Escritoras
Trala lectura de Resurgir de Margaret Atwood gustaríame compartir con vós unha serie de experiencias con literatura escrita por mulleres.
A primeira é que os máis complexos retratos psicolóxicos, e moitos dos máis fascinantes, que lin na miña vida foron escritos por mulleres. A protagonista de Resurgir leva a cabo unha sorprendente evolución que a leva ata a tolemia de maneira gradual e implacable sen que nada resulte artifcial nin forzado. Tamén son especialmente agudas e sorprendentes as valoracións que fai dos seus compañeiros descubrindo os recunchos da mente humana a través de pequenos xestos, frases de uso cotiá ou bromas sen importancia que agochan violencia, medo ou sentimentos agochados.
En certo modo recórdame moito a Patricia Highsmith onde as tribulacións de Ripley son moito máis importantes que a trama en si. Ámbalas dúas comparten unha crueza incrible. Aínda que se falamos de retratos psicolóxicos complexos debemos citar obligatoriamente a Virginia Woolf. O que lin destas tres escritoras ademais de entreterme ou emocionarme tamén me ensinou moito sobre as dinámicas sociais, a forxa de onde saen os sentimentos e os mecanismos da mente.
Doutro estilo é Dorothy Parker. Igual de cruel que Highsmith pero cun ambiente máis sórdido e bohemio é unha das mellores contistas que coñezo. Permitídeme que cite a unha compatriota que é unha das creadoras máis precisas e sensibles que coñezo Anxos Sumai.
Aínda que vexo coincidencias importantes nestas escritoras (a importancia do psicolóxico e a súa complexidade, a ambigüidade moral, a indefinición do destino, o gusto polo detalle) non sei se inflúe o feito de que son mulleres ou de que, sinxelamente, son grandes artistas. O mellor para vós será que as leades.
2 DÃxome dÃxome:
PARABENS polo post!!!, encantoume.
Unha aperta e un aplauso.
:)
Pois, sincera e especialmente, obrigado.
Post a Comment
<< Home