Saturday, September 23, 2006

Gordan decepción

Se crese no poder maléfico do Señor Torito pensaría que anulou as clases nos institutos porque:

a)Porque un neno llo pediu. Aínda non estaba adaptado á volta ao traballo e Tou, sabémolo por unha portada de Galicia Hoxe, gosta moito dos nenos.
b)Para facilitar a volta das vacacións e dar tema de conversa. "Mira que vento fai." "Pois non é tanto coma din.""Estes da Xunta".
c)Para que Galicia sexa portada dun informativo estatal. E para iso, como sabedes, é preciso unha catástrofe natural.
d)Coma parte da estratexia de Touriño, excomunista, para crear unha nova Cuba socialista.

Pero penso que as razóns reais son:

a)Que os políticos pasaron dunha deixadez absoluta cara este tipo de ameazas a unha paranoia profunda sempre na mesma dirección: cubrirse as costas.
b)Porque non houbo confianza no propio servizo meteorolóxico da Xunta, Meteogalicia, que restou importancia á ameaza. A Xunta decidiu facer caso a Antena3 e Telecinco e aos seus meteorólogos de medio paraugas que ilustraban a noticia con imaxes do Mich ou do Katrina.
c)A histeria colectiva e un estado ao que se deixan arrastrar os políticos populistas e seguidistas. Desgraciadamente todos e cada un dos partidos entran máis neste xogo.

Tuesday, September 19, 2006

A morte da socialdemocracia sueca

non Con este post, que ben podía dar nome a unha canción de Nacho Vegas ou de Los Nikkis, certifico a derrota que non a morte da socialdemocracia sueca nas eleccións do domingo. Algúns ven o ideal e outros ao demo na maneira de entender o estado do benestar por parte destes rubios excéntricos de longas pernas e que tanto trastornaron, en versión feminina, a Alfredo Landa e aos seus garrulos sesenteiros.

Agora veñen os tártaros... ¿Acabarán co paraíso na terra? ¿Reformarán ata deixar irrecoñecible ese inferno no que todo o mundo ten as mesmas oportunidades no plano educativo e sanitario e se non teñen traballo danlles un salario? Posiblemente non porque a poboación ten unhas expectativas altas na acción dos seus gobernantes, así coma unha alta formación e unha estrutura difícil de desartellar. Así que ata é posible que logren atallar algún dos seus excesos e mellorar o sistema. A distancia, de todos os xeitos, tamén foi escasa. O malo é que no noso país vimos do franquismo e iso lastra o noso estado de benestar e, por ende, a nosa democracia, como explica moi ben este libro.

Sempre crin máis nas revolucións tranquilas e invisibles. Sempre pensei no sorprendemete rápido que se pasou do voto censitario ao voto universal, ou do monopolio moral da igrexa á píldora anticonceptiva. Non creo que esta sexa unha derrota para a humanidade, coma o meu ego pesimista me pode facer crer, senón unha maneira de coller impulso.

Friday, September 15, 2006

A sangue frio (Vida de can )

Un home que lle pega a un can ocupa un, bastante valioso en termos económicos, espazo de tempo nun medio informativo nacional. Esta información recibe un tratamento privilexiado nunha televisión de alcance nacional- ou estatal se colledes a autovía nacionalista- polo que a autonómica-ou nacional- fai o propio.

A gran difusión do feito fai que gran parte da poboación de Aguiño, coñecido por ser berce de diplomáticos e pacificadores ao igual que outras poboacións galega coma Cangas, vaia aos xulgados clamando xustiza... Non para o suposto mal veciño, o que dá cun pao, senón para o verdadeiro mal veciño, o que denuncia torturas a un animal indefenso.

As señoras berran polo xulgado "Non tivo un problema cun veciño en 35 anos","se o can lle comía as galiñas tiña que darlle para que aprendera, que non fora a morderlle ao neto". E denuncian ao chivato, ao delator que busca o escarnio público a pagou a súa pena, "e non se entende que se remova o tema se non é por intereses do veterinario. Se quere aos animais, cómo en vez de gravar non intentou salvalo». O veterinario e a súa muller saen escoltados pola policía local.

Hai un dito no xornalismo que di que se un can morde a un home non é noticia, pero se o home morde ao can si. Habería que engadir, coletilla da era audiovisual, sempre que teñas as imaxes e , coletilla da era internet, se ten calidade para aparecer en YouTube. Cans, mulleres, nenos e estranxeiros son maltratados continuamente por cidadáns de toda condición social e cultural ao longo e ancho do universo coñecido. Unha caste de deporte universal.

