Thursday, May 26, 2005

Fútbol é fútbol, vida é vida


Son consciente da animadversión cara o fútbol que mantedes moitos dos meus lectores (deixemos o /as para os manifestos do Partido Popular) pero a épica victoria do Liverpool é a única alegría desta fatídica semana. O luns morreron, case ó unísono, unha das persoas que máis cariño profesaba por min e o meu móbil. Unha curiosa conxura de tecnoloxía e necroloxía. Pensei en facer unha elexía polo finado neste espacio. ¿Para que? Catarse, seguramente. Optei por seguir o consello de Horacio Quiroga e deixar morrer a vívida emoción para concederlle a cada sensación a palabra xusta, reservar a cada emoción o seu contenedor axeitado dentro da miña limitada habilidade literaria. O martes berreille desaforadamente á persoa á que llo debo todo e pola noite porteime coma un imbécil outra vez. (Perdón) Tamén redescubrín a ruindade dos meus superiores. Somos un pobo pataqueiro...
En definitiva, só a remontada do Liverpool me axudou. Creo que a grandeza do fútbol é a súa inxustiza. Unha acción concreta nun encontro bota a baixo en segundos o traballo dunha carreira deportaiva. As posibilidades son infinitas para o positivo e o negativo. Calqueira actividade ou obra humana que reproduza as indiosincrasias da existencia humana é atractiva, valiosa e achéganos ó inacadable coñecemento primordial. Os soberbios e ignorantes, AQUÍ e o Choqueiro saben de qué e de quén falo, que viven de costas á súa realidade, engaiolados pola súa propia cela de prexuízos e dogmatismo, nunca vibrarán cun partido de fútbol ou cunha ópera coma os humildes de espírito. Desculpade, é unha mala semana.

4 Díxome díxome:

At 5:12 PM, Anonymous Anonymous said...

Non sei que me dá facer o meu primeiro comentario neste blog sobre o fútbol, pero creo que a ocasión paga a pena...
Agora resulta que todos (segundo os medios de comunicación) tiñamos que apoiar ao liverpool porque varios españois traballan nese clube. Creo que é dun pailanismo espantoso.
Tampouco é que sexa un forofo do liverpool de toda a vida, pero nos últimos anos fun comprendendo o que significa este equipo para a súa cidade e os seus seguidores. Incluso, e bill shankly soubo moi ben do que falaba, dende unha perspectiva política e de conciencia de clase. Así que xa levei unha alegría grande cando se clasificaron para a final, e máis todavía cando a gañaron dun xeito tan memorable ante un equipazo como é o milán.

 
At 7:26 PM, Blogger O Nadador said...

Nisto de misturar fútbol e simbolismo político caemos en pozas con facilidade. Defendeuse ó Barcelona coma oposición ó franquismo e representación da liberdade perante o Real Madrid cando a realidade era que os grandes empresarios cataláns, en última instancia alma do clube, eran franquistas e non catalanistas. Na liga española practicamente tódolos clubes están nas mans do Partido Popular ou de cousas peores coma o GIL.
Existe en menor medida a división dos equipos das grandes cidades entre ricos e pobres (Español/Barça e Madrid/Atlético) pero non está tan marcada como no caso de Celtic/Rangers, Roma/Lazio ou Liverpool/Everton.
A dereita, penso, interesouse moito máis polo fútbol que a esquerda, sempre máis elitista. Pode ser certo que é un opiáceo para as masas mais non deixa de ser unha entrada nos corazóns e opinións da xente. Ultimamente só serviron os clubes de fútbol para facer patente a xenofobia e resulta moi preocupante ( e na miña opinión penable) que non se encarcele ós presidentes por permitir unha soa esvástica ou aguia franquista nun estadio de fútbol. Non só iso, senón que permiten entrar a eses simios nos estadios, co perigo potencial que entraña para os homo sapiens que os arrodean, e os premian con viaxes e locais nos estadios por ser os afeccionados máis fieis. A Paolo Di Canio lévano sancionado tres ou catro veces por celebrar os goles facendo o saúdo fascista. El sabe que así se gaña á afección.
Sobre o Liverpool un par de cousas que lle lin a Michael Robinson ( o estranxeiro máis deficiente en proporción anos de residencia no país e nivel de castelán). O Liverpool foi un símbolo da loita contra o Tacherismo e da reconversión industrial dos anos 70. Conta que, polo seu espírito de humildade e respecto ó seu proletario espectador, o vestiario local é máis pequeno que o visitante e que un xogador, Robbie Fowler, mercou un ferrari encarnado e obrigáronllo a devolver porque non podía ir con iso polas rúas de Liverpool.
No estrictamente deportivo os ingleses non fixeron méritos para eliminar á Juve, o Chelsea ou o Liverpool e fútbol fútbol non fan moito. Iso si, parecían marcados pola historia e ás veces é a mellor garantía.

