Saturday, October 08, 2005

Conversación na (cidade da) Catedral

Nun curso de guión de series de televisión ó que xa fixen referencia no pasado explicáronme que os bos guións teñen marcado perfectamente o tempo dos puntos claves da trama. O desencadeante da acción no minuto 15 da película (se dura 90 minutos) o clímax no 45 e a culminación a partir do minuto 75. O mesmo aplicado a series de televisión e a novelas ou historias eminentemente narrativas. Esta descoberta do mecánico da narrativa fíxome perder a fe na arte.

Na vida, vistos os desastres naturais e artificiais que martirizan ós nosos conxéneres pobres esta fin de semana, parece difícil conservar a fe. Non lle negamos, sen embargo, a capacidade de sorpresa. Proba deste carácter inestable da existencia son certas conversas que periódicamente reconfiguran a nosa vida e aportan valor ó noso desenvolvemento como persoas.

Non me pidades que vos faga unha tipoloxía do interlocutor (porque pode ser calquera coñecido ou descoñecido, amigo ou inimigo) ou da duración (do minuto á hora) ou do lugar (unha voda, o mesmo lugar de traballo de sempre, o bar máis cotroso de Corrubedo...) porque non a hai. Pero todos intercambiamos unhas palabras inesperadamente profundas e instrocpectivas que cumplen a misión que para os antigos tiña o lume: purificar e crear.

Négome a facerme un listado de todas. Sería pesado e inútil. Decátome de que os que son ou foron os meus máis íntimos amigos mantiveron este tete a tete comigo ofrecendo unha parte da súa alma a cambio dun pouco de comprensión. Quédome con este bo síntoma para valorar un paseo ó redor do ensanche compostelano o outro día á noite. A confirmación do comezo dunha era marcada pola ilusión.

1 Díxome díxome:

At 12:19 AM, Anonymous Anonymous said...

non faría moito caso das instruccións dun guionista

en realidade, case todos os que dan clase diso nunca escribiron grandes guións, apenas artefactos

gosto máis da palabra en portugués: roteirista

a palabra soa non chega, é tamén a situación, o estado de ánimo, a "realidade" que se confabula para que as palabras teñan todo o seu significado

case todas as conversas que eu lembro a gusto, sucederon camiñando, como se o ritmo dos pasos, o desvelarse da vida en cada paso, a felicidade do corpo, se tecesen a cada frase, a cada pensamento

polo demais, os ritmos narrativos son a miúdo correlatos de ritmos biolóxicos ou históricos, por iso é fundamental saber escoitar o devalo de cada historia, que é sempre diferente, e sempre misteriosamente semellante, como un fractal, ou unha árbore, ou as ondas nunha praia, ou un proceso revolucionario, ou a decadencia dunha familia, ou un post

pode que todo sexa caos, e nos pase coma a eses científicos que estudan coherencias nas sinais que chegan do espazo, que se nos pasa o caldo

unha aperta

 

Post a Comment

<< Home