Thursday, July 14, 2005

Congresista

É probable que exista unha manchea de lugares comúns onde case todos nós atopemos reductos de felicidade: a infancia, a natureza, unha conversa con amigos, certo home ou certa muller, unha tarde lendo na horta, unha película de madrugada... A min sempre me gustou colaborar cun grupo de persoas organizando eventos, congresos e xornadas.
Xa sabíades que era raro así que non poñades esa cara.
Cando estás cun grupo de xente ilusionada cun proxecto, disposta a pór ó compañeiro por diante dun propio, transmites a alguén un coñecemento que ti consideras importante ó resto do mundo, coñeces a outra xente que comparte as túas inquedanzas... Pintoo moi idílico. Seino. Os problemas de organización deste tipo de eventos son tantos, cando menos, coma conferenciantes hai no planeta. O inesperado e inevitable sempre acontece en todo congreso, organícese con todo o rigor que se queira (Nota: Esta era a condición que Jean Claude Carriere, guionista de Luis Buñuel, poñía a calquera bo guión).
Hai algo profundamente humano no espírito colaborativo. De feito a nosa supremacía vén dada en parte pola nosa peculiaridade de ser os únicos seres vivos de gran tamaño capaces de organizarse. O lobo contra o lobo neoconservador so é certo cando se destrúen as nosas identidades fundamentais coma grupo. Aí xa só queda o individuo que é claramente insuficiente. Do contrario ser hermafrodita sería a norma e non o pretexto para unha das mellores novelas que lin nunca.
Non vou agochar que quizais esta organización de actos, eventos, congresos... retrotraeme a un pasado... O problema do pasado é a escolla do calificativo. Se dicimos mellor estamos esquecendo o malo e se dicimos peor estamos mentindo. Logo é un problema de memoria. Gustaríame dicir, e creo que me podo permitir o luxo, de dicir que me alegro de ter vivido pero que teño a sorte de atopar motivos cada día para non ter que lembrar.
(Si, quedoume cursi)

1 Díxome díxome:

At 11:18 PM, Blogger FraVernero said...

Boas, Nadador:
hai un libro de historia medieval moi pavero do que me teñen falado moi ben. Ilustras as perspectivas futuras do medievalismo (máis ben escasas). Pero só o saco a conto polo seu título: 'O futuro dun pasado'.
A organización en común de escritores sempre ten as súas ventaxas e inconvintes. Soe ser prioritaria cando se é máis novo (ou cando se buscan compañeiros 'de xeración' para defender unha liña).
A verdade, o noso pasado de 'Sacou' era curioso en moitos aspectos. Entre eles, a escasa cantidade de cousas e ideas literarias que tiñamos en común. Pódese ver como unha riqueza (sobretodo porque daquela eramos máis novos, e estabamos, quizaves, máis abertos a aprender dos demais).
Tamén se poden xerar frustracións e actos fallidos, mais todo queda atrás unha vez realizado... E só se recordan os bos momentos: Outeuriño quitándose a camiseta; María do Cebreiro sorrindo; Helena, etérea; Navaza e Angueira contándonos o marujeo literario; Euloxio lord inglés, e Villalaín amabilísimo. Ferrín sobando a graxa dos calamares...
Na última entrada no meu blog falaba dun pasado que esmorece... e da necesidade de mirar cara adiante. Teño pecado de excesiva nostalxia. Nembargantes, ese pasado seguirá dando materiais para crear o futuro.
Saúdos.

P.S.: A ver, grandísimo lacazán, cando deixas unha entrada e te pasas polo meu devandito blog, que ata o Señor dos Chocos ten aniñado, con fanfarria de peidos ardendo.

 

Post a Comment

<< Home