Wednesday, December 07, 2005

En defensa do camareiro galego

Desexo facer un canto laudatorio dunha especie que se ve sometida a un proceso de ineludible extinción. Nós asistimos á súa decadencia inexorable e os nosos fillos posiblemente non os coñezan máis que pola existencia de antigos gravados ou epopeias míticas. Falo do camareiro galego.

Nunha nova proba de darwinismo social unha raza allea ó seu ecosistema incorporouse para acabar con ela. O camareiro sudamericano conta con vantaxes evidentes para a supervivencia. A principal e máis valorada pola patronal é a súa capacidade para aceptar calquera tipo de condición laboral por desfavorable que esta sexa. A súa falla de opcións e oportunidades fai que a miudo sexan especialmente cumpridores. Escravos fieis. Engadir a isto unha ampla experiencia laboral no seu país de orixe neste eido ou noutro xa que moitos son licenciados e diplomados.

Os biólogos discrepan. Algúns afirman que lonxe de substituír ós camareiros galegos senón que os suceden. A nosa raza autóctona, afeita a unhas condicións mellores que as ofrecidas na terra do millón de vacas, migra ó norte na procura de sustento e salarios máis elevados servindo té quente ós británicos en Londres e cervexa fría ós xermanos de Baleares e Canarias. As ciencias naturais son unha das máis inexactas.

Todos os expertos deben, ou deberían, recoñecer o dereito de calquera ser humano a gañarse a vida de xeito digno independentemente da súa nacionalidade. E a esta condición deberiamos engadir outra máis: que o poda facer no seu lugar de orixe, sexa este cal sexa. De non ser así camiñaríamos a un mundo ultraespecializado onde as prostitutas serán colombianas ou rumanas, os albaneis polacos, os traballadores agrícolas ecuatorianos, os dependentes de cíber arxentinos... Seguramente este plan biolóxico está na mesa do despacho dalgún tecnócrata sen corazón cun look moi similar ó de Alberto Núñez Feijoo.

Xa que está tan de moda a constitución deberíamos reclamar o dereito fundamental a ter camareiros galegos. Está claro que a longo prazo suporá un grave obstáculo para continuar coa pluralidade lingüística aínda que, se vos son sincero, non constitúe a miña maior preocupación. Gran parte da cidadanía galega só ispe a súa alma e analiza a situación política co seu camareiro de cabeceira. Dentro de pouco falaremos das eleccións municipais de Quito e non das de Agolada. Diferentes referentes xeográficos para un mesmo perfil de votantes. O máis grave de todo é que se perderán os principales valores espirituais galegos: a conversa ambigua, a opinión desinformada con ton burlesco, a descalificación amable, e a temida retranca... Se os gardiáns da nosa tradición desaparecen nós non tardaremos ir tras deles...

5 Díxome díxome:

At 10:13 PM, Blogger Colazo said...

Tamén me tiña percatado do que detallas, os postos vacantes cóllenos inmigrantes, cousa que coma galego comprendo pero os ruíns son os empresarios que rebaixan eses traballos á escravitude. Madrid é o meirande exemplo.

Falando de camareiros galegos, hainos non tan galegos
http://cabaseira.blogspot.com/2005/11/solucin-lingistica-do-corte-ingls.html

 
At 11:22 AM, Blogger O Nadador said...

Agradézoche o enlace. Realmente é curioso pero facilmente interpretable.

Outra cousa que observei é que en moitos bares os camareiros falan un galego monolingüe ultraenxebre cos habituais, contigo, pregúntanche en galego e logo berrán co acento máis mesetario e cañí posible: "Tortilla, jamón asado y lomo fresco para llevaaaaaaaaarrrrrrrrrrrr"

 
At 1:41 AM, Blogger edu said...

o camareiro galego non se extingue. como ti ben dis, algúns sobreviven adaptados a outros hábitats máis ao norte e, en todo caso, de quen cres que aprenderon o oficio os arxentinos? pois dos centos ou miles de camareiros galegos que houbo toda a vida en buenos aires.

pregúntome se realmente é mellor ser camareiro de té en londres que de tortilla en humidtown ou de tostado de jamón y queso en buenos aires.

e lembro un merengue venezolano moi ao caso: el norte es una quimera.

 
At 1:03 PM, Blogger llll said...

eu pregúntome tamén qué pasa cos clientes galegos, en moitos puntos de Compostela, qué pasa coa lingua dos galegos. de oincuenta cafés, seis son en galego, nada máis.

 
At 1:43 PM, Blogger O Nadador said...

Outra vez na minoría :D

 

Post a Comment

<< Home