Friday, November 25, 2005

Caras espidas

O outro día mentres xantabamos víamos o novo telexornal. Un dos meus acompañantes preguntou, con pouco glamour, "que carallo lle pasaría a esta tipa". Referíase a Begoña Fontenla, a presentadora do telexornal. É unha muller realmente guapa pero á vez sempre ten unha expresión moi triste. Dixen eu "Parece que o pasou mal na vida" e dixo o meu compañeiro "Parece".

Este preámbulo que arrecende a filosofía de cortello sérveme para dar pé á seguinte reflexión: Quizais a cara non sexa o espello da alma senón que, en moitas ocasións, o xeito en que os demais xulgan a túa expresión determina a túa personalidade. Por poñelo nun exemplo, se un ten unha expresión de cabreado é posible que os demais interpreten que realmente está enfadado e a xente o trate coma se realmente andivese alporizado. Pouco a pouco o caracabreado acabará asumindo o seu papel e estará de mala hostia todo o santo día.

No meu caso téñome levantado en perfectas condicións despois de durmir 9 horas e achegarse alguén e preguntarme "¿Que che pasa?". Máis habitual é que me digan que teño "cara de cansado" cando sinto a vitalidade dun touro adicto á xalea real. Finalmente, creo, que na vida sempre xogamos un pouco ó teatro e o papel, normalmente, non é elexido por un senón polo público.

Outra cousa curiosa das caras é que hai xente que ten unha cara que non se corresponde coa súa idade. Coñezo a xente con 18 anos con expresión de vellos. Sei, con total seguridade, que a súa personalidade e o seu rostro se axeitarán máis ó longo dos anos. Tamén son sabedor de anciáns con ollos de neno. Nestes casos, a pesar da súa vitalidade, un non pode deixar de pensar neles coma cans pechados nunha mísera gaiola. Creo que a idade dourada prodúcese durante un periodo na vida: a infancia, a xuventude, a madurez, a vellez... É cando se sinten máis poderosos, no plenilunio da súa vida. No que a min respecta creo que os anos sentaranme ben. E non é que me compare cun bo viño...

Estimada Begoña. Non deixes que a xente xulgue a túa alma pola túa cara. Non sei se es feliz ou non. Desexo o primeiro claro. Sabes que a máscara fai o papel, non ó actor.

3 Díxome díxome:

At 2:45 PM, Blogger iago said...

Fernando Vázquez, adestrador do Celta, ten ó parecer 51 anos...

Sintoo, pero levo unha semana traumatizado polo asunto e non podo evitar a máis mínima ocasión para comentalo...

 
At 5:17 PM, Blogger O Nadador said...

Meu querido amigo. Paréceme perfecto que empregues este blog para expresar os teus traumas... sempre que sexan compartidos polo resto da sociedade. ¿Que te estraña que teña tantos ou tan poucos? Por certo, deu clases no meu insituto e contáronme que nos claustros adicábase a realizar planos de tácticas mentres se avaliaba ós alumnos.

 
At 3:39 PM, Blogger iago said...

¿Tenche cara de ter 51 anos? Paréceme evidente que son moitos para a cara que ten. Eu xamais daría en pensar que tiña máis de corenta; a pesar de que este último ano, que se lle empezou a poñer o pelo cano, parecese que esta a piques de pasalos.

 

Post a Comment

<< Home