Wednesday, December 06, 2006

Deputación 2.0

Son Cacharro e Baltar os máis grandes precursores da Sociedade da Información en Galicia?Son estes dous homes os introdutores da Sociedade da Información no reino de Xil Ríos e Quintana? Véxovos escépticos así que aquí vai unha tradución da entrada "redes sociais" (é dicir, o concepto central que, unido ás tecnoloxías da información e da comunicación, ten coma resultado a sociedade da información) da Wikipedia en inglés:

Unha rede social é unha estrutura composta por nodos que son xeralmente individuos ou organizacións. Indica o xeito no que están conectados varias agrupacións sociais a través de relacións casuais ou fortes ligazóns familiares. (...) O tamaño máximo das redes sociais tende a ser sobre 150 persoas e a media de 124. (...)

A teoría das redes sociais ve as redes sociais en termos de nodos e ligazóns. Os nodos son os actores individuais dentro das redes, e as ligazóns son as relacións entre os actores. Pode haber moitos tipos de relacións entre os nodos. Na súa forma máis sinxela, unha redes social é un mapa de todas as ligazóns relevantes entre os nodos estudiados. A rede pode ser tamén usada para determinar o capital social dos actores individuais. (...)

O poder da redes social radica na súa diferencia dos estudos tradicionais da socioloxía, que asumen que os atributos de actores individuais- se eles son amigables ou non, listos ou parvos...- é o que importa. A teoría das redes sociais produce un punto de vista alternativo, onde os atributos dos actores individuais son menos importantes cas súas relacións e ligazóns con outros actores dentro da rede. Esta achega volveuse importante para explicar moitos fenómenos do mundo real pero deixa menos espazo para a actuación individual, as habilidades dos individuos para influír no seu éxito, porque gran parte depende da estrutura da súa rede.

Teóricos de recoñecido prestixio coma Manuel Castells apoianse nas redes sociais para definir o mundo de hoxe en día. Agora cambiade as palabras "Rede social" por (adependendo de se sodes Ianquis ou Confederados) "Deputación de Lugo" ou "Deputación de Ourense". Polo menos a estrutura do seu funcionamento é moi similar. O meirande político galego da contemporaneidade e o único que soubo conectar co pobo desde a súa mesma indiosincrasia (considero a Xosé Manuel Beiras un intelectual parisino) xa o explicou claramente: "o mundo fíxose ao redor dun cocido". Falo, claro está, de PP Cuiña.

El sempre defendeu o papel do cacique coma arbitro das pequenas redes sociais. Non teño dúbidas de que as redes que se crean nunha sociedade moderna, ou se queredes postmoderna (ou coma gostaría o señor Zerovacas, sociedade gafapasta) supera a estas primitivas redes sociais propias do noso país ou de Sicilia por cuestións de base. O papel paternal do cacique parte dunha inxustiza, ese papel outorgado pola tradición ou a forza que soe ser permanente, e por outra fomenta o inmobilismo e o conformismo ao haber condicións inxustas para a mobilidade social.

Confeso que comecei este artigo tendo por obxecto unicamente a sátira. Pero falo en serio cando digo que a nosa tradición minifundista pode axudarnos a movernos ben neste mundo máis descentralizado e composto por pequenos grupos que superan en parte a súa distancia física e social grazas a tecnoloxías facilmente accesibles. Sería preciso mudar moitas construcións mentais. Por exemplo deixar de ter coma obxectivo Madrid. Son da mesma opinión que Leonard Cohen: First we take and Mahattan, then we take Berlín. Debemos deixar de ser miserables de pensamento, obra e omisión e ir por obxectivos de maior callado para así confirmarnos con migallas (as da riqueza) máis saborosas.

Retiraranse Baltar e Cacharro coma asesores para a Web 2.0? Polo que vexo son dous candidatos idóneos.


Labels: , , , , , , , ,