Monday, February 26, 2007

Bella Italia


Á traxectoria do planeta quédalle ben pouco para botarme un novo ano gregoriano ás cóstas, polo que tiña pensado deixar o pudor a un lado e facer un post intimista e reflexivo. Mais a mefistotélica prensa diaria fíxome mudar de parecer.

Non teño reparo en falar da flema británica, a dilixencia alemá ou o chovinismo francés á hora de enumerar tópicos, pero non dou atopado o atributo axeitado para Italia. Despois de saber que algúns dos seus cidadáns son quen de gardar os corpos defuntos dos seus proxenitores no refrixerador durante sete anos para seguir cobrando a pensión non sei que pensar. E menos aínda cando logo de nove meses de goberno de L’Unione, ese conglomerado esquizoide de 16 partidos liderado por “il vecchio professore”, Prodi presenta súa dimisión. A campioa do último Mundial contabiliza con este 55 gobernos dende a fin da Segunda Guerra Mundial. Non está mal para unha das maiores economías do mundo.

Teño a teoría de que o nome dunha institución política representa o contrario do que é ¿Errou logo a clase política italiana ao permitir que a batalla electoral se disputara entre L’Unione e La Casa della Libertà (fermoso eufemismo para aglutinar a Berlusconi e os seus sicarios)? ¿Deberían darlle agora un voto de confianza a Marcello Lippi na dirección do país?

A idea do ex-entrenador da selección liderando o goberno italiano non é tan improbable estatisticamente se consideramos que un dos pais fundadores de Italia e artífices da súa unificación foi un masón ateo que loitou pola independencia dunha rexión de Brasil na Guerra dos Farrapos. Engadir a esta trastornada xénese que Sandokan, Mónica Belucci, Calimero e Passolini saen do mesmo territorio no que se sitúa a Santa Sé e unha das capitais do satanismo. ¿Que é Italia?

Non sei que pensades vós de todo isto. Realmente non importa porque volvinme decatar de que é inútil prantexarse problemas que ningún ser humano sería capaz de resolver. Desculpade, debe de ser a idade.

5 Díxome díxome:

At 11:00 AM, Anonymous Anonymous said...

Eu so vou dicir unha cousa: bellissima Monica Belluci!!

 
At 11:58 AM, Blogger Xosé Manuel Carreira said...

A italia profunda é a mesma de Telecinco cando era "tu tele amiga".

Se a idea do ex-adestrador da selección liderando o goberno italiano non che parece improbable tampouco a min me parece improbable que o expresidente Berlusconi remate de allenatore della nazionale azzura.

 
At 8:21 AM, Blogger cambote said...

Hola... como vai? Recuperaches xa da túa convalecencia sónica?

 
At 3:14 PM, Blogger O Nadador said...

É saír desa cova e recuperar a saúde.

 
At 10:00 AM, Blogger Torreira said...

Eu quédome con Mónica...sempre

 

Post a Comment

<< Home