Monday, January 30, 2006

O problema do facedor do blogs

O facedor de blogs, un tipo maniático e pesimista, veu de comer e sentou como soía facer cada día a encher de letras algún deses posts que dúas ducias, con sorte, de persoas, a maioría coñecidos e familiares, tiñan a ben ler.

Repasou mentalmente a lista de temas que elaboraba no camiño ao traballo nas frías mañá compostelana ou no baño mentres a auga lle escorregaba pola cabeza. Viñéronlle á cabeza varios asuntos banais e repetivos que afondaban nas súas teimas habituais. Xulgou, con acerto, que se a el non lle interesaban non sería capaz de que lle interesasen aos demais (Aínda que neste precepto se baseaba a industria audiovisual mundial e a alta política internacional).

Repasou a súa vida na procura de fendas existenciais: Tiña un traballo por un ano no que non lle pagaban seguridade social pero estaba no top 20 de salarios da súa promoción descontando aos Labora. O seu maior problema cos amigos era coordenarse para poder quedar con todos a tomar un café (ou unha copa, ou unha mestura das dúas: un licor café)ao longo da semana.

Ao dilatar as súas visitas á casa familiar cada vez era recibido con maior afabilidade pola xa de por si cariñosa nai e o seu irmán pequeno madurara o suficiente como para entender que non lle debía preguntar continuamente pola súa opinión pola xornada ligueira. O Deportivo perdera a Valerón había pouco polo resto da temporada pero podía acceder a semifinais grazas aos xulgados.

Non ligaba con ninguén pero varias das súas atractivas amigas dicíanlle que non terían problemas en liarse hipotéticamente con el o que, na práctica, equivalía a que nin sequera nun universo paralelo o farían. Aforraba diñeiro para marchar a un país estranxeiro cando acabara o seu contrato aínda que un compañeiro de traballo mantiña que "alá non é tan caro como cho pintan". Ese compañeiro é pródigo en opinións paisanas.

Ante a falta de problemas tanxibles pasaba moito tempo divagando sobre o sentido da existencia, a inmensidade do universo e a cantidade de sucesos azarosos que tiveran lugar ata o momento no que el se atopaba vendo a Messi marcar o terceiro gol do Barcelona fronte ao Mallorca na Bar_Cafetería Astra. Incluso unha mente limitada como a del dectaouse de que era inútil prantexarse problemas que ningún ser humano sería capaz de resolver.

Podía fustigarse por abandoar a súa carreira literaria uns anos atrás dadas as louvanzas que lle adicaban xente cun criterio artístico que respectaba enormemente. Sen embargo xa había tempo que desaparecera esa ambición e, paradoxalmente, nunca escribira tanto como nese blog que nunca se molestara en remodelar a pesar dos enlaces caídos e o deseño chanfón.

En definitiva, o facedor de blogs cría que non tiña nada do que laiarse nin ninguén do que queixarse. Se ata os inimigos máis acérrimos se dan a si mesmos unha tregua de cando en vez o blogueiro podía darse por satisfeito por un día. Un nada máis.

Saturday, January 28, 2006

Post linkeados

Odio os blogs que se limitan a poñer enlaces a calquera cousa e a ensinar fotos curiosas. Para gustos cores e para xardíns flores.

Thursday, January 26, 2006

Cocaleiros

Parece estar de moda falar do home co nome máis feminino, Evo, e do seu proxecto de dignificar o cultivo da folla de coca coma elemento imprescindible na cultura amerindia. Non é que non me quera vender ao gran capital, faríao encantado se fose o suficientemente grande, pero non me apetece falar do tema. Para iso está Jiménez Losantos e Pedro J. Ánimo Evo e limpa e coidado co xersei que vai dar de si.

Sorprendéronme o outro día con algo que está a deixar de ser novidoso. Non hai unha semana que non descubra que alguén do meu círculo de coñecidos consume cocaína. Ao principio eran personaxes difusos do instituto dos que, de todos os xeitos, ninguén agardaba demasiado. Despois foi algún rapaz co que me levaba moi ben de neno e despois co tempo separámonos. Co tempo tamén comezou a meterse, as malas compañas, xa se sabe.

