Sunday, November 11, 2007

8 Cancións que suman e non restan

En resposta (represalia?) ao Meme de Elianinha e como homenaxe á súa egrexia figura e pola súa extraordinaria memoria que lle permite non esquecerse de min, darei conta do seu meme con oito cancións que suman e non restan na miña vida.

Teenage Riot-Sonic Youth

Canción con propiedades curativas. Estaba coa espalda tronzada pola dor de tres días de Santirock de pé e botando (novo e inexperto xa sabedes) cando ao son desta melodía rebelde e despreocupada comecei a choutar como cabra tola que son. A seguinte semana tivena que pasar case na cama.



Devil´s Haircut-Beck

Seguramente a canción máis escoitada por min, un tipo, xa de seu, afeito a teimar unha e outra vez na mesma melodía. Unha canción sobre a paranoia e un mundo ameazante co que me sinto ben identificado.



In between days-The Cure

Robert Smith, o home de negro que leva pendurada a palabra SI, compuxo a canción que eu asocio a un dos períodos máis felices da miña vida.



Don´t you forget about me-Simple Minds

Nunca me gustou moito a épica nin a dos gañadores nin a dos perdedores. Si son un fan irredento das películas dos 80 dos sábados pola tarde en TVE. Desta contradición nace o meu apego por un tema dos escoceses Simple Minds, moi do gusto tamén de Baltariño.



Everybody Knows-Leonard Cohen

Pode que ninguén suba tan alto como Leonard Cohen cando, como Bono en The Fly, ispe o cinismo dos sabechóns cínicos á procura de autoxustificación. Un tema moi axeitado para os galegos e para sentirse, por uns cinco minutos, cuberto ante calquera perigo.



Flaca-Andrés Calamaro

Hai cancións que evocan situacións. Flaca de Calamaro traeme ao maxín unha mañá de sábado coa cidade a espertar, un sol brillante que non quenta e que clausura unha noite gloriosa. Unha volta moi tranquila ao fogar.



Fell in love with a girl-The White Stripes

O contido axústase á perfección ao continente. Unha boa canción para espertar polas mañás.



Volando Voy-Camarón/Kiko Veneno

Hai outra canción que reflicta mellor a alegría de vivir?




Paso este meme a
os non blogueiros Ex-En Antena/Ex-Ocioso suxeríndolle "8 películas que deberíamos abominar e non abominamos"; Zenón suxeríndolle "8 mentiras que aceptamos como verdade" e ao si Blogueiro Fravernero suxeríndolle ou ben "8 momentos de humor negro na historia" ou "8 momentos surrealistas da historia".

Tamén quero saber 8 cousas que non fagan chorar a La Mona, 8 momentos gloriosos do fútbol para Moiss, e oito cousas calquera que me queiran contar Heiddegger, Hendriks e Henrik Larsson. Se lles dá por aí.

Os que non teñan blog que poñan comentario neste post.

Labels: