Thursday, March 31, 2005

Paraugas & excusa

Saio distraído da miña casa e rara vez miro pola ventá a ver que tal día vai. Por outra parte, tal como se informou aquí, teño tendencia a pensar que todo mal posible acabará por converterse en mal consumado. Consecuencia lóxica destes síntomas de manía-depresiva moitos días soleados vou pola rúa abaneando o meu paraugas. Non podo evitar cando isto acontece argallar unha serie de excusas e hipóteses para desculpar a miña pouca capacidade para predecir o tempo a pesar de ser neto de mariñeiros. "Se me pregunta alguén direi que llo vou devolver a un amigo". "Volvo para casa entón necesito levar o paraugas para alá". "Na tele afirmaron sen ánimo de dúbida que ía chover." "Vou estar moitas horas fóra e estamos en primavera así que..." Os únicos que me acompañan nesta paranoia meterolóxica son as vellas. Ata que non atopo a unha previsora de máis coma min non camiño tranquilo. Se teño éxito na miña identificación un cosquilleo de satisfacción percorre o meu corpo, ergo a cabeza e ando decidido. Son unha alma envellecida polo amor.

0 Díxome díxome:

Post a Comment

<< Home