 
At 11:14 AM, Anonymous Anonymous said...

¿qué esquerda? Eu sempre recordo aquela frase de camus: “todo o que sei sobre a moral e as obrigas humanas llo debo ao fútbol”. Hai unha esquerda elitista que ve no fútbol o opiáceo moderno sustituto da relixión para alienar á masa. É a mesma esquerda elitista desconectada xa totalmente da súa base social. É, en fin, a mesma esquerda beneducada e universitaria que denuncia ao fútbol e prefire recrearse coas esculturas de sol lewitt. (Xa sei que isto é case unha caricatura, nembargantes en españa sabemos moi ben cómo é a avangarda da progresía oficial; pero ese é outro tema).
Por iso o liverpool é un equipo especial: porque a única alegría que tiñan os proletarios era ir a anfield cada semana e ver ao seu equipo xogar. O respecto que os xogadores sempre amosaron polos seus seguidores é a base do clube.
É ben certo que, polo menos en españa, moitos presidentes están ao nivel do peor do seus afeccionados ultras (o mesmo carácter, pero con traxe e garavata) e utilizan aos seus clubes como platadorma para lanzarse ao paraíso mediático, abridor de portas, e outros chanchullos máis ou menos inconfesables; pero quero pensar que no mundo civilizado os presidentes son tamén máis civilizados que aquí (ben, probablemente italia estea ao nivel español...).
Un saúdo

 
At 1:29 PM, Blogger O Nadador said...

Sobre a esquerda: Pasouse dunha esquerdización da política mundial (60 e 70) a unha dereitización (dende o meu nacemento, ¿serei o anticristo?). Pola mesma caeron tamén, algúns prexuizos da esquerda, coma o do fútbol. Agora non está mal visto seguir o fútbol en certos círculos pero tampouco está BEN visto. Ou polo menos tan ben visto como ir a restaurantes caros ou construirse casas de pedra nas periferias urbanas.
Sobre Sol Lewitt: Non sei practicamente nada de artes plásticas pero a obra deste tipo recórdame a unha exposición que fun ver cun amigo ó CGAC chamada Minimal-Maximal. Marchamos indignados. Agora teño máis humor.
Sobre a alegría proletaría dos de Liverpool: Si, pode ser certo. Tampouco creo que o fútbol sexa un elemento tan alineante... non absorbe tantas conversas. A xente tamén fala de política,economía, cultura... pero faino á súa maneira e as súas opinións, a pé de rúa, teñen moito máis que ver coa realidade cas percepcións do engominado de turno. Sen embargo son da opinión de que dende que gañou o Partido Popular as eleccións estatais houbo un movemento consciente para aumentar a preeminencia do deporte na información. (Iso que eu son un gran seguidor)
Sobre os presidentes: Creo que os presidentes do futuro tenderán a ser xente de verdadeiro diñeiro e poder necesitados de proxección social para lexitimar as súas actividades e dotarse dun escudo de protección. Isto é interesante porque nos permite ver a cotrosidade dun Florentino Pérez á hora de organizar unha empresa e o seu cariz autoritario e arrogante. A esa xente non lle gusta perder.

 

Post a Comment

<< Home