraída da banda sonora de Infiltrados pouco antes SPOILER SPOILER SPOILER NON O LEAS SE NON VICHES A ÚLTIMA TEMPORADA de morrer a mans do seu amado tío.



Cando exercía de xenio da literatura, debía ter 15 ou 16 anos, a querencia da miña irmá ao piano resultábame ridícula. De que serve adicarse a unha arte se non é para transmitir o teu universo persoal. A música descóbrenos que a execución é tanto ou máis importante que a concepción. O elemento espúreo Morrison catapulta a horizontes conmovedores unha canción milimétrica e desapaixoada. O mesmo que pasa cando xuntas dátil con xamón nun aperitivo aínda que, seguramente, non debería dicilo...



Avergónzame recoñecer que descubrín esta canción a través de Scissor Sisters. Tamén tiven a miña etapa convulsa coa súa versión. Non deixa de ser unha proba de que este tema ten algo de especial cando unha banda tan frívola é seducida por Pink Floyd. Realmente un músico debe de sentir un rebumbio de medo e orgullo cando a súa creación perde o sentido no que foi enxendrado e pasa a ser patrimonio de todos os creadores. Certa envexa? Pois claro pero tamén a teño das pernas de Elle MacPherson. A clave é vivir coas frustracións.




Sobre a canción en si dicir que xorde a partir dunha experiencia médica de Roger Waters. Tedes unha información moi completa na Wikipedia. O tema forma parte do álbum e da película de Wall, de onde foi extraído o último videoclip.



Por último pedir desculpas aos meus amigos lectores de Feeds. Na miña loita con YouTube por incluír o primeiro vídeo houbo varias tomas falsas.

2 Díxome díxome:

At 12:13 PM, Blogger Zerovacas said...

Decubriches unha canción de Pink Floyd a través de Scissors Sisters e agora a escoitas cantada por Van Morrison? Creo que deberías seguir a cadea

 
At 4:27 PM, Blogger O Nadador said...

Ou afogarme con ela..

 

Post a Comment

<< Home