Monday, June 13, 2005

Hai que votalos (Especial eleccións): Confesións a medianoite

Benqueridos amigos:
Confeseille onte a un benquerido amigo que me estaba a cansar de escribir este especial de eleccións. Só os estómagos máis incorruptibles aturan tal cantidade de declaracións próximas á nausea. Nunca houbo tantos sartrianos no país de Andrés do Barro ou do inventor do futbolín.
Fraga relacionou o voto oculto do PP, tema xa tratado aquí, coa cantidade de homes que pasan pola cama dunha muller (solteira supoñemos). Rajoy, nunha relectura catastrófica da apocalipse adianta que o binomio Quin-Tou fará esquecer o Plan Galicia, conlevará unha perda de dereitos lingüísticos (supoñemos que se referirá a unha hipotética futura lei do Bloque que impida falar a cans e gatos), crearán barrios residencias de terroristas, imporase o modelo Batasuna-Carod-AlQaeda-Nazi-Comunista e, implicito nas súas palabras, virá unha octava praga consistente en vacas tolas antropófagas que descenderán de superpetroleiros pantasma.
Este cambio de melodía do PP, da tranquila música lixeira do Juan Pardo electoral de "o país vai ben e non hai que cambiar nada" ó duro Metal Trash de "non vaiades a praia e votade ou os fillos de Satán acabarán con vós", implica unha clara cercanía do fin.
Si amigos e compañeiros sindicais: son optimista. Non me fío das enquisas. Non me fío nada. Sen embargo si me fío dese nerviosismo. Tiveron que deixar a superioridade e autosuficiencia na casa e remangar a camisa para conseguir os votos. Sempre fun da convicción de que toda revolución, verdadeira, é tranquila. Ás veces eclosiona (1.789, 1.917) pero o normal é que sexa silenciosa e ninguén se decate ata que está aí. Normalmente os imperios soen esfarelarse pola súa enorme envergadura e non porque ninguén empurre por el. Só esperar que os que recollan os restos estén preparados para a súa difícil misión.

0 Díxome díxome:

Post a Comment

<< Home