A cousa parece que se populariza cando un amigo se mete. Despois a moza deste e logo pasa a ser unha práctica habitual. Finalmente acabas por meterte ti mesmo... Non foi o meu caso. Sen embargo coñezo varios grupos de xente de diferentes idades, condicións sociais, afeccións, lugares de orixe, actividade profesional... que consumen habitualmente. A situación chegou a tal punto que agora non teño nin idea de quen se meteu algunha vez e quen non cando hai meses non tería ningunha dúbida ao respecto.

Supoño que esperades agora un xuízo moral e que dado o artigo ese xuízo será negativo. Tedes razón a medias.

Nunca tomei nada máis forte co licor de café, e chégalle ben, e pasei das drogas non porque as considerara idignas de min senón por cuestións de saúde, espero que todo o mundo estea dacordo neste punto, e porque sempre me pareceu moi triste depender dunha substancia para ser feliz. Indicativo da ausencia de algo. ¿Acaso non son capaz de valerme por min mesmo para desfrutar do meu tempo de ocio?

Creo firmamente que as persoas están capacitadas para disfrutar da vida por si mesmas. O problema vén cando se identifica exceso con placer, cando non se asume que o sufrimento e o aburrimento son necesarios e inevitables e se tenta perpetuar a adolescencia por cada día e cada noite do resto da nosa vida amén. Vivimos nun mundo desaforado e intentamos adaptarnos a través de experiencias que poñen ao límite o noso corpo e mente. Desequilibrio buscámolo e atopámolo machacando unhas follas coas que uns indios fan infusións para sobrelevar o día.

Non podo lembralo ben porque era novo pero penso que é unha situación parecida á da heroína. Acórdome de que na miña mente infantil (non fagades comentarios fáciles) había xeringuillas por todas partes e rapaces de caras pálidas. Agora a nova droga é máis lúdica e non deixa marcas nos brazos pero si graves consecuencias psíquicas a longo prazo. Está feita á nosa imaxe e semellanza.

Friday, January 20, 2006

Médicos do mundo

Encontreime hoxe co seguinte artigo do país do que vos extracto o seu comezo:

España ficha a cientos de médicos polacos ante la falta de aspirantes
Altos cargos autonómicos viajan repetidamente a Varsovia para reclutar a los facultativos - Miles de especialistas españoles se marchan a Reino Unido, Alemania y Portugal por los sueldos


E un destacado posterior:

Un facultativo cobra de media en España unos 3.200 euros al mes, y en Polonia unos 300. Las entrevistas y el contacto final se cierran en la Cámara Médica de Varsovia. En Portugal trabajan ya más de 1.800 médicos españoles, 1.047 en Reino Unido, 320 en Alemania y más de 400 en Suecia.

Os nosos lazos e similitudes con Polonia teñen unha base sólida e real. Pelexamos con eles polos fondos europeos, na era Aznar porfiamos por arrastrarnos perante Bush e somos igual de católicos e reaccionarios (ou cando menos así a nosa clase política o fai parecer). Un compañeiro meu de carreira foi hai 5 anos alí e non volveu. Comprou unha casa por seis millóns de pesetas, viviu cunha paga dos seus pais (250 euros ao mes, o salario dun médico) ata falar perfectamente polaco e agora traballa para un lobby galego alá e gaña 500 euros. Como vedes un soldo de executivo.

Teño unha compañeira de clases de inglés que veu aquí a estudiar mediciña e quedou, casou e agora está coas prácticas do MIR. Se todas son tan guapas como ela non me estraña que quedara o meu colega. Por outra banda, para a súa fortuna, non ten que pasar por ser unha médico polaca, é dicir dun país de terceira. Os médicos españois son para os suecos e ingleses de segunda porque van a onde ninguén quere dicir. O caso das enfermeiras é incluso máis paradigmático.

Nunca entendín moi ben a existencia dun mercado de man de obra. Paréceme normal que as empresas intenten mellorar a súa oferta a través da eficiencia, o aproveitamento de recursos, a tecnoloxía... Pero cando menos nun espazo político común coma este non se marcan obxectivos no plano laboral como pode ser equiparar os salarios para evitar diferencias tan brutais ou a obrigatoriedade de ter índices baixos de siniestralidade laboral ou precariedade para pertencer á UE. Será que non interesa.

Ao igual que no XIX e a principios do XX os países máis atrasados non só se ven obrigados a competir en permanente vantaxe e a costa do benestar dos seus cidadáns. Tamén se lles priva dos seus individuos máis capaces. A cobiza é un saco sen fondo.