Si, señora, hai que educar ao can para que non vaia ás galiñas nin ao neto. Pero se se ten que aplicar tan a fondo para aprenderlle ao animal e que o dono exerce peor de dono que o can de mascota. Recoñézao señora, e recoñeza tamén que o que di do can dise moito das mulleres ("algo faría"), dos nenos ("ten que aprender") e dos estranxeiros ("nos íamos traballar e non a roubar").

Non sei se en Aguiño len vostede a Koetzee, tranquila porque moitos contertulios de Sánchez Dragó tampouco, porque debo confesarlle que a lectura de Elizabeth Costello porque este libro fíxome reflexionar sobre se o respectar a todas as criaturas vivas non é un paso máis adiante coma especie. Un acto de xenerosidade desinteresada e sincera que só poden ter os máis grandes. Os máis baixos escalafón do mundo animal están exonerados diso.

Admito que me custa sentir empatía polos animais. Que este video, e outros peores, non causan en min máis desacougo ca un artigo de Jiménez Losantos. Tamén descoñezo se o maltratador en cuestión, ao igual que moitos dos criminais nazis, é unha bellísima persoa. Quizais non importe demasiado. Seguramente só se trate dun individuo que se move polas leis dunha sociedade, a galega, na que baterlle ao can, queimar o monte, contaminar o río, non traballar nun posto de funcionario público, mentirlle aos da cota láctea ou aos de facenda, ser rico sen ter as letras básicas, colocar a familiares en postos que pagamos todos e facer da chafallada un arte son pecados veniais.

Thursday, September 07, 2006

Peloteo a un compañeiro da blogosfera

Debo recoñecer que me encanta a Caixa de Xastre do Mendinho. Paréceme un blog necesario e refrescante por moitos motivos.

Un porque está feito por un profesional dun campo que se prodiga pouco pola blogosfera coma o dos enxeñeiros. Haiche moito xornalista, profesor de galego e estudante e as experiencias e referencias comézanse a repetir e aburrir.

Segundo porque sempre propón temas salientables e reflexiona de maneira intelixente, sintética, deixando aberta unha porta ao debate constructivo e introspectivo sobre Galicia e o mundo na sociedade da información e nun contexto globalizado.

Terceiro porque estou canso de blogs, coma Nada que dicir por exemplo, que son o espello da personalidade narcisista e adolescente do seu autor. Creo que o futuro do blog pasa por autores que den pola súa profesión, coñecemento ou experiencia vital un valor engadido ao seu espazo con contidos centrados en áreas temáticas. Basta de diarios de instituto, por favor.

Así que, Xosé Manuel, non escribas un vergoñento comentario de agradecemento e segue co teu traballo que o estás a facer moi ben a pesar da curta vida do teu blog.

Wednesday, September 06, 2006

Non fagades caso rapaces

Sinto ser impopular, porque non é algo que me agrade, pero a selección española de baloncesto, a pesar do seu brillante papel, non é merecedora do Premio Príncipe de Asturias.

Ou si.

O Premio Príncipe de Asturias está cuberto de merda dende que llo dan a Alonsitos e se guían polo impacto mediático do galardón e non por facelo máis prestixoso ano a ano premiando a grandes deportistas con traxectorias brillantes. Como mostra algúns dos candidatos: Nadal (20 anos)- Federer (25 anos), Isinbayeva (na plenitude da súa carreira)ou o chinés Liu Xang. De feito a selección é unha incorporación de última hora.

O grandísimo campeonato realizado, a súa simpatía e espírito de equipo e as comporacións odiosas con outros deportes non os fan merecedores dun galardón que pretende (ja) rivalizar con Nobel. Cada catro anos hai un campeón do mundo de baloncesto e a memoria dos éxitos deportivos é de curta duración. Por iso temo que tanto eloxio, rapaces do basket, son sempre inmerecidos a pesar de que a vosa calidade deportiva está fóra de dúbida. Que non vos pase coma aos de fútbol e seguide loitando por mellorar e desfrutar na cancha que é, en definitiva, o que podedes aportar á sociedade. Non fagades caso deses que hai un mes non sabíades quen erades e nin sequera se dignan a ir aos pabillóns a entregarvos as copas.

