Bieito Iglesias
Con horror e incredulidade reaccionei ó enterarme que algún dos meus amigos, grandes lectores e persoas con espírito crítico, non coñecían a Bieito Iglesias e a súa obra. Algo lamentable xa que na miña opinión é a pluma máis velenosa e lixeira desta parte do Oeste Peninsular. Déixovos con unha das súas columnas publicada no 2003:
Sondaxes
Visitei a un familiar no hospital e alí fálase de cateterismo, palabra fea de raio, case tan indecorosa como candidato. Os doentes libran pero os demais non saímos da tenda de campaña. O PSOE seica fai sondaxes diarias en Santiago e constata: 1) que na faixa de idade superior aos 65 preocúpanse da Seguranza (aquí apenas matan ou rouban, a crónica de sucesos morre de risa) e votan polo PP. 2) que a mocidade é, enboa dose, abstencionista. O 20,2% dos galegos ten unha longa restra de 64 tacos máis os que andou a gatas, de modo que boten contas. Certa parte da nosa populación considera qeu, tralas manifestaciós contra o chapapote e a guerra, vivimos xornadas de especial trascendencia histórica. Outro continxente non pequeno coincide na singular importancia do momento presente, porque en calquera baptizo de aldea se comen pasteis sen taxa e porque os alcaides da direita logo che regalan dous camiós de area pra tapar fochancas, cunha farola de propina.Chea de razós, a cidadanía gábase e queda coronando. Figuramos entre os pobos máis felices da Terra, cun índice ridículo de accidentes cardíacos e un apego notable ao subsidio de vellice. O subsidio é -non a lingua como pensaba Cabanillas- o noso escudo, o facho que nos guía polos roteiros da Eternidade. Neste sentido, cabe consignar unha sombra en bailadela tan ditosa: a esperanza de vida dos varós, que queremos rebrincar por sempre engarramos nos 75 anos(con 83, as mulleres non teñen queixa). Como me dixo un señor de idade provecta: "Se non nos privamos de nada, pra qué finar." Adiviñen por quén vota.
A poucos minutos da presentación do seu libro que serva como homenaxe.