Thursday, January 19, 2006

Voyeurs

Amancio, aos seus 73 anos, é un voyeur. Tería problemas en admitilo e en pronunciar o termo co francés de Racine pero ten vergoña suficiente como para non negalo. Desfruta mirando a través de reixas e finas teas transparentes corpos musculosos e suorosos en acción. Gústalle todo deses lugares: o seu arrecendo, a marxinalidade, as roupas que levan, o ambiente... Poedería pasar alí horas e de feito pasa aí máis da metade do seu día nun deses sitios so ou en compañía doutros coma el. Á súa avanzada idade é difícil coñecer xente. Semella como se a maioría desexase que estivese morto.

A pesares de todos os cursos que organiza a administración de Internet para mulleres, discapacitados, politoxicómanos, pobres e, por suposto, anciáns el non dá prendido un ordenador. Se non ao mellor andaría todo o día na rede buscando fotos, que hainas e moitas ao alcance dos rapaciños. Pode que non. El desfruta co movemento.

Tamén goza ulíndoo e tomandoo con calma. Comenta cos colegas, cada día son máis e é máis difícil conseguir un bo sitio, sentados á sombra no verán e ao soliño no inverno o que ven. Aproveitan para falar tamén un pouco de todo. E ese todo tende a ser o de sempre: os últimos enterros, o que fixeron os seus familiares máis novos que eles xa fixeron e non volveran disfrutar ou padecer, información actualizada sobre as últimas análises e revisións. É, como podedes imaxinar, un espazo para a nostalxia sobre todo. Laianse amargamente da situación do mundo en xeral ben informados pola Cope e a galega. Saben que o mundo se foi ao garete hai uns anos nunha data que eles non son capaces de determinar. No fondo tamén son conscientes de que non teñen a máis mínima idea ou cualificación para falar do que falan. Nalgo hai que pasar o tempo.

Despois de corenta anos traballando nun taller ou nunha oficina ou nunha fábrica ou no que sexa (porque Amancio non é unha persoa senón un agregado de vidas xa vividas) a el e aos marxinados sesenteiros e setenteiros só lles queda mirar a ver coma o mundo segue o seu curso ao redor. O traballo come a xuventude e o esforzo de toda unha vida para que un día sen dárense conta converterse nun xubilado e esperar, esperar a que rematen as obras. Pero coma en Ciudadano Kane a casa seguirana a construír cando el xa non esté para velo. Máis ou menos coma a maioría dos alcaldes galegos.

Wednesday, January 18, 2006

Post 200

A verdade é que si, este é o post número 200 e témome que non se me ocorre nada especial que escribir hoxe. Hai algún tema por aí pendente porque é imprescindible que anden ceibes por aí para seguir coa mente funcionando en ¿perfecto? estado.

Pensei en adicárvolo a vós e facer unha compilación cos mellores comentarios pero resulta imposible escoller dada a cantidade e calidade de esbardalles que verquíchedes aquí con cariño, odio, desplicencia ou preocupación. Asemade (esa palabra de bloqueiros) considerei en poñer neste post todos os usuarios de blogger que entraron coas consecuentes ligazóns ás súas webs. Mais entenderedes que se non cambiei os menús laterais dende que empecei en marzo do ano pasado moito menos vou pasar por ese traballo.

Se a vos se vos ocorre algo propoñédemo.

Si, tes razón

Na mitoloxía grega, Aglaya ou Áglae (en grego Ἀγλαΐα, «a resplandecente», «a que brilla», «a esplendorosa», «a espléndida») era a máis nova e bella das tres Gracias. Simbolizaba a intelixencia, o poder creativo e a intuición do intelecto.

Era filla, coma as súas irmás Eufrósine e Talía (as Gracias), de Zeus e da oceánide Eurínome.

Foi esposa de Hefesto, con quen segundo a tradición órfica foi nai de:

* Eucleia (Ευκλεια), deusa da boa reputación e a gloria
* Eufeme (Ευφημη), deusa do correcto discurso
* Eutenia (Ευθηνια), deusa da prosperidade e a plenitude
* Filofrósine (Φιλοφροσυνη), deusa da amabilidade e a benvida


Como vedes un misterio deste blog foi descuberto.

Sunday, January 15, 2006

Exercicios de lingua

Os exemplos dos manuais de lingua constitúen un meritorio xénero literario para o que é necesario unha pluma estremadamente talentosa e serven de eficaz termómetro cultural e social.

