Tuesday, April 11, 2006

Semanas santas

Á igrexa católica italiana parécelle fatal que poñan o venres o clásico futbolístico Milán-Inter o Venres Santo. Se eu crese que por deixar de misa iría ao inferno non tería dúbidas das miñas prioridades. Atrévome a apuntar a que o malestar no clero vén pola imposibilidade de que estes podan ver o derby. Se fose o sábado seguro que non porían problema. ¿Pasou algo o sábado da Semana Santa do 33?

O outro día estaba nunha sidrería da zona vella de Santiago e cando quixemos saír do local un grupo de encarapuchados, algúns deles descalzos e con trompetas, obstaculizáronos o paso co seu tétrico paso. Había nenos, homes e vellos. Mulleres non, supoño. Ata aí poderiamos chegar. E a banda municipal tamén por aí. Polo menos non se lles deu por fustigarse con látegos e mancharnos a roupa con sangue.

Ao perder de vista a procesión vimos unha igrexa coas portas de par en par. A rúa é coñecida por acoller un bar de última hora das noites compostelás cerca de San Martiño Pinario. Unha rapaza que formaba parte do grupo sinalou que as igrexas gardan un cheiro moi particular. "Como o dos hospitais", tería respostado de ser máis enxeñoso.

En plena época de celebracións os gardiáns da espiritualidade síntense cun gran pertrecho moral e atacan a decisión de Cabezas, alcalde de Ourense, de casar ao seu compañeiro e amigo o concelleiro Araúxo co seu mozo na presenza de Núñez Feijoo, Baltar e Baltarito. Cabezas, que coma senador votou en contra da lei do matrimonio homosexual, di non atopar ningunha contradicción entre votar en contra desa lei e casar a un amigo e Feijoo di que hai que respectar á igrexa e aos homosexuais. ¿Alguén comprobou que Ionesco e Breton seguen na súa tumba?

A Semana Santa era unha das miñas vacacións favoritas na miña etapa estudiantil porque facía bo tempo, non demasiada calor e podías ver Espartaco. Desde hai anos para min, como para a maioría dos españois, perdeu o seu sentido relixioso. Aínda así creo que a sociedade foi moi respectuosa cos que foron da man dos ilexítimos gobernantes de España durante 40 anos. Incluso Canal+ cesaba nas súas pornográficas emisións o Venres Santo. Sen embargo os bispos falan dun pansexualismo que o invade todo. Se isto é certo só cabe unha pregunta: ¿Onde hai que apuntarse?

2 Díxome díxome:

At 9:14 PM, Blogger elduende said...

Pansexuais somos todos... ou xa nos gustaría.

E tes razón, o mellor da Semana Santa é Espartaco onde, por certo, tamén hai pansexuais. ¿Consideras moral comer caracois, Antonino?

 
At 2:04 AM, Anonymous Anonymous said...

"La única Iglesia que ilumina es la que arde"

 

Post a Comment

<< Home