Monday, April 18, 2005

Identidade cultural

Hai realmente poucas cousas que nos unan. Fálase de xeracións pero Ferrín e o Rei naceron o mesmo día e o mesmo ano, e deben ser da mesma quinta de Jagger ou McCartney. Aznar debe ter os anos de Bowie, un arriba ou un abaixo. Así poderiamos seguir un lote de tempo e non me apetece.
Paréceme unha parvada equiparar a persoas dunha mesma idade se non teñen vencellos suficientes coma para afirmar que pertencen a unha mesma xeración. Os que eran hippies nos 60 convivían cos falangistas máis recalcitrantes fabricados despois dun sistema educativo franquista. Acontecementos coma a chegada do home á lúa, a bomba atómica ou o 11 de setembro foron vividos con toda a gama de sentimentos e paixóns do ser humano.
O único que pode unir ós grupos humanos son detalles da súa rutina. Dentro desa rutina destaca a televisión, sobre todo antes cando había menos canais, que uniformiza e organiza un pouco a nosa memoria sentimental.
Así que creo que se algo unirá ós galegos no futuro, os que voten ó PP ou o Bloque,ós ricos e pobres, ós guapos e feos, ós da aldea e ós de cidade será Son Goku e a súa onda vital, as bolas máxicas e o ben que o pasabamos na merenda. (Por favor, que ninguén cite a Rilke nun comment: "A única patria dun escritor é a súa infancia")

5 Díxome díxome:

At 1:03 AM, Anonymous Anonymous said...

como di Rilke " a única parida dun escritor é a súa infancia", eu supoño que pertenzo á xeración que usou e abusou duns rolos de papel hixiénico de algo así como estraza fina, que levaban arredor unha cinta de celofán amarelo cun elefante. Iso foi antes de que Félix Rodríguez de la Fuente... e non quero extenderme nas asociacións de ideas e sensacións que me produce ver un elfante aínda hoxe... Se o que dis é certo explicaría certas anomalías dixestivas que a miña xeración padece cando se conecta aos documentais da dúas. Ou as disortografías habituais en todos aqueles que usamos bic bic, bic bic bic, bic cristal, bic naranja, bic naranja escribe fino, bic cristal escribe normal. E mira que eu insitía en que me mercasen un bic naranja, pero nada... á vista están as consecuencias.

 
At 10:02 AM, Blogger O Nadador said...

Non se engane, anonymous, vostede pertence á xeración do licor café e de Almodóvar. Como diría un avogado de La Coruña "Xódase".

 
At 4:10 PM, Anonymous Anonymous said...

vexo que vostede usa tamén o bic cristal. Que se lle vai facer. Pero sinto correxilo, o uso e o abuso de licor café non é xeracional, e polo que lembro dos cines, había moito cinema italiano, iso si, algún Bergman, Buñuel, etc. Almodóvar foi despois e con xustificada desconfianza. O que si era relevante era o Teatro Independente, e os maratóns de rock. Se vostede medrou baixo os amaneirados decibelios de Mecano, comprendo o seu actual estado. Consólese con María Isabel e Bisbal que por idade aínda pode. Como diría un avogado de Vigo, a cagar nas vías que hai travesas novas.

 
At 6:16 PM, Blogger O Nadador said...

Estimado señor anonymous:

Estou en total desacordo respecto á afirmación sobre os avogados de Vigo. Teño entendido que todos usan o inodoro e unha esmagante maioría levanta a tapa antes de levar a cabo a defecación.
Lembrolle que mentres os da súa xeración recibían unha firme educación franquista nós víamos a Alaska e as súas proclamas leninistas. Non todo o monte é oregano nin todo o orégano monte.

 
At 11:32 PM, Anonymous Anonymous said...

o de leninista dilo por lenitivo, supoño, por outra parte, vaia a educación franquista pola educación fraguista, "violador de conciencias infantiles" fraga dixit

 

Post a Comment

<< Home