Wednesday, May 24, 2006

Aínda máis egocentrismo (que lle imos facer)

Gustaríame escribirvos algo enxeñoso, divertido ou que vos fixese reflexionar. Mais non vai ser o día. Como non teño nada que dicir só me queda venderme a min mesmo, como fai unha prostituta co seu corpo ou un xornalista coa súa integridade. O outro día unha amiga miña pasoume un test cunha serie de preguntas sobre min. Algún día farei unha entrevista a min mesmo pero espero que isto sirva para rirvos un pouco ou facervos reflexionar sobre se non sería mellor deixar de navegar e traballar na vez de ler estas patochadas. Aí vai:

.Que hora é?: 18:32h
1. Nome Completo: Por seguridade non o direi.
1. Alcumes: Joao, Juan, Suan, Paco, Jesús, Xoanciño do Cou-Cou, Xoan de Carreira e o peor de todos, e por ende máis popular, Xan.
2. Por quen te puxeron o teu nome ? Por un carteiro bohemio (lease putero) de Porto do Son que foi o meu padriño. El chamábase Juan e a miña nai por putear galeguizou o nome.
4.Signo Zodiacal: Piscis con ascendente Libra, mono no chino e casa no azteca.
5.Tatuaxes: Se non admitimos a cara, ningún.
6.Amaches tanto a alguén como para chorar: Se non fose así sería un desgraciado.
7.Estiveches nun choque de coches?: Algunha vez nas festas de Noia
9. O vaso medio cheo ou medio baleiro?: Aínda que está medio baleiro eu estou sempre a piques de afogar nel.
10.Color de ropa interior favorito: Un que non chame a atención
11. Numero favorito: 17
12.Color favorito: O das tardes do verán
13. Supersticioso: Só no futbolístico e cunhas botas negras que teño.
14. Tipo de música de preferencia: A boa.
16. Flor: Orquídea.
17. Cando foi a túa última visita ao hospital: Para ver ao meu tío que morreu ao ano seguinte.
18. Como te ves en dez anos:Máis gordo, máis calvo, máis frustrado, máis emparanoiado, máis inútil, máis pobre. En definitiva: sempre máis.
19.Que cambiarías de tu vida: Soio ser eu quen fallo... Pero partindo de que é imposible gustaríame ter máis estabilidade laboral e casa propia.
20.O primeiro que pensas cando te despertas: ¿Canto falta para o venres? Salvo na fin de semana que penso ¿Canto falta para o luns?
21.Que hai nas paredes da túa habitación?: Cousas que eu non puxen.
22.Nomea á persoa que tal vez non comente este post: Aquí
23.Nomea á persoa que seguro responde: Mona
24 Quen te gustaría que o respondese: O Choqueiro
25. Que lle dirías a alguén e non te atreves: Dame o teu patrimonio e suicidate ou Se a nai dos meus fillos e mantenme o resto da miña vida.
26.Deporte favorito: Os que practican outros.
27.Timido ou extrovertido: Sociable pero reservado.
29.Gústache leer: A miña postura sobre a lectura é a mesma que sobre o sexo.
30.Falas algún idioma: Galego non monolingüe inicial, castrapo, mal inglés (Alan if you are reading this you can confirm it), portugués de ir comprar toallas e francés de taberna.
31.Pasatempo libre favorito: Recriminarme o que non fago.
32.Praia ou montaña: Climas suaves.
33.Coleccionas algo: Frustracións, amigos, recordos, anécdotas chorras, rexeitamentos de curriculums por parte das adminstracións públicas...
34.Tes algunha fobia: Cascudas, non falo de Ronaldo pero si de Roberto Carlos, os irmáns Hierro, Raúl, Iván Ferreiro... Así a bote pronto...
35. Cando foi a última vez que choraches: Penso que pode facer xusto hai un ano pero cada vez choro menos.
36.Gústache a túa letra?: Cando a entenda direiche
37.O pan gústache con qué? Con pan (en serio)
38.Se foses outra persoa, serías o teu amigo? Difícil elección pero diría dous compañeiros de promoción en xornalismo: P.C. e M.L., o meu pai e, de poder elixir alguén famoso, Giovanni Van Bronckhorst.
39.Tes un diario de vida? O blog é algo polo estilo.
40.Es sarcástico?: Seguinte pregunta.
41.Saltarías en bungee (puenting)? Cando facer puenting significase a xuventude eterna encantado.
42.Cal é o teu cereal preferido? Smacks de kellogs.
43.Desabrochas os zapatos antes de sacalos? Habitualmente si.
44.Crees que eres fuerte? Non, pero en certas situacións si o son
45.O teu helado favorito? De fresa e nata e italiano.
46 ¿Canto calzas? 39-40
47.Roxo ou Rosa? Depende da Rosa que sexa
48.Qué é o que menos te gusta de ti? A falta de vontade
49.A quen estrañas moito? Ao meu primeiro amor.
51.Qué color de pantalóns e zapatos tes postos? Azul oscuro.
52.O último que comiches hoxe? Polo asado
53.Qué estás a escoitar neste momento? Metallica coa Sinfónica de San Francisco interpretando Of wolf and man.
54.A última persona coa que falaches por teléfono? A secretaria dun director xeral da xunta
55.Trago favorito? O zume de laranxa
56.Deporte favorito para ver por tv? Furbor
57.Comida favorita? As uvas moscatel
58.Película de terror ou final feliz? Nin unha nin outra
59.Última película que viches no cine e con quen? Spellbound e so
60.Día Favorito do ano? O 17 de maio.
61.Inverno ou verán? Mellor eses dous que a primavera ou o outono. Un verán moderado.
62.Bicos ou abrazos? Apertas.
63.Postre preferido? Tarta de mazá.
64.Onde é o máis lonxe que estiveches da túa casa? Berlín
65.Estiveches namorado algunha vez? Si
66.Arrepentiches algunha vez de algo? E quen non?
67.Color de ollos preferido: Verdes (si, son egocéntrico)
68.Nome de rapaz e de rapaza favorito: Giovanni e Patricia
69.Fumas? O dos demais.
70.Condóns de laranxa ou de limón? Declárome de kas laranxa pero os condóns insípidos por favor
71.Sexo con amor ou sexo con morbo? Con morbo non probar, sen amor non me gusta. (Se algunha me quere demostrar que estou equivocada que mo faga saber)
72.Usas algunha muletilla? Supoño que moitas. Dicídeme vós.
73. Tes algo pendiente por facer? Todo
74.Un momento especial na túa vida: Elaborar este post.
75.Es feliz? Non creo que me poda queixar.
76.Que hora é agora? 19:05