Os exemplos en lingua española soense caracterizar polo rebuscado das súas expresións na procura de estrañas excepcións sintácticas: "De haberlo sabido Paco, cuyo padre es carpintero, le habría agasajado con el saber que se otorga a los eruditos porque podría haberlo merercido." Buscade suxeito, predicado, complemento suplemento, porque ou por qué, subordinadas, cupolativas, verbo e o que queirades salvo sentido.

En inglés temos que facer dous apartados. Por unha parte están os textos e os exercicios derivados que xiran ao redor dun tema e por outra. Descubrimos así que hai un home en Nova Celandia que comeu unha avioneta (aos poucos e a cachos), a velocidade media do guepardo ou os ingredientes do pastel tradicional do pastel da Illa de Man. Por outra están as asépticas frases, deseñadas para alumnos hispánicos notablemente negados para novas experiencias lingüísticas. Por iso todas as frases son con car, house, mother, sea...

O máis curioso dos exercicios de francés é que están protagonizados por artistas e intelectuales. Poñemos o tempo verbal correcto para explicar que Françoise está ocupado na súa novela, para pedir entradas para a Bohéme á que imos ir con Marie et Jacques e que Margarite comparte piso co seu mozo escultor no Barrio Latino.

Finalmente, si, os exercicios de galego. Breves apuntamentos. Todos os nomes son enxebres. Brais, Sabela, Airas, Roi... curioso cando menos nun país onde case todos se chaman Manolo, Carmen, María e Juan. Por outra parte hai que admitir o custoso de introducir certas palabras eufónicas e endémicas ao vocabulario de adolescentes urbanitas que o único contacto que teñen co galaico é coas ocasionais visitas á casa dos avós na aldea ou, o xa extinto, Superpiñeiro. Lois achégame o axouxere. O curmán de Dorna é un túzaro. Grazas a Bieito os abázcaros non molestan aos puchos.

Friday, January 13, 2006

A peor película española

Tropeceime con esta noticia no periódico El (in)Mundo :

Voy a plagiar.

Cuando hay ideas buenas, y hay confianza, pues van y se plagian.

Bueno, lo cierto es que no sé si hay confianza entre mi 'blogger' Libertyvallance y yo, igual se me cabrea, pero le tomo la idea -citándole, eso sí- y lanzo la siguiente pregunta-sondeo, que espero provoque un debate de dimensiones históricas en esta humilde morada de jamesblog: ¿Cuál es LA PEOR PELICULA ESPAÑOLA que habéis visto? (toda época, todo género, todo autor).

Al comentario más maligno y más gracioso en las próximas 48 horas, Blog, James Blog, le regala un 'pack' de dvd's (no digo cuáles, igual son estupendos, igual son horripilantes). Daré instrucciones. El veredicto será subjetivo, o sea, mío y sólo mío.

Yo, incapaz de zanjar, propongo varias (vosotros no podéis, os pido una y sólo una). Son pistas que puede que os guíen en vuestros extravíos:

'Schubert', de Jorge Castillo.
'Érase otra vez', de Juan Pinzás (uno que decía que hacía cine 'dogma').
'La mirada del otro', de Vicente Aranda'.
'Hable con ella', de Pedro Almodóvar.
'La mala educación', de Pedro Almodóvar.
'El otro lado de la cama', de Emilio Martínez Lázaro. No incluyo 'Los dos lados de la cama' porque no la he visto, aunque SE que es horrorosa.


Non sei que opinades vós. Eu non vin ningunha de Juan Pinzás pero polos comentarios creo que está por dereito propio. "La Mirada del Otro" é realmente horrible e, na miña opinión toda a filmografía de Almodóvar. Gustaríame engadir un fito na Ciencia Ficción "Supernova" de Marta Sánchez e aquela película de fantasía épica con Harvey Keitel dirixida por Fernando Colomo.

Wednesday, January 11, 2006

Vigo Non

Permitídeme empregar esta bitácora coma axencia de comunicación persoal. Aos que non me coñezades seguramente importaravos pouco ou nada, non vos culpo, pero teño que anunciar que finalmente vou seguir traballando en Santiago e non vou ter que trasladarme a Vigo.

Non teño nada en contra de Vigo salvo o feito de que non é Santiago de Compostela. Nacín aquí, teño familia, levo aquí os últimos 8 anos e paseimo moi ben no 2005. Salvo estes meses nos que vou unha vez ao mes á cidade olívica por motivos de traballo coñezo moi pouco esta cidade. Nos últimos tempos coñecín a uns cantos vigueses e alegroume saber que non adoptaban as estéticas Jenny ou Malote.

