Os famosos
En Alemaña recentes sentenzas xudiciais afirmaron que os famosos non teñen dereito a vida privada. A min cando menos non me parece de xustiza esta sentenza. Négaselles o dereito a un espacio e a un tempo para si. Un dereito recente, non por iso menos necesario.
As nenas de quince anos morrerían polos seus ídolos. Creo que é unha afirmación literal e pouco esaxerada a tenor do visto polos meus ollos. Tres anos despois cando as feromonas e os primeiros mozos mitigaron o efecto star abandonan ós seus deuses e os converten en inmundicia. Son millonarios, ociosos e seguramente, moito máis felices ca nós, durante a maior parte da súa vida. Perden o sentido da realidade porque só se poden relacionar endogámicamente. Nunca poderán acceder á perruqueira dos seus soños pero si gozarán dos seos operados de moda. Simplemente serán o que nós nunca seremos.
Non obstante establecemos vencellos emotivos con eles. No meu caso sempre baseado polo amor ó traballo que tiveran realizado máis ca o carisma. Seguramente os fans de Rocío Jurado non compartan a miña opinión. E gústame crer, un sentimento autoprotector, que eles, moitas veces de maneira delirante e megalómana, se alimentan desa adoración.
Entristecinme coa morte de Kurt Cobain e Stanly Kubrick. Para min eran persoas que sempre ían estar aí. As veces éme máis doado lembrar que un famoso desapareceu (programas especiais, artigos na prensa, discos recopilatorios, reedición das súas películas...) ca morte tráxica do meu tío Bernardo ós 50 anos. Simplemente eles están aí SEMPRE e a xente non.
Creo que ó longo da miña vida só fun de Beck. Hai tempo que esa admiración remitiu aínda que sigo admirando a súa música. Hai pouco atopei este artigo que narra como el sempre se viu sometido por culpa da súa familia á disciplina da Igrexa da Ciencioloxía. Os seus pais son cienciólogos e el viviu ata os 18 anos nun entorno que, entre outras prácticas habituais das sectas destructivas, destruiu os seus vencellos familiares, anulou a súa autoestima e autonomía persoal, limitou a súa formación e tamén se fala de que os abusos a menores son habituais na Igrexa da Cienciología. Gracias ó seu avó, un artista vanguardista bohemio sueco, a unha vida bohemia e a súa antiga parella; Beck intégrase no mundo "non cienciólogo" conseguindo unhas grandes cotas de creatividade. Desta época datan os seus mellores discos coma Mellow Gold ou Odelay. Cando se convirte nun cantante mundial recoñecido a súa familia volve presionalo para recuperalo para a secta e finalmente rompe coa súa moza no ano 2.000 e entra de novo na Ciencioloxía. Casa por sopresa con outra Ciencióloga (son habituais os matrimonios dirixidos) e ten un fillo.
Beck normalmente minte de maneira descarada en moitas entrevistas. É unha persoa cun problema grave como tantos outras do noso entorno. Sectas coma a Ciencioloxía, o Opus Dei ou os Pentecostais están a ter unha gran relevancia social e unha certa aura de respectabilidade. A desecularización da sociedade é un grave problema que nos trae a monstros coma Bush ou Bin Laden. A historia de Beck é unha de tantas pero eu síntoa coma miña. Quizais non debería porque o único que fixo foi encher de música o meu tempo. Non obstante, a pesar do tribunal de xustiza alemán, é unha persoa e sintoo por el.
0 DÃxome dÃxome:
Post a Comment
<< Home