Thursday, November 30, 2006

Suicidio

A entrada sobre o suicidio da Wikipedia en inglés descuberta por casualidade desenterrou o meu interese polo tema. Tamén me eirve de recordatorio de que aínda non colaborei a pesares de que xa me fixen usuario da Galipedia. Felicitalos de todas maneiras.

A entrada recolle por orde alfabética a famosos suicidas reais e ficticios e a algúns cadáveres cunha morte cuxa intencionalidade non puido ser identificada. Tamén,recoméndovos de veras a entrada, saen reflectidas notas de suicidio famosas, descricións clínicas sobre o tema, tipoloxías, asociacións relacionadas... Unha verdadeira fonte de coñecemento.

Como soe pasar con estas cousas da Sociedade da Información falo sen ter tempo de ler coa calma e a atención merecidas a entrada da Wikipedia. Seguramente, son testán ás veces, non cambiaría as miñas percepcións que teño sobre o acto do suicidio: morrer é un dereito tan inalienable, ou máis se cabe, coma morrer e constitúe tamén unha acción sumamente egoísta.

Eu, coma moitos outros adolescentes malcriados, egoístas e sen problemas de verdade, fantaseei con quitarme a vida por cousas que agora azóranme. Cos anos un adquire consciencia do que a morte é e perde ese arrouto adolescente. Un comeza a ter medo porque xa sabe do que fala. Por outra banda tamén decatámonos de que nós só somos unha parte da nosa existencia.

¿Ao final a vida dun a que pertence? Está claro que nós temos, cando menos, o 51% das accións pero non me atrevería a causar unha dor permanente aos meus pais, irmáns e a algúns amigos por moi difícil que estivese a cousa. Xa sei que despois de dado o paso o único que importa é canto van tardar os vermes en devorarte pero o noso entorno ten un cachiño de nós.

Tamén acepto, e creo unha obriga ética, entender a vontade dun enfermo terminal a morrer sen dor. E quen queira discutir isto que me explique por que si está aceptado sacrificar a un can ou a unha vaca e non a un ser humano.

Labels: , ,

Tuesday, November 28, 2006

Encántame escoitar como te vas


Creo que esta é a miña canción favorita do día. Especialmente pola frialdade e o desprezo co que di I love the sound when you walk away. Soa a liberación. Ogallá puidese dicilo así de serio con eses chalecos ridículos. Ai! Moitas veces un non sabe o que lle pode facer sentir ben a un.
PD: Preocúpame que case todos os vídeos que colguei son de Franz Ferdinand. Xa colgarei algún outro de Bertín Osborne.

Labels: ,

Sempre aos mellores

Un compañeiro de traballo vén de sofrer un pequeno susto ao ter o seu pai un amago de infarto. Este compañeiro, que ata ten nome de algo máis ca santo, é unha excelente persoa. Case a mellor que un se pode atopar polos campos do Señor. A reflexión en quente apuntaba ao inxusto que é que os mellores sufran. Pero os bos tipos sofren. Igual cós malos.

Se queredes consultar un libro sobre o tema creo que hai un por aí que se chama El Quijote. Tamén, falo de oídas e o meu audífono é gafapástico, Nazarín de Buñuel vai sobre ese mesmo tema: idealistas que ofrecen o ben á humanidade e esta devólvelles pauazos no lombo. A xente boa pásao mal. A xente mala tamén o pasa mal. Só a xente que o pasa ben o pasa ben. Seguramente desfruta do seu coñac na cima do mundo ou na terraza perante un solpor de verán. Ao mellor corren cun/cunha mulato/mulata(s) pola praia (en pelotas).

Visto así parece que dá un pouco igual. Quizais sexa así. Xa sabedes que o sol acabará por tragar o sistema ao que dá nome e que seguramente, salvo para os que cren con intensidade semellante en Cristo, os Reis Magos e Buda, non haxa máis vida ca que arde. Mirádeo así, se este compañeiro de traballo non axudara a facernos a vida mellor cada día seguramente a proximidade da morte dun ser querido resultaríanos totalmente indiferente. Existen diversos tipos de egoísmo como existen diferentes xeitos de deixar pegada na xente. Eu prefiro aferrarme ao que di que axudando aos demais axúdaste a ti mesmo na contra do que di que isto é un todos contra todos. Por certo, está mal que nos alegremos da morte de ninguén ¿non?

Os meus xefes teñen mala sorte comigo. Ao anterior morreulle o pai e a este estivo a piques. Espero que todo se trate dunha coincidencia. Ánimos dende aquí aínda que sei que non me vas ler.

