Wednesday, June 29, 2005

Non vos olvidedes de min



Fíxome "gracia", se é a palabra, un anuncio dunha ONG que dicía: " O foco de atención dos medios xa non está no sudeste asiático pero eles seguen precisando a túa axuda...". O mesmo podíamos facer cos afectados do Mitch, as víctimas do terremoto de Irán, as nenas que son sistemáticamente maltratadas nos orfanatos chineses, os refuxiados de Dharfur, os esfameados do Corno de África... O anuncio daríasenos de si. Necesitaríamos un xornal enteiro con publicidade deste tipo e, en pequenos recadros abaixo de todo, colocar noticias sobre Ibarretxe ou as fichaxes do Celta para dar feito.


Desde un punto de vista práctico cúmprese a consigna de Lenín de "Canto peor mellor". Se ti es presidente dun país africano onde o salario medio son 4 dólares ó mes e a dieta calórica está por debaixo do recomendado pola OMS o máis beneficioso, quizais, sería sabotear as colleitas, provocar a fame negra e que veña a axuda internacional cos seus sacos de millo. Pan para todos.
Ese mesmo dirixente terceiromundista se se enfronta coa sempiterna guerrilla-rebelde-marxista-capitalista debería pactar cos seus inimigos para dotar de "técnicas de comabate creativas" (xa sabedes, cabezas cortadas como en Liberia ou violacións en masa como en Bosnia) e así abrir os informativos coas atrocidades da semana.
Penso que o obxectivo final, se es un país maldito, é opositar a patria perpetuo. Pensade senón en Palestina e todo o merchasdising que conleva (incluida esa horrorosa panoleta) e no negocio que fan os empresarios palestinos levantando o muro que os separa de Israel. Para que non se me ocuse de ter unha visión demasiado negra da humanidade poño o exemplo de Mónaco: Unha vila de pescadores que contaba cun dictador de pedigrí (un monarca) que casa cunha estrela de Hollywood e se converte no sitio con máis glamour do planeta. Hai esperanza sempre antes de que remate o informativo.

0 Díxome díxome:

Post a Comment

<< Home