Paréceme unha cidade admirable en moitos aspectos, cunha iniciativa e un ritmo vital que non se atopa en ningún outro lugar de Galicia e cuns arredores preciosos (Illas Cíes, Baiona...). E non é tan fea como din.

Os meus lazos familiares únenme á Coruña. É unha cidade moi agradable para vivir. Ou iso paréceme a min. Admito que hai moitos coruñeses que cumpren o seu arquetipo e resultan superficiais e frívolos. Sen embargo o dos vigueses, macarras como eles sos, tamén se cumpre en moitos dos seus habitantes. E supoño que igual pasa cos londinenses, os madrileños, cataláns... En xeral os colectivos tenden a responder a estereotipos. Pero un relacionase con individuos e non con colectivos (custa demasiado invitalos a copas a todos xuntos). As dúas cidades son necesarias.

Monday, January 09, 2006

Saló ou os 120 días de Sogama

(Antes de comezar deixádeme que explique que o título está inspirado por unha frase dos Tonechos, que son os nosos Passolinis particulares: Isto parece Sogama e modorra.)

Supoño que todo o mundo que veu esta película se sentiu terriblemente abrumado e deprimido. É unha historia que fai desconfiar bastante sobre a nosa especie. Ou ao mellor é reveladora de certas verdades que nos é mellor ignorar para vivir de xeito tranquilo e contar con algunha caste de esperanza.

Para min o máis duro é a reflexión que fai sobre os colaboracionistas. Sobre como nesa situación de ameaza estrema a inocencia, se é que podemos crer nela despois de ver a película, pérdese e as víctimas pasan a ser verdugos. Xorden os soplóns, os novos torturadores e a miseria.

Logra tamén, como poucas outras películas o fan, que nos esquezamos da realidade e entremos nese mundo cun código ético tremendamente perverso. Ese mundo que pasa todos os días diante da nosa porta pero que vemos con ollos máis indulxentes.

Seguramente si hai un recanto á esperanza. Con esa chamada á fraternidade que realiza unha voz en off mentres os infelices son asasinados do peor xeito. Chamada á fraternidade que xa case ninguén fai.

Despídome cunha posdata. Se vostede é un político sen escrúpulos e sanguinario pode que teña nestas datas algún problema de saúde.

Friday, January 06, 2006

Brindemos con cava

As noticias sobre o cava catalán téñenme desconcertado. Ao principio os responsables de Codorniu anunciaron que as súas vendas ían baixar pola campaña política de ultradereita na súa contra. Paralelamente o cava estremeño gañou cota de mercado e a sidra asturiana. Como todo o mundo sabe estas bebidas son as némeses do cava catalán igual que Lex Lutor o é de Superman ou o Joker de Batman.

Sen embargo en Tele 5 veñen de dicir que ante o boicot produciuse un efecto de solidaridade e que grazas a el non só se vendeu máis cava valenciano (que se ten que servir da producción catalana para dar abasto á súa escasa demanda) ou sidra senón tamén máis viño espumoso da satánica rexión entre Valencia, Francia e Aragón. A única rexión onde se ve unha clara tendencia á baixa é Madrid. Especialmente nas cestas de nadal empresariais.

Non nos enganemos. É unha imaxe significativa. O problema principal de España non son os nacionalismos periféricos senón o nacionalismo madrileño preocupado por perder o poder económico e político. Que non quere un estado descentralizado onde caiba todo o mundo como en Alemaña ou na Italia pre-berlusconi. Que sabe que o seu principal mérito para ser capital dun país desenvolvido e ter sido cruce de camiños de ovellas e dispoñer de bos terreos de caza. E se non o saben peor para eles. Cando Jiménez Losantos ameaza coma un mafioso de baixo nivel (como lle corresponde) ó presidente de Codorniu é iso o que hai detrás.

Por outra banda vemos como o capitalismo sempre se acaba por facer camiño. Recoñezamos que o diñeiro é o noso valor principal e que por moito separatista viticultor e asiático malvado co seu bazar abusivo que veña a nosa primeira preocupación será o peto e o papo. Por iso paréceme encomiable a reacción catalana de maior consumo dos seus productos aínda que ao mesmo tempo supón unha nova victoria das súas satánicas maxestades da COPE: dividirnos e evitar o diálogo para que así a sinrazón pareza a única opción razoable.

