Tuesday, April 10, 2007

Existencia e (in)sistencia

No libro dun filósofo de moda atopo entre outras ideas estimulantes esta:

Para comprender este paradoxo, debemos ter en conta que o oposto á existencia non é a non existencia , senón a insistencia: o que non existe, continúa insistindo, tendendo á existencia (o primeiro en articular esta oposición, foi , por suposto, Schelling cando no seu Tratado sobre a liberdade humana, introduciu a distinción entre existencia e o fundamento da existencia). Cando perdemos unha oportunidade ética crucial, e non logramos facer ese xesto que o cambiaría todo a propia existencia do que debería ter feito atrápame para sempre: aínda que o que fixen non existe o seu espectro segue a insistir.

Ás veces creo que vivo nesa existencia e insistencia desde hai anos. Ata que se cumpre certa idade non se poden acumular o suficiente número de erros para considerar algún coma crítico. A maior parte do tempo son o suficientemente listo como para chamarme gilipollas a min mesmo.

Reconforta polo menos que o diñeiro que investimos en filósofos vale para algo de cando en vez. O próximo post prometo que será menos obsceno e máis banal.

Labels:

Friday, March 09, 2007

O pecado no ollo do que mira

A imaxe forma parte dunha campaña de promoción de Armani, a compañía de aquel que dixo que só os ricachos debían gobernar, que o Defensor do Menor considera incitadora ao turismo sexual.

Non sei se este parágrafo responde á habilidade das declaracións ou do xornalista pero o seu mérito é indubidable:

"Es un mensaje que juega al límite", ha advertido el Defensor, y ha incidido en la "poquita" ropa que visten las menores y al hecho de que presente en Europa dos niñas con rasgos orientales que no se corresponden con los rasgos de los niños europeos.

Suscita esta imaxe a lascivia dos pederastas? Non o sei, a miña non desde logo. Teño fotos na miña casa do meu irmán totalmente espido cando non chegaba ao ano de idade. Debo ser detido por pornógrafo?

Para que estas fotos non parezan inocentes hai que ter o pecado na mirada. E con isto non chamo depravados aos da Oficina do Defensor do Menor pero é a constatación de que comprendemos moito mellor ao verdugo e á víctima. Entendemos que o excita, o que lle gusta facer e por que fai o que fai porque compartimos con el as súas frustracións e porque levamos anos vendo a barrigudos cuarentóns ir da man por Tailandia con nenas de 13 anos.

De tanto ver estas imaxes, ler sobre o tema e revolvernos na inmundicia acabamos creando unha canle obscena con estas perversións que nos permite ter criterio á hora de definir o que excita a un pederasta.

O feito de que as dúas nenas teñan rasgos alonxados da tribu europea (iría este señor algunha vez a París ou Londres ou pasará os veráns na súa aldea de Guadalajara?) confirma que é turismo sexual. Supoño que, dado o seu traballo, xa terá traballado en evitar que as mulleres entren cada vez máis novas no círculo do mercado sexual e que estas teñan que afinar máis os seus corpos (anorexia) e o seu vestiario (dalgo vive armani) para atraer aos machos (metrosexuais, os ximnasios e cremas dan de comer a moita xente) e confirmar a súa emancipación feminina consistente, na práctica, na posibilidade de traballar fóra da casa e producir para o sistema. Supoño que ás nenas europeas presupónselles a virtude.


Supoño que a fascinación polo prohibido é unha condición sin ecuanum para ser un policía da moral e a saúde mental. Ou non están os seminarios cheos de pervertidos? Un censor que pasa oito horas do seu día pensando no censurable acaba vendo perversión por todas partes e no seu traballo non vai incluído reflexionar sobre as causas do prohibido.

Recentemente Dolce e Gabbana realizou unha campaña similar. A min paréceme un
desagradable hail ao capitalismo empregando a violencia e o corpo da muller. Ao autor do blog do enlace afirma que sólo veo una violación sexual múltiple de una mujer por parte de cinco individuos muy machotes ellos.

Por certo, en case todas as webs na que critican esta campaña e se amosan satisfeitos da súa retirada reproducen a imaxe.

Labels: