Friday, October 28, 2005

Exército ao poder

Camiña de lado a lado sacudindo a cabeza e as mans coma un xeneral ruso agardando polo correo do Zar. Encorvado destaca máis a súa estrema delgadez e o folgado das súas roupas. Ás veces tropeza con alguén e non se inmuta mentres o camiñante anónimo o repudia coa ollada. E cada 5 minutos no paso de peóns entre a zona vella e a alameda de Santiago berra "Ejército al poder".

Deixa os pulmóns en cada berro. Retorce o puño e mira para o baleiro convencido do incendiario das súas palabras. Percorre o paso de peóns dun lado a outro con caótica marcialidade exercitando as cordas vocais ata que en Raxoi, Conxo, Velbís e a Rúa Nova (dabaixo) se enteran da dura verdade: "Ejército al poder."

Nenos e maiores, homes e mulleres, celtistas e deportivistas reaccionan de maneira sistemática. Sorpresa, mirada de incredulidade, unha pregunta (¿tolo ou borracho?) e, dependendo de factores ideolóxicos-culturais-relixiosos-biográficos, sorrín ou baixan o mirar. Todos se alonxan do seu patetismo.

Mentres nun estudio de radio en Madrid un anano diabólico asusta, ameaza, calumnia e minte dende a súa cadeira, convenientemente axeitada en altura e posición, á espera de que o seu diminuto xenio chegue á mesma conclusión ca un pobre desgraciado nun paso de peóns en Santiago: "Ejército al poder".

4 Díxome díxome:

At 7:15 PM, Blogger frenchchou said...

Só estiven 24 días fóras e paréceme que estiven dando un rule pola galaxia co autoestopista ese. Dende fóra pensaba que ao regresar o tema estrela ía ser o da gripe aviaria (a min gústame máis "la gripe del pollo", porque me parece que é xenial como título dunha canción de verán superpegadiza). Eu estou algo preocupado polas galiñas poñedoras que temos na corte. E sen embargo, o tema é o da folga de transporte e o do estatuto de Cataluña (léase "escisión de España"). O primeiro vouno pillando, no segundo caso aínda non me entero de cal é o problema. Só dicir que me parece estupendo que Cataluña queira ser unha nación, igual que o son Tuvalu e Belice e que espero que algún día o sexa Murcia, e se cadra tamén Galicia.

 
At 12:35 AM, Anonymous Anonymous said...

iso pola mañá, pola noite, despois da sintonía... when the night has come... un tipo de manteiga con varias carreiras e doctorados, relixión protestante, premio espiritualidad, exerce no ton e voz máis educado, como se sotivese a taza de chá alongando o dedo maimiño, imaxinable, a máis capciosa e disciplinada inxección de ideoloxía filistea, como se dicía nos vellos tempos.
Todo ten por onde coxear, cando se ri, todo o seu discurso cae como un castelo de naipes, é absolutely desagradable, isto... repelente.
Polo demais, non formei aínda opinión, non sei... quizá sería bo pensar máis en realidades, arranxar a casa un pouco digo eu: dos 300 e tantos mil postos de traballo xerados en Galicia o ano pasado, so un 9% foron fixos, por poñer un caso...
A nación é a xente, para que quero unha nación se a xente non mudou, en que mudará a xente se é nación...
Non sei aínda que pensar, sei o que soñar, pero é perigoso en política confundir os soños cos días da vida... ou non, ti dirás maestro...

 
At 4:45 PM, Blogger O Nadador said...

En 1700 e pico uns filósofos franceses falaban sobre a fraternidade universal, a ruptura do dereito divino dos monarcas e unha sociedade participada por todos. A súa gran alegría foi a instauración dun novo goberno con rei e voto censitario para unha minoría mínima da poboación. Cento e poucos anos despois nos países máis poderosos do mundo poden votar mulleres, escravos, analfabetos...
En 1917 os proletarios do mundo vían con ilusión coma un estado socialista xurdía nunha etapa escura da historia de Europa (unha máis). Poucos anos despois os campos de Siberia acollían a moitos dos artífices desta revolución.
A telúrica realidade (je,je) pódese tornar en soño e o soño en pesadelo. A política é realidade. Susceptible de transformación xa que logo.

 
At 11:49 AM, Anonymous Anonymous said...

neste neboento día, leo o teu culto post, e de asombro mudo quedo, voune dar unha magnífica clase, sobre pesos e medidas, o peso do aburrimento, a medida do tedio, adeus amigo estimado

 

Post a Comment

<< Home