Tuesday, September 05, 2006

Adeus Cidade Malota

Rompo a miña promesa de non falar de min para facer un anuncio público. O vindeiro mércores comezarei unha nova etapa profesional o que implicará a fin das miñas visitas semanais á Cidade Olívica ou, máis propiamente, Cidade Malota.

Non coñecín demasiado Vigo porque o meu rutinario itinerario(estación de tren-taxi ao lugar de traballo-taxi de volta-estación de tren) non mo premitía . As visitas virxiliadas por Elric ou Mona foron de máis axuda.

O que un exército de urbanistas non conseguirá nunca será definir as cidades. Estas nútrense do espírito dos seus habitantes e Vigo é vital, dinámica, ruda e narcisista á par que acomplexada. Quizais o sitio de tolos onde traballei non poda ser unha xusta representación da cidade. Se buscase unha ligazón entre os habitantes e a cidade diría que é dura e implacable na superficie e amable e viva no seu interior.

Os melancólicos botamos de menos ata as bágoas. As miñas mellores condicións laborais non evitarán que estrañe a brisa mariña do porte e o comportamento kamikaze dos seus automobilistas. Despídome cunha frase do meu ex-xefe que creo que é reveladora do espírito vigués: Eu creo que é bo tentar facer cousas estimulantes aínda que pareza imposible a súa realización porque ás veces, incluso, saen ben.

Sunday, September 03, 2006

Médicos

A profesión de médico, que non doutor, é a máis valorada en España segundo unha recente enquisa á que xa fixen referenza. Lóxico se temos en conta que son os gardiáns da nosa saúde, o primeiro na vida e só precedido polos comezos, e que as súas contas correntes son avultadas.

Confeso que quedei fascinado con dúas entrevistas a sendos médicos-de-prestixo-escribe-libros: Eduard Estivil, autor de Duérmete niño e Valentín Fuster, La ciencia de la salud . O primeiro fíxome prantexarme se me tomara algunha vez en serio a miña saúde e comprendín a importancia de durmir ben. O segundo é simplemente un ser fascinante. Ten unha presenza propia dun sabio e impresionoume o seguinte diálogo entre entrevistador e entrevistado:

Entrevistador-Vostede conseguiu que no Hospital Monte Sinaí na súa consulta se atendese por igual a membros da familia Rockefeller e a xente humilde do barrio de Harlem.
Entrevistado (con absoluta seguridade)- ¿E acaso non debe ser así?
Entrevistador- Si, supoño que si, ao que me refería e que debeu ser excepcionalmente difícil conseguilo nunha sociedade tan clasista como a norteamericana.
Entrevistado (cun pequeno sorriso)-Si así foi pero esa conquista significa para min moito máis que todos os meus logros coma investigador.

Os dous médicos entrevistados resultaban incriblemente cercanos, cun poder de comunicación fóra de dúbida e deixando as pegadas propias de mentes preclaras e vontades de ferro que levan as grandes conquistas. Non creo que haxa moitos escritores e artistas con estas cualidades.

Ídolos de maiores e pequenos

Os médicos son os heroes de toda a familia. Os pequenos adoran todo o seu arsenal de obxectos cortantes e batas brancas (¿por que raios non quererán ser carniceiros?), a xuventude envexa as súas contas correntes e o seu prestixo social, os maiores só queren ter un fillo/neto médico para que diagnostique todo tipo de enfermidades ao clan familiar.

E está House... Aínda que neste caso non se trata dunha serie sobre a mediciña senón sobre a ética persoal enfrontada á profesional, a mentira, a soidade e a morte. E Urxencias, Hospital Central (se realmente é unha serie sobre médicos), e Anatomía de Grey e tantas outras.

Isto non foi así sempre. En épocas pretéritas o exercicio da mediciña era unha profesión de segunda composta por "matasáns" e maleantes. O avance da ciencia, con investigacións coma a de Valentín Fuster, trouxo consigo ese cambio de estatus. Admiro o sacrificio dos estudiantes de mediciña e creo que é xusto que recollan un certo recoñecemento social e económico. Sen embargo outras profesións con carreiras máis fáciles coma maxisterio parécenme de maior importancia porque crean e producen individuos que xestionarán o futuro da sociedade.

A mediciña permite gañar en benestar e prorrogar a vida pero non trae o pan a casa nin dá cartos senón custes, e moitos. É necesario que outros profesionais de menos prestixo sufraguen esas contas. Profesionais que non gozan do visto e prace da sociedade que si teñen avogados, médicos e funcionarios. Por suposto non culpo aos médicos deste estigma social. Cúlponos a todos.