Sunday, October 02, 2005

A banda sonora das nosas vidas


Na parte da historia universal que nos tocou vivir estableceuse unha relación de amor cos nosos fetiches dada por unha parte polo espacio consumista no que nos desenvolvemos e por outra pola inevitable necesidade de amar algo ou a alguén. Os productos que consumimos en cada época marcan os nosos recordos: os nosos xoguetes, a Bola de Cristal, a roupa, os libros e sobre todo os discos.

Unha característica da música é que normalmente a gozamos mentres realizamos outras actividades das máis diversas e, en ocasións, as lembranzas que nos evocan non son as que os autores pretendían transmitirnos. Con este motivo, e nun novo acto de obsceno exhibicionismo, paso a enumerar algúns dos discos da miña colección e o que me fan revivir. Desculpade senón ningún destes discos sae na lista deste ano da vosa revista favorita, o mp3 lévame a escoitar música no ordenador e non facer copia en CD. Bueno, alá vai:

Air-Moon Safari, paz e Pontevedra, Anni Di Franco-Little Plastic Castle, un helicóptero en Asturias, Recopilatorio dos Beatles, Pontevedra e chamada en espera dunha empresa de secadoiros de madeira de Sigüeiro.

BECK: Güero, tardes chateando en internet na vez de traballar, Mellow Gold, os meus primeiros escritos, Mutations, a colección de discos do piso de Tremor (por aí andaba Julio Iglesias tamén), The Brixton Tape a cama do meu avó e un cadro cheo de familiares mortos que era o último que vía tódalas noites antes de durmir, Odelay o descubrimento da miña vocación artística que logo resultou ser falsa, Disco de rarezas xaponés (non podo transcribir o nome nipón) unha longa espera e a recentemente pechada Disco Láser.

Belle and Sebastian-fold your hands child, you walk like a peasant- As mañás antes de ir para a facultade, Bjork-Debut- O grupo poético Ollo, Blade Runner- as dúbidas sobre o sentido da existencia, Blur-Recopiliatorio- Limpar a cociña do meu primeiro piso coas cebolas podres no armario do lado, Bon Jovi-Cross Road a miña irmá (tamén poderiamos incluír o Dangerous de Michael Jackson), Bowie-Ziggy Stardust Dominob e unha preciosa aínda que curta estancia en Viveiro, Coldplay-parachutes a presidenta do Colectivo Sacou.

The Cure (Recopilatorios): Friday I´m in love levantarse e deitarse con ganas de chorar de felicidade, é o AMOR con maiúsculas, a ilusión por vivir e a esperanza do novo día. Tamén é unha persoa claro está.

Dylan-Blonde and Blonde, un aniversario e unha francesa, Iggy Pop-Nude Rude, uns disturbios acontecidos no Monte do Gozo e un fato de rapaces suorosos a empurróns, Antonio Carlos Jobim, a morte, Lenny Kravitz-Greatest Hits Óscar Manuel Sendón Olveira (un bico se me les), Lou Reed-Transformer Facendo tempo antes de ila a ver, divertido e frívolo, Love-Forever Changes, o piso de Aquí, Manu Chao Clandestino, o piso de Santa Clara de Tremor e a Varela, Massive Attack-Blue Lines (ver Beck-Mutations), Metallica-Discografía, configurar o ratón serie do noso vello ordenador.

Os Mutantes-Recopilatorio, unha xornada de 36 horas seguidas traballando e programación ASP, Neil Young, Pontevedra e o xornalismo, Nine Inch Nails (Donward Spiral e Fragile), deitarse preocupado en primeiro de carreira por ser o centro do universo, Nirvana- a adolescencia, unha acusación de roubo e un exame de Ciencias Naturais (saquei un 8) , Pixies-Doolitle a imaxinación, crear, Portugal, Pj Harvey- Varios discos Voley praia, Placebo-Whithout you I´m Nothing a Tremor e a un médico barcelonés, Primal Scream-Varios a Castrelos, un hippie borracho, doble de Milosevic e a ración de pulpo máis cara da historia, Portishead- Roseland Live in NYC- Ao meu compañeiro de pensión chorando e cantando Sour Times Prince The Hits 1 e 2- Dani Concordante, o artista que máis me influíu na miña vida.

Radiohead, varios- O piso de Tremor e as ceas austeras aínda que saborosas, e chegar tarde á reunión de Ollo, Red Hot Chilli Peppers-Californication, un longo camiño e unha sede brutal, REM-Varios Jacobo e a Consellería de Economía, Rolling Stones- Forty Licks limpar escaleiras, Sigur Ros-Agartic Hyrjun- as novelas de John Updike, Siniestro Total-Trabajando para el enemigo a Don Elric de Melniboné, Smashin Pumpkins-Recopilatorio un mal ano e moita hipocresía, The Smiths, a elaboración deste post.

Sonic Youth-Varios-Asturias, a sensación de ser moi poderoso, rabia, crecemento intelectual, días de chuvia.... (si, outro post aparte, si...), Televisión-Marquee Moon programar en C un programa para a xestión de capturas do berberecho, Yo la tengo-I can hear the heart beating as one- Unha agradable tarde de xullo e a última antes de durmirme, Violent Femmes- Cansanzo, The Velvet Underground- Arguiñano, U2-Toda a discografía- A Coruña e os meus curmáns.

Este terriblemente longo post chega ó seu fin. Se sodes amigos meus e non aparecedes na compilación non vos preocupedes. Falta a outra metade dos discos así que se queredes fago segunda parte. Ademais moitas lembranzas son do MP3 como no caso do meu anterior piso e o seu himno (That´s entertainment de The Jam) ou a canción de guerra de Vichu máis min (Panic de The Smiths). Ou a música de bares como aquela canción de Van Morrison que escoitamos un día o Choqueiro máis eu as 3 da mañá nun bar de Noia ou Everybody´s gotta learn sometimes.

Se non o ledes enteiro comprendereino. A min valeume cando menos para ordear a discoteca....

4 Díxome díxome:

At 4:46 PM, Blogger iago said...

Esto éche un pouco offtopic, pero teñoo que decir: ese banner que te mete o contador é insoportable. Diríache de mirar algún servicio diferente. O que puxo xmanoel en rabadilla! non resulta intrusivo pola experiencia que teño (non lembro o nome, pero tes o link no contador, imaxino).

E para non esquencer a temática: Eu tamén estiven no Monte do Gozo xD Pero para mín Nude&Rude non se quedou ahí, senon que (sendo un disco que me lembra ó concerto a pesar de non ser o meu preferido nin de Iggy nin dos Stooges) se converteu na BSO dunha nova vida que comencei alí e espero que dure ata o meu último suspiro... Sintoo, pero levo unha semana altamente nostálxico.

 
At 10:02 PM, Anonymous Anonymous said...

Iggy Pop-Nude Rude, uns disturbios acontecidos no Monte do Gozo e un fato de rapaces suorosos a empurróns.

A ver se os disturbios teñen que ver algo con migo... Xa non lembro se estaba suoroso e se daba empurrons, pero por alí estiven eu.

 
At 1:11 PM, Blogger O Nadador said...

Podías ser ti ou calquera... ¿Subiches ó escenario?

 
At 12:54 PM, Anonymous Anonymous said...

Colectivo Poético Ollo?

Son Mara, buscando iso en google aparecín aquí, pero o teu perfil non me da moitas pistas.

¿que tal un revival?

 

Post a Comment

<< Home