Para despedirnos un caso de econmía ficción. ¿Que pasaría se houbese un boicot ao marisco galego por mor do separatista Quintana e ao seu presidente títere Touriño? Os propios galegos afirmarían nas enquisas (cun 60% de abstención) que eles non consumían alimentos do diaño. Botaríanlle a culpa ós tolos do Bloque e afirmarían que nunca lle votaron, nin votarían, ao PP. Pedirían os nosos compatriotas perdón ós señores madrileños e aceptarían calquera lei que permitise queimar lonxas e confrarías sempre que, iso si, se garantisen sustanciosas axudas públicas.

Tuesday, January 03, 2006

Inspector gadget

Tamén podería ser unha declaración oficial sobre a nova lei do tabaco. Certo, estoume vendendo á raaaaaaahhhhhhhh, arrrrrrrrrrrrrrrffffffff(máis raibosa) actualidade.

Nese xornal que me obrigan a coller pola rúa, o Metro, saía a noticia de que case 300 inspectores de saúde velarán activamente polo cumprimento da nova lei antitabaco (por certo, non é contradictorio que unha sustancia que ata hai pouco producía unha compañía pública e está tan gravada sexa ilegal). E eu pregúntome de onde veñen estes inspectores. ¿Pode que de París?

Todos traballamos, compramos ou prestamos servizos nunha empresa que incrumpía a lexislación laboral. ¿Onde estaban esas lexións de inspectores? ¿Coñecedes algunha empresa que pasase pola inspección? Teño que recoñecer que unha vez vin un destes elixidos. Era nun curso de formación do paro e preguntounos ós alumnos, a mediados do curso e diante da directora do centro, se había algunha irregularidade.

Por outra banda o outro día lin que máis da metade dos billetes en circulación en España son de 500 euros. Parece evidente que os cartos negros pasan alegremente de peto en peto pero eu, como a maioría da xente da miña idade, só os vimos en fotos ou unha vez ou dúas e de esguello. Sen embargo todos sabemos que para certo tipo de negocios son a moeda de cambio. E si, son eses negocios nos que pensamos todos.

E os mesmos inspectores de saúde. ¿Hai trescentos realmente en toda a comunidade de veciños da Galiza? Iso é difícil de xustificar sendo esta a terra dos mesóns máis cotrosos da galaxia. (Onde os expertos paisanos afirma que se fai o mellor pulpo. E poñoo en castrapo para evitar ambigüidades e humor léxico). ¿Non será que se nos minte descaradamente con esta actuación ou, o que é peor, non será que os inspectores serán unha caste corrupta e precisamos do inspector Gadget?

Non son fumador e teño problemas de asma dende que nacín. O fume é terriblemente nocivo para min e hai sitios nos que de estar ben na cabeza non etraría porque parecen unha chimenea fabril dunha novela de Dickens. Sen embargo entendo que a xente que fuma faino porque en certo momento caeu nunha efermidade o tabaquismo por diversas razóns (reafirmación social, prestixo, influencia no imaxinario popular, autoconvencemento...) e tampouco debro crucificalo a menos que me bote o fume a cara.

Creo que esta lei axudará a que a xente deixe de fumar. Hai poucos bares onde esté prohibido fumar (un 20%) e co paso do tempo haberá máis. Preocupame máis o trasfondo da lei. O cálculo diabólico de "que é máis rendible, cobrar polos impostos do tabaco e vendelos ou o diñeiro que nos aforramos en tratamentos hospitalarios".

Ao mellor o Estado empecinouse en que deixemos de fumar por facernos un país máis rico. Cando o vaqueiro de Marlboro, que morreu de enfisema pulmonar, lle ofreceu a un dos executivos da compañía un pito este díxolle: "Non gracias. Fabricamos esto para os pobres, os negros, as mulleres, os nenos e os estúpidos... Nunca sería tan parvo como para fumar."

Por se vos axuda a deixalo. Ánimo.

Aquí veñen os reis

Teño que comprar agasallos para unha profesora de 50 anos afeccionada a durmir a sesta e ás películas de misterio, a un profesor de case 60 afeccionado á pesca, á historia e Porto do Son, a unha traductora en paro de 23 que viven en Alemaña e a un rapaz de 12 anos que fala coma un mariñeiro de 50 e moitos fanático do deportivo.

¿Que lles compro...?