Tuesday, May 23, 2006

Esa xente tan intelixente que nos goberna

A raíz do caso da Deputación de Lugo (e non sei por que a todo dios tende mirar tamén á de Ourense) volven as opinións desfavorables cara os políticos: son todos iguais, están para que o están e non fan máis que roubar. Os homes públicos, as connotacións do público son sempre negativas, son calificados coma indignos de nos gobernar.

Probablemente unha cualidade que ninguén rexeitaría ter para si é a da intelixencia. Entre outros motivos porque a intelixencia vale para moitas cousas e así, con esta ferramenta, podemos tanto gañar unha partida de xadrez coma partir un coco sen usar (literalmente) a cabeza. Se se analizan polo miúdo todas as estratexias enrevesadas e a documentación que funcionarios e empresarios lugueses se pasaron por baixo da mesa atoparemos un labirinto de picaresco que a min mesmo, confeso, cústame entender. Leo os periódicos e non podo máis que marabillarme pola cantidade estrema de inxenio e atrevemento necesarios para realizar a delictiva obra. Só se me ocorre comparación posible co que pasa no fútbol italiano.

E se vós queredes ser intelixentes quereredes ter uns políticos acordes coa vosa categoría mental. Para min queda claro que o ben dunha sociedade provén das emocións que compartan os seus individuos e non da súa capacidade para desenvolver razón porque esta tende, inevitablemente, a tornarse absurda. Máis ética e menos deputacións. Así todos os funcionarios corruptos e familiares que montan empresas para roubar o diñeiro público non servirán de baluarte do sistema.

