Sunday, October 28, 2007

Dúas películas de Cronenberg


Dáme vergonza, ou non, admitir que non vin moitas pelis de Cronenberg aínda que si as dúas últimas: "Unha historia de violencia" e "Promesas do leste". Cando un antigo comentarista deste blogue indicoume que eran películas cun sentido de humor evidente quedei algo desnortado.

A primeira que vin foi Promesas do Leste e resultoume un entretido conto de nadal. Un trhriller no que pasan poucas cousas pero ben contadas. Sorpréndeme, iso si, as máis que eloxiosas críticas que está a ter e que considero algo esaxeradas.

Onte vin Unha historia de violencia que encontrei máis entretida e localicei rasgos dun humor realmente macabro e que me fixo sentir mala persoa por empatizar con el. A película vese estragada por pequenos detalles como a actuación do, por outra banda excelente actor, John Hurt e certos toques tarantinescos bastante difíciles de dixerir. A historia, admitámolo, tampouco é moi crible e resulta unha parodia bastante divertida da concepcíon do mundo estadounidense e do heroísmo.

Véndese Cronenberg ao cine comercial? Coido que non. Estas dúas películas seguen a ser igual de enfermizas que as outras pero baixo un berniz de convencionalidade moi ben enfiado. Tamén me parece curioso certo aire Atom Egoyan. Cousa de canadianos?

Labels:

Tuesday, October 23, 2007

Servizos gratuítos


Non é a primeira vez, e tampouco podemos asegurar que sexa a última, que o cristal da gafa sáeme da montura. Non fun á óptica na que as merquei, incluso está noutra poboación, e amañáronma enseguida sen cobrar nada e cun sorriso de orella a orella.

Preciso deste tipo de alegrías e seguir crendo que compensa non cobrar polo aire.

Labels:

Saturday, October 20, 2007

Beleza confiada


Michelle Pfeiffer volve ao cine (tíñamos noticia de que marchara) e cóntallo a Molina Foix. A entrevista, nos límites do egocentrismo por parte do xornalista de El País, guindou unha frase que chama a atención. Para a guapísima norteamericana da idade da miña nai a beleza é "Confianza". "Una confianza en uno mismo, una cierta pereza".

Observando con atención a aquelas persoas que a sociedade considera fermosas ou que teñen máis éxito conquistando parellas non se pode establecer un criterio claro. Non recordo onde escoitei que había guapos-feos como Harvey Keitel e todos temos referencias de casos de xente boba e mansa que estraga os atractivos que lle deu a natureza. A personalidade é o motor da beleza.

A seguridade nun, a decisión e ter unha personalidade desprovista de dúbidas adoita a resultar atractivo. É como un refuxio para a maioría das persoas. Eu sen embargo prefiro a alguén que desconfíe xa que, cando menos, terei como proba da súa intelixencia, unha cualidade moi sexy, que o mundo non é simple.

Labels: