
Voume a comportar como unha vella cotilla ademais con prexuízos racistas. Cando vin por primeira vez á muller dos MacCann asusteime porque vin nela a viva imaxe da frialdade e do egoísmo e narcisismo postmoderno.
Non sei se me pasei. O que tento dicir é que esa imaxe (tópica) negativa dos anglosaxóns, especialmente británicos, estaba encarnada por unha nai que acababa de sofrer unha traxedia de dimensións, aínda hoxe, descoñecidas. Ningunha nai española, non culpable, tería esa expresión mentres o seu marido expoñía con precisión de cirurxán a súa terrible dor.
Que eu saiba en Portugal e en Gran Bretaña hai presunción de inocencia. Sen embargo se os MacCaan fosen os, poñamos por caso, os Coelho, un matrimonio portugués que veranea en Plymouth (a saber por que) o Sun e o Daily Mirror xa os terían pendurados dunha árbore.
A imaxe que ofrecen os medios non ingleses é que os pais de Madeleine son, dalgunha maneira, responsables da morte da súa filla e que montaron un enorme circo mediático para saír indemnes. Todo tipo de xente, rica-inglesa-famosa, está disposta a declarar que este, charming, matrimonio é inocente e todo se trata dunha manobra da policía dun país terceiromundista
para cubrir a súa incompetencia.
Os últimos rumores, non esquezamos que non son máis ca iso, apuntan a que tiraron o cadáver desde o iate dun amigo. Non sei se a vós vos produce a mesma náusea ver a toda esta xente rica e arrogante cubríndose as costas. O maior pecado para min desta sociedade formalmente democrática non é a desigualdade en si senón a
impunidade coa que actúan e a
diferenza de criterio.
A inxustiza reside no feito de que o saibamos todo sobre a biografía dos marines norteamericanos mortos en combate e nada sobre os seus opoñentes que caen nunha proporción moito maior. Ou en que haxa moreas de películas e videoxogos nos que as forzas norteamericanas rompen as leis internacionais para levar a morte fóra das súas fronteiras e se aparece unha soa web en Palestina ou Siria cunha temática similar se califique ao país enteiro como terrorista.
Se se proba a culpabilidade dos MacCann non haberá condenado que conte con menos solidariedade pola miña banda. Os privilexiados que contaron con todas as opcións do mundo e elixiron mal deben sufrir todo o peso da lei. Será esta unha das poucas veces que aconteza.
Labels: xente_despreciable