Friday, June 10, 2005

Hai que votalos (Especial eleccións): As sondaxes

Acabo de ler que a sondaxe do CIS dá vantaxe as forzas rebeldes contra as do Imperio Pepero. Remataría, segundo esta enquisa, o imperio Fraguista. A pregunta conseguinte é: ¿Lembrades algunha elección na que as enquisas atinaran? Eu tampouco.
Debe ser especialmente difícil no territorio galaico onde os latiguillos habituais son: "Eu que sei", "Ha de ser", "Bueno, carallo, bueno", "E será"... O inquisidor ten dous camiños: a frustración ou a neglixencia no seu traballo. Finalmente a xente non é tan deshonesta como pode parecer. Por iso nos inquéritos galegos aparece un 30 e pico de xente que non sabe. É xente que non sabe pouco a quen vai votar.
Curioso concepto este do voto oculto. Se o teu voto é o maioritario... ¿por que ocultalo? Se hai a opinión xeralizada de que o partido no poder é indigno de tal privilexio... ¿para que votalo? Ese matiz de indefinición é coma un compoñente químico que descobriron hai pouco no noso xenoma. Resulta que un 1% do noso ARN é o que pode producirnos un cancro. Ó mellor as nosas enfermidades terminais ( o clientelismo, o conformismo, a preguiza, o localismo, o victimismo...) parten todas dunha mesma raíz. Sería presuntuoso afirmar categóricamente que a coñezo pero para min a indefinición é un síntoma de incapacidade para tomar decisións, de covardía. Iso leva a un país pequeno a buscar acubillo nos grandes, en non levar con dignidade os farrapos senón en lamber as botas dos grandes poderes. E os grandes só respectan os bravos. Ser valente tampouco é garantía de nada e a covardía pode ir ben en algunhas ocasións.
Polo que a min respecta nunca me preguntaron nada. Ó meu pai unha vez pola rúa, pero creo que era polo CIS, e a un amigo meu, tamén outra vez o CIS. Será que a miña opinión non interesa. A min tampouco sinceramente.

1 Díxome díxome:

At 12:25 PM, Blogger frenchchou said...

A min en Santiago fixéronme unha enquisa os de Sondaxe, da Voz. Claro que era para as locais, e me preguntaban polos candidatos composteláns. Eu díxenlle ao tipo que non votaba alí, e respondeume que daba o mesmo. Así que colaborei a falsear unha enquisa.
É posible que estas llas estean facendo aos turistas no Obradoiro, aos inquilinos das casas rurais, aos primeiros madrileños en Sanxenxo.
Ao respecto da indefinición nas respostas ás enquisas, a viñeta definitiva fíxoa O Carrabouxo. A enquisadora pregunta e o Carrabouxo responde:
- ¿A quen vai votar?
- ¡A quen vou votar!

 

Post a Comment

<< Home