Labels: , , , , , , , ,

Thursday, November 16, 2006

Perdón

O perdón é un concepto moi ligado á cultura xudeo-cristiana e aos ateos recalcitrantes dános un pouco de yuyu falar del. Débese perdoar aos que nos ofenden? Perdoar aos que non nos fan dano de verdade é doado. Igual que cando desculpamos sabendo que secuestramos á outra persoa co noso xesto, en concreto, altruísta.

Se vos parece que estou a falar coma un cura termade dos chapeus porque creo que os que perdoan teñen fe. Non nun monstro de espaguettis voador nin ningunha parvada máis elaborada con representacións en frescos da Capela Sixtina senón na xente. O problema vén cando a xente carente de conciencia de culpabilidade insiste en facernos mal de forma voluntaria ou involuntaria. Coma en tantas cousas nesta vida onde está o límite entre actuar correctamente ou ser parvo?

As alternativas máis claras, a vinganza ou o rancor non me convencen. A vinganza é unha ferida aberta que só se pecha cometendo un acto vingativo. Unha vez que se consegue só queda baleiro. O rancor é se cabe peor. Consiste en obsesionarse con alguén que non debería ter valor para nós.

Guindade os vosos tomates porque sempre admirei o perdón sincero e completo. Paréceme un xesto de verdadeiro amor, xenerosidade e humanidade. Algúns dirán que é un síntoma de debilidade. Eu creo que débil é o que non é capaz de elixir e anda pola vida prisioneiro de si mesmo.

Labels:

Sunday, November 12, 2006

Crime e Pokémon, Guerra e Pokeball


Pequena homenaxe conxunta a Nikolai Vasilievich Gogol, autor da famosa novela Taras Bulba e a Taras Bulba Saur (imaxe da esquerda), personaxe de Pokémon rebautizado por unha xornalista cunha enfermidade venérea. Non sei se preferides os debuxos animados xaponeses ou a literatura rusa. De todos os xeitos non importa porque podemos xuntalo. Algunhas ideas:

Alexei Vasilievich Pikachu é un rapaz introvertido, culto e nihilista de San Petersburgo (contribúe a esta situación que a súa única conversa consista en “Alexei Vasilievich PIKAAACHUUU”) que decide asasinar a sangue frío ao seu ruín adestraador Pokemon e ao seu malvado Pidgeotto coxo. Pikachu crese a si mesmo un ser superior, un Raichu, que pode transcender a moral máis sofre un horrendo tormento moral do que acabara por redimirse nun penal siberiano para Pokémon asasinos onde debe pasar 12 horas ao día recargando pilas. A entrega incondicional da súa amada, unha Abra de bo ver, (Xa sei que non pegan pero o amor é así) e o tempo farán que Pikachu poda reconciliarse consigo mesmo.

A historia de tres familias aristocráticas (os Charmander, os Squirtle e os Bulbasaur) en San Petersburgo (Tamén coñecida coma Cidade Azafrán) e Moscova (Cidade Lavanda) durante un certo período da historia de Rusia (ou Mundo Esmeralda) marcado por cambios sociais e as invasións de Napoleón coa axuda do Team Rocket. A novela sería tan estensa que se entramos máis en detalle caeríamos no risco de aburrir ou ser demasiado imprecisos.

Unha nai Bulbasaur e o seu fillo Charmander, despois dun matrimonio mestizo como podede facilmente deducir, viven na miseria nunha cidade perdida en Mundo Esmeralda (ou Rusia) na que a única posibilidade de saír adiante economicamente é traballar en terribles condicións nas fábricas dos adestradores Pokémon. Dado o acendido carácter de Charmander arma unha protesta e comeza a difundir entre os demais Pokémon cales son os seus dereitos. A contestaria criatura é introducida nunha pokeball. Finalmente será a súa nai quen tome o relevo.

E hai moitas máis obras que se poderían adaptar: un Blastoise ludópata ou o conflito entre unha pacífica familia de Psyducks é alterada polo carácter provocador dun Vulpix culto e arrogante... Sería sensacional misturar as palabras raras da literatura rusa coma Versta ou Mujik co vocabulario propio da serie coma Pokéball ou Pokédex.

Tal como conclúe o narrador no relato O nariz de Gogol:

¡Non o comprendo! Pero o máis estraño, o máis incomprensible é que os autores poidan elixir semellantes argumentos. Recoñezo que isto é totalmente inconcebible. É nada menos que... ¡Non, non! ¡Non comprendo nada en absoluto! En primeiro lugar, non é nada proveitoso para a patria; en segundo lugar... Pero se nin aínda en segundo lugar lle atopo utilidade algunha.

Non obstante a pesar de todo, aínda que admitamos o un e o outro e o terceiro pode incluso que... Pero ¿onde non existen as cousas absurdas?

Labels: , , , , , , , , , , , , , , ,