Tuesday, July 11, 2006

¿Quen son eu para dicirvos nada?

Tal vez teña o deber de poñervos unha excusa polo tempo que pasei sen escribir nada aquí. Pero non o farei, ao fin e ao cabo o mundo seguíu xirando igual.

O goberno segue a escenificar unha negociación con ETA que sirva para ter a todo o mundo contento mentres os maiores amigos da democracia tentan convencernos de que sentarse nunha mesa con Otegi e o mesmo que conspirar co diaño para dominar o mundo.

En curta visión, os nosos amigos do bipartito máis un continúan a negociar unha chea de características bizantinas do presunto novo Estatuto que os xornalistas non conseguen explicarlle á xente. É probable que nin eles mesmos nin os políticos as entendan, e por iso se empeñan en resumilo todo nun “ponme alá esa nación”.

Coa mesma forza de espirito coa que o presidente Mao ordenaba purgas hai xa tantos anos, China converteuse na cuarta potencia económica mundial, a expensas de Francia. Isto amosa que o mercado libre con cidadáns esclavizados é o máis eficaz do sistemas económicos. Eu recomendo ir facendo unha censura caseira de Google, para coller hábito. E se podedes comezar a reeducarvos sos, mellor.

Aproveitando o despiste causado pola ameaza amarela, en México houbo eleccións que se supón que gañou alguén que se supón que gobernará. Aínda así foron máis limpas que as que se celebraron no Real Madrid, que poderían servir como argumento para un episodio de Los Soprano: “Hei, Tony, aquí hai un que vota polo rival. Pártamoslle as pernas”.

O mundial de fútbol (sí, xa sei que a moitos non vos interesa o tema, así que por favor, saltade de parágrafo, gracias) tívome abducido durante todo o mes, a pesar de que sistemáticamente perdían os equipos que eu quería que gañasen. A excepción foi a final, na que ía con Italia porque o xogo dos galos rematou por facerme máis anti-francés que o propio George W. Bush. Só espero que agora non se lles ocorra comezar a dar indultos polo asuntiño ese da corrupción.




Polo tanto, coa de cousas que pasaron, non vos puidestedes aburrir sen min, así que non hai excusa que valla. Como diría Andrés Montes, aquí estamos, ¿non?

0 Díxome díxome:

Post a Comment

<< Home