Tuesday, March 27, 2007

Mundo confuso

En 1986 o grupo Genesis publicou unha canción chamada Land of confunsion sobre a situación política de aquel tempo polarizada polo que se deu chamar Guerra Fría e a disuasión nuclear. O video, o primeiro que vos ofrezo, acadou tal celebridade que a Wikipedia lle adica un apartado. Nel a través dos guiñois británicos Spittin Image seguramente ata a súa xusta medida e úsase e abúsase do humor disparatado introducindo dinosaurios e cabezas de monicreques de famosos que axudan a dar un ton macabro ao vídeo.



Recentemente puiden ver nunha canle de videos musicais unha versión desta canción realizada polo grupo Disturbed. Neste caso trátase dun filme de animación creado polo antigo debuxante de Spiderman e creador de Spawn Todd MacFarlane.



A canción é practicamente calcada, a versión de Disturbed máis metaleira e prescinde do meloso á par que odioso Phil Collins, pero os vídeos parten de perspectivas totalmente diferentes. No de Disturbed óptase por contarnos unha historia de superhéroes, de bos e malos realizándose acusacións moi directas (ao capital, aos presidentes das nacións máis importantes do mundo) e representando aos malos cunha clásica estética Nazi. O heroe é totalmente sinistro, non o invitaríamos a cear a casa a menos que el trouxese o viño, e a solución do conflito parece ser a rebelión armada.

No vídeo dos Genesis óptase por unha parodia na que todos os protagonistas son caricaturas de si mesmos. Tal como acontece no video de Disturbed faise un percorrido xeopolítico de aquel momento e introdúcense elementos surrealistas coma os dinosaurios, a cama-piscina chea de suor etc Non hai un enfrontamento violento, non aparecen as masas oprimidas e en todo o momento téndese a ridiculizar aos protagonistas ata o paroxismo final no que Reagan destrúe o mundo porque quería pulsar o botón de Nurse (enfermeira) na vez do de Nuke (bomba nuclear).

Monday, March 26, 2007

O curioso éxito dun can a medianoite


Un libro de culto (isto refírese normalmente a que os que falan del lérono ao contrario do que pasa coa meirande parte dos "bos libros") dos nosos días é El curioso incidente del perro a medianoche (na súa edición en español). Trátase das aventuras en primeira persoa dun neno autista con gran talento matemático que empeza coma unha novela de Sherlock Holmes e acaba sendo o que é, un relato iniciático dun rapaz no mundo dos adultos.

Se escribo agora "non teño nada en contra dos libros de éxito" os lectores espelidos, seguramente todos os que non estudiastes xornalismo, deduciredes que realmente SI teño algo en contra dos títulos que venden moitos exemplares cando non é certo. Creo que todo libro que supón un estímulo importante para un grupo grande de xente ten que ter os seus méritos. Ao xeito do protagonista, bastante cuadriculado, supoñemos, polo seu trastorno aquí van algunhas razóns polas que me gustou este libro:

  • A súa lectura é fácil e fluída.
  • As situacións son moi recoñecibles e facilmente trasladables a outros contextos.
  • Non hai artificios.
  • Non é maniqueo.
  • Non insiste ata facerche sangrar os ollos en dicirche que a vida é marabillosa a pesar de todo.
  • Ten algún rasgo de humor e orixinalidade que quedan gravados.
  • Ten tipografía grande ( á miña idade agradécese).
Agora van algunhas razóns polas que cro que lle gustou a outros lectores:

  • O protagonista é unha persoa especial, solitaria atrapada nun mundo gris e vulgar que non recoñece e premia o seu talento.
  • O protagonista sáese coa súa a través das súas habilidades especiais recordándonos, redundantemente, que EL É ESPECIAL.
  • Porque os capítulos están organizados en números primos. Un detalle de orixinalidade accesorio que é co que o autor dá moitas veces cor ás páxinas.
  • Outro xeito é usando debuxos, que están por todas partes.
  • Supoño que é bastante coherente que se o narrador é un autista, o libro teña unha estrutura tan dividida en capítulos estancos moitas veces alonxados do fío narrativo (son abundantes os capítulos de digresións científicos)
  • É un libro que fai algo moi dos nosos días: ensina a través da narración e do xogo. Os individuos con maior potencialidade de coñecemento da historia vivimos na paradoxa de que só podemos aprender sobre matemáticas ou astronomía porque negámonos a aprender doutra maneira que non sexa divertíndonos.
  • Como é fácil de imaxinar as contradicións e ambigüidades dun autista son moi limitadas e fáciles de comprender. Non vai escandalizar moralmente a ninguén.
Agora vou coas razóns polas que non me gustou desde o meu punto de vista persoal:

O protagonista paréceme un dos monstros máis arrepiantes que deu a literatura. Na contracapa do libro comparábase ao rapaz autista con Oliver Twist e Holden Caullfield (O gardián entre o centeo). De acordo co segundo en desacordo co primeiro.

Oliver Twist, era un gran libro de humor concebindo o humor coma a máis grande manifestación da literatura: unha crítica despiadada e grotesca que ademais entretén. A través dese neno podemos ver todas as contradicións dunha sociedade racista, clasista, violenta, hipócrita e inxusta. Sempre recordarei a naturalidade e a rexouba como conta que o seu pai lle pegaba en días alternos da semana.

