A soidade nos cines
O bo da matemática, a física e demais ciencias exactas é que se dan no baleiro e nun plano teórico. Xa que logo predecible e controlable. A vida, unha das disciplinas máis inexactas, tan impredecible e variable coma unha tortilla de patacas, vese influída, e de que xeito, polos figurantes e atrezzos.
Hai unha grande diferencia entre ir so ó cine e ir acompañado. Coma toda gran cuestión non se pode apreciar a simple vista e seguramente é inexplicable para aqueles que non experimenten o mesmo ca un. Duns anos a esta parte afeccioneime a ir so ó cine. O problema vén na previa da película. Inquédame estar so en público. Seguramente reflicte pouca confianza en min e nas miñas capacidades de defensa ante o mundo. Outros dirían que son baixiño, mixiricas e non sobrado de forzas. Ou un misántropo sinxelamente.
A xente mira estrañada ós solitarios dos cines. Nesta época de intercambio de arquivos p2p, tropecentas canles de tv, videos e DVD, a facilidade de ver unha película é moita. O difícil é non vela porque ata os anuncios de Cola Cao se prantexan partindo desta idea cinematográfica. Sen embargo o cine é un acto social. De parellas e grupos de amigos. Un individuo illado nun cine é sinónimo de sordidez e tristura. Agocha unha desgracia que o levou a acudir só á proxección. Ó mellor é tan malvado que ninguén quere ir con el a ver A máscara do Zorro 2, pode que sexa un amargado que vive coa súa nai e esta só lle permite ir ó cine unha vez á semana ou que a rapaza coa que quedara lle deu plantón. Seguramente a min me encadren na categoría Friki.
Por algunha razón as conversas dos veciños de butaca na prepelícula son extraordinariamente insípidas. Eu, que escoito con sumo interese calquera conversa allea, abúrrome e pido con vehemencia que poñan os anuncios e den paso á película. Durante o filme todo cambia. Vexoo e punto. Despois marcho coa rapidez e a falsa tranquilidade dun atracador de bancos.
Non teño preferencia entre ir so ou acompañado. Ir en solitario ó cine parécese ó sacramento da confesión e ir acompañado ó da eucaristía. Cando un vai so, e supera as súas manías prepelícula, ó rematar a proxección vai dixerindo interiormente o que o director quixo transmitir e camiña de volta á casa en silencio. E o silencio é o aliado imprescindible da comprensión. Se un vai con amigos pasao ben antes e despois da película. Entretense nos tempos mortos e logo, se quere, comenta a película.
Debo recoñecer que non son partidario de falar da película nada máis vela. Entre outras cousas porque se é interesante non me deu tempo a analizala en profundidade (eu so cos meus silencios). E se non é interesante para que vou comentar nada. Coñecín a un rapaz que se negaba ferozmente a falar da película nada máis vela. Tampouco chego a iso. Simplemente creo que as obras de arte importantes quedan en nós e incorpóranse ó noso ser. Non fai falla tratar con inmediatez o eterno. ¿Non?
5 DÃxome dÃxome:
bravo
marabilloso post, iso da confeson, moi engraçado
eu tamén ía só ao cine, pola mesma razón pola que se podo escoller viaxo só, non se compara a intensidade da viaxe, e se a peli non che gosta, arrincas fóra e non hai que dar esplicacións a ninguén, nen agardar por ninguén
o remate do post lémbrame unha conversa entre Bioy Casares e Borges, nunha conversa moi interesante un dille ao outro: "Borges, y si nos suicidásemos para poder charlar más tranquilamente"
apertas, bonito libro de ramón, gustoume
Mmm... Seica hai máis xente que vai soa ó cine. Eu cría que era cousa miña, porque, normalmente, se lle dis a alguén que fuches ti soíño a ver Spiderman 2, mírate rato... Sempre crin que sería polo de ir sen compañía, pero ó mellor era polo da peli friki-adolescente.
En serio. A min pasame ó revés ca ti. Encantame a aura de estraneza que che da ir só o cine, e que a xente se pregunte se non tes amigos ou es un mutante. Autoafirmación chunga, supoño.
Non compares unha viaxe cunha película. Máis que nada porque é un simil que vale para calquera situación. "El vino tal es un viaje al placer" ou caralladas parecidas. Vai en contra dos meus principios, quizais escoces-cataláns, abandoar unha película no cine. No video fagoo demasiado. Acabar de ver unha película ó día seguinte.
Estimado Hogoblin:
Os meus atributos frikis xa son tan numerosos que non necesito parecer Norman Bates. Por outra banda a foto do outro día no Correo merecería explicacións. ¿Por que saes ti de frente e o NOSO candidato non?
Apertas ós dous de tódolos xeitos.
Esteee... o da foto non son eu, e o meu malvado xemelgo que publica no correo.
De verdade.
En serio.
eu gosto de ir soa ó cine, pero tamén me fai sentir incómoda agardar na entrada, así que sempre dou unhas voltas polos arredores para facer tempo e pensar nas miñas cousas: é a mellor opción.
onte fun ver a de "Ti, eu e mais tódolos demais". na película un dos personaxes falaba da nova forma de comunicación cibernética (na que tamén podería engadirse a baixada de películas na rede para ver na casa, sen colas nin ruidos de flocos de millo polo medio). e, o personaxe, chegaba á conclusión de que esta nova era, a dos mails, é un reflexo do medo ó contacto.
e pareceume unha grande verdade.
se teño que elixir ir soa ou acompañada, prefiro ir sempre con alguén que sexa coma o teu amigo, desas persoas que escoitan, analizan e non falan ata moito tempo despois da película.
beijo
Post a Comment
<< Home