Saturday, October 22, 2005

É a miña primeira vez

¿Coñecedes a canción de Kaiser Chiefs "Everyday I love you less and less"? Admito que ó primeiro parecéronme un epígono de Franz Ferdinand ou dos 75 grupos que xurdiron ó ronsel do seu éxito. Na segunda ou terceira audición xa tarareaba a melodía. Agora escoitoa compulsivamente mentres escribo. Os descubrimentos vense empurrados pola enerxía imparable do entusiasmo. Non podes quitar a novidade da cabeza e ese novo curruncho do universo desprende unha luz cegadora.

Direino baixiño: Esta é unha época feliz por ser unha época de descubrimentos. De xente, de situacións na vida, de responsabilidades, de arte, de lugares, de actitudes, de bares, de miserias e demais. Pode que o feito de descubrilo todo á vez sexa coma un chute de adrenalina. Experimento unha gran euforia cando comezo a ter confianza cun amigo, ou leo a primeira novela dun autor que vai ser un dos meus favoritos, ou a primeira vez que vin "Mistic River" (que me neguei a ver por medo a que non me gustase tanto no segundo visionado). Que dicir das primeiras citas, do primeiro salario... a salvación non está na redención de nós mesmos senón na esperanza do cambio. Nos primeiros días da primavera, cando o sol aparece por un recanto entre as nubes, apreciámolo máis ca no verán cando afoga e aburre.

Estas descobertas ás veces son pouco recomendables. Hai dous anos pechábame na habitación a escuras e poñía unha e outra vez Stay de Suede. Masoquismo a ritmo de glam. Sen embargo non me negaredes que as primeiras veces todo se disfruta (ou quizais se lembre) cunha intensidade única. Despois, para algúns chega a decadencia, a rutina e a fin. Non ten por que ser así. Nunca me interesou este tipo de pensamento.

A última confesión por hoxe. Ás veces cando vou facer algún cambio na plantilla vexo un botón que pon "¿Desea suprimir este blog?". Creo que me estou expoñendo demasiado ás veces nesta web. Carcómeme a sensación, que comparto con outros ilustres autores, de estarme a repetir, aburrir, caer en vicios literarios... Estou convencido de que se trata do baixón despois da euforia das primeiras visitas, comentarios, enlaces noutras webs. Por iso vou continuar. Porque gústame crer que me esforzo polo que me importa. Aínda que non estou seguro de que é o verdadeiramente relevante para min se a escritura ou a nosa pequena comunidade. Por favor, excusade comentarios sobre este último parágrafo e que a vosa vida sexa plena en achádegos fascinantes.

2 Díxome díxome:

At 6:59 PM, Blogger frenchchou said...

si, as primeiras veces son estupendas. encántame a primeira vez que vou á praia no verán, pero a mediados de xullo xa estou farto do sol e da area. Ao chegar a SP outra vez logo de catro anos case me emociona o cheiro inconfundible da cidade, unha mestura de froita e o fumo dos coches que se moven con alcohol de cana. Agora na volta descubro que de novo chove en Galicia e paréceme estupendo, porque xa había tempo que non chovía ben e bonito. O bo das primeiras veces é que se poden repetir renovadas. Como as estacións, cada ano. Ese é un gran invento da natureza. Nas relacións coas persoas creo que hai que inventarse novas primeiras veces, sempre cara adiante, porque a nostalxia é un pouco malandra.

 
At 2:49 PM, Blogger iago said...

a verdade é que sí, deberías cambiar de plantilla; personalmente esta é das que menos me gustan entre as que ofrece blogger. E a verdade é que dándolle un pouco á cachola éche sinxelo modificar o CSS para ter unha personalizada, que é do máis pavero.

 

Post a Comment

<< Home