Holden Caullfield trátase pola contra dun narcisista que entra en crise cando o seu desproporcionado ego narcisista choca cunha sociedade que lle impón regras e modelos de comportamentos nos que ten que reprimir. O seu autor acabou sendo espello do seu personaxe e o libro foi de cabeceira para moitos asasinos célebres coma o de John Lennon. É un modelo para calquera embiguista sen escrúpulos deste planeta: desde os neocon ata os artistas contemporáneos que estafan aos museos de arte contemporáneo.

Cristopher Boone, o protagonista, é un enxendro a efectos morais. Na vida real estaría máis que xustificada a súa misantropía, egoísmo e falta de escrúpulos polo seu trastorno. Sen embargo na novela búscase, como na maioría das novelas, continuamente unha identificación emocional co protagonista que a min, por momentos, resúltame espantosa por (outra lista):

  • É extremadamente individualista tanto que non soporta o contacto físico.
  • Di que non sabe contar mentiras pero pásase toda a novela mentindo e sempre no seu propio beneficio. A mentira é un instrumento da civilización extremadamente útil pero nunca xustificable para saírse un coa súa.
  • Todo ten que ser exacto, matemático e racional negando cousas coma as mentiras ou as figuras literarias. Enrócase nun mundo máis gris limitado na vez de intentar aceptar a realidade en toda a súa complexidade.
  • Manipula aos demais coas súas armas, especialmente aos seus pais, ata conseguir o que quere.

Poderíamos concluír que ao igual que Holden é un egoísta narcisista pechado no seu mundo que na vez de tentar a integración ou o cambio do exterior denuncia a maldade dos demais por non pregarse aos seus desexos. A min que queredes que vos diga, cando leo que Bush vai vetar ao Congreso por non querer mandar máis tropas ao congreso recórdame a el. É o produto dunha sociedade tan tremendamente individualista na que como consecuencia lóxica hai un feroz terror ao OUTRO. Que tanta xente se identifique cun personaxe así (e ao mesmo tempo ver o fácil que sería identificarse con alguén que non quere problemas cos demais e un universo máis simple) dáme bastante medo a verdade.

Friday, March 09, 2007

O pecado no ollo do que mira

A imaxe forma parte dunha campaña de promoción de Armani, a compañía de aquel que dixo que só os ricachos debían gobernar, que o Defensor do Menor considera incitadora ao turismo sexual.

Non sei se este parágrafo responde á habilidade das declaracións ou do xornalista pero o seu mérito é indubidable:

"Es un mensaje que juega al límite", ha advertido el Defensor, y ha incidido en la "poquita" ropa que visten las menores y al hecho de que presente en Europa dos niñas con rasgos orientales que no se corresponden con los rasgos de los niños europeos.

Suscita esta imaxe a lascivia dos pederastas? Non o sei, a miña non desde logo. Teño fotos na miña casa do meu irmán totalmente espido cando non chegaba ao ano de idade. Debo ser detido por pornógrafo?

Para que estas fotos non parezan inocentes hai que ter o pecado na mirada. E con isto non chamo depravados aos da Oficina do Defensor do Menor pero é a constatación de que comprendemos moito mellor ao verdugo e á víctima. Entendemos que o excita, o que lle gusta facer e por que fai o que fai porque compartimos con el as súas frustracións e porque levamos anos vendo a barrigudos cuarentóns ir da man por Tailandia con nenas de 13 anos.

De tanto ver estas imaxes, ler sobre o tema e revolvernos na inmundicia acabamos creando unha canle obscena con estas perversións que nos permite ter criterio á hora de definir o que excita a un pederasta.

O feito de que as dúas nenas teñan rasgos alonxados da tribu europea (iría este señor algunha vez a París ou Londres ou pasará os veráns na súa aldea de Guadalajara?) confirma que é turismo sexual. Supoño que, dado o seu traballo, xa terá traballado en evitar que as mulleres entren cada vez máis novas no círculo do mercado sexual e que estas teñan que afinar máis os seus corpos (anorexia) e o seu vestiario (dalgo vive armani) para atraer aos machos (metrosexuais, os ximnasios e cremas dan de comer a moita xente) e confirmar a súa emancipación feminina consistente, na práctica, na posibilidade de traballar fóra da casa e producir para o sistema. Supoño que ás nenas europeas presupónselles a virtude.


Supoño que a fascinación polo prohibido é unha condición sin ecuanum para ser un policía da moral e a saúde mental. Ou non están os seminarios cheos de pervertidos? Un censor que pasa oito horas do seu día pensando no censurable acaba vendo perversión por todas partes e no seu traballo non vai incluído reflexionar sobre as causas do prohibido.

Recentemente Dolce e Gabbana realizou unha campaña similar. A min paréceme un
desagradable hail ao capitalismo empregando a violencia e o corpo da muller. Ao autor do blog do enlace afirma que sólo veo una violación sexual múltiple de una mujer por parte de cinco individuos muy machotes ellos.

Por certo, en case todas as webs na que critican esta campaña e se amosan satisfeitos da súa retirada reproducen a imaxe.

Labels: