Friday, June 03, 2005

Hai que votalos (especial eleccións): Pegada de cartaces

Comezamos hoxe unha serie de posts sobre as eleccións autonómicos ou, por seguir as nosas nomeclaturas tradicionais, as Nosas Eleccións.
Onte tivo lugar a pegada de cartaces. Sempre hai algún candidato na Praza Roxa (este ano Touriño) e os outros dous tamén en Santiago ( Fraga en San Lázaro e Quintana en Praterías). Polo visto as dúas cidades máis poboadas de Galicia non eran dignas dos candidatos, pero unha palabra deles (ou un mitin de tintes localistas) serviría para sandalas.
Falo sen saber, non debería dicilo porque non notaríades a diferencia, e non sei se foron despois coa brocha a poñer papeis. Espero que non. O estremado cinismo e a corrupción intrínseca ó xogo político non é excusa para o horterismo Lazaroviano. Penso que o primeiro mitin de campaña (os de precampaña comezaron catro anos antes) é un evento tipo cidadán Kane e curiosamente cada vez con máis xente detrás dos candidatos.

A multitude (é maquiavélico empregar a palabra chusma neste contexto) que arrodea a Fraga, bastante novos, parécense abalanzar sobre o Totem lembrándome a cando o público subiu ó escenario do concerto de Iggy Pop o pasado verán en Santiago e cantou No Fun . No caso do PP creo que está ben argumentado porque o lema é "máis" o que implica, tamén, máis xente máis suor. A actitude de Fraga pareceume enérxica e sen fisuras. Podería gañar calquera disputa de taberna con esa disposición, sen dúbida.

Touriño pola súa banda recordounos outra vez por qué non podería protagonizar unha película dos Blues Brothers ó recitar co seu monocordeón tódolos epígrafes do seu programa electoral. Ás súas costas, coidado Emilio, estaba Paco Vázquez, Pepiño Blanco (o home que non foi alcalde en Palas), Orozco e outros capos galegos do partido (se fose Euskadi ou Madrid estaría Zapatitos?). Os "poderosos", para ser poderoso en Galicia tamén hai que ser popular, ían disfrazados de funcionarios, o perfil ideal do votante do PSOE, coas súas chaquetas Sport e a súa cara de ir despois a unha terraza da Praza Roxa a tomar unhas tapas coa muller. Un error xa que o paisano necesita o disfraz de burócrata para sentirse ben explotado. Destacar tamén a presenza de Zancudos neste mitin por se con Touriño non bastasen os freaks.

Por ultimo Quintín na Quintana... non tería sido moi fácil... Quintín nas Praterías por se non daban enchido. Detrás del había xente nova que, algún que eu me sei, menos mal que non falou. Para gañar puntos proxectaron o video dun ancián perdendo o sentido no seu posto de traballo. Ó parecer o voto da terceira idade non interesa en Galicia.
Que sirva isto para dar inaugurada a campaña... ¡Hai que votalos!

0 Díxome díxome:

Post a Comment

<< Home