Sunday, May 21, 2006

Finlandia



A victoria de Finlandia no festival da canción de Eurovisión confirma unha verdade evidente que non pode ser expresada doutro xeito: os fineses son raros.

Vaite saber por qué pero á miña facultade acodían moitos destes nórdicos na procura de calor humano no profundo sur europeo. Así facíase inevitable contactar con algún despistado polos corredores. O que máis me impresiona dos finlandeses é que, por mor do seu idioma, non cambian a entonación da súa voz no máis mínimo. É igual que estean a ser torturados ou estean no medio dun orgasmo que a súa voz deslizarase monocorde polas súas gorxas. En concordancia coa súa voz está a súa cara de profundos ollos azuis inexpresivos.

Un pallaso arxentino contou que unha vez fixeron un espectáculo alá e o seu compañeiro deulle unha labazada, de broma enténdese, e que todo o público abandoou o local como protesta ante a violencia aí exhibida. Porque tómanse a vida en serio, algo que realmente, como cidadán provinte dun espazo social inxusto, corrupto que ama a improvisación, non podo entender.

Cóntame un amigo meu que os Finlandeses consideran aos Suecos uns extravagantes e que os de Suecia ven aos seus veciños coma uns brutos. Nos anos 50 era un dos países máis pobres da rexión e grazas ao seu aproveitamento intelixente dos seus recursos forestais lograron un certo nivel de vida. O diñeiro gañado investírono en crear empresas de telecomunicacións e agora son un exemplo de civilización cando a principios de século tratábase dunha tribo de bárbaros segundo os seus veciños. Hai comparanzas odiosas pero algúns exemplos moito máis.

Creo que escribo todas estas liñas co único motivo de deixarvos unha foto dos gañadores. Aí vai. De Eurovisión falaremos outro ano.

Saturday, May 20, 2006

Crónicas Messianas

Sei que moitos de vós levades tempo esperando a crónica por parte do comentarista coñecido como Leo Messi. A miña intención era publicala íntegramente pero o texto supera as 20 páxinas polo que resulta pouco práctico. Quizais o colgue nalgunha páxina pero a mellor idea é que quen queira recibir unha copia do documento, xentilmente editado por MSP, envíe un correo a kaspioto2@yahoo.com e enviareillo encantado.

Podemos afirmar sen temor a equivocarnos que o fútbol é un tema secundario. Ademais da crónica da final da champions hai varias crónicas inéditas, letras de cancións, fragmentos do Home sen atributos e as habituais peripecias do autor.

Lagoas de memoria

Hoxe tiven unha lagoa de memoria que, nos últimos tempos, falla máis da conta. Aterricei en Noia e cambiaran o pavemento por unhas horrendas lousas de granito gris que revisten moitos edificios das vilas galegas onde o terror urbanístico é o rei e a mediocridade estética de espírito a pauta a seguir. Pode que fose o impacto negativo o que me impediu recordar cal era a disposición anterior do chan da miña rúa. A ironía leva a que esquezamos as columnas mestras do lugar de onde vivimos, ou das nosas relacións sociais, ou da nosa situación económica e sentimental e permanezan eternos na nosa mente pequenos detalles e momentos superfluos flotando sempre sobre nós.

A memoria é unha teima que sobrepasa as fronteiras do parodiable no caso dalgúns escritores coma Nabokov, ao que venero pero pola súa artesanía e humor depravado, ou Proust, ao que confeso que non lin. Tamén anda por aí o director chinés Wong Kar Wai, ídolo gafapasta, que declara nunha entrevista: "O presente é inxusto porque un non pode competir coa memoria ou a imaxinación. Amamos o que non temos e non temos o que amamos. Neste mundo o final convértese en principio."

Sunday, May 14, 2006

Cousas pasan (cun epílogo sobre ortografía)

Cousas pasan (adicado aos que lles interesa cotillear sobre a miña vida ou a personaxes como a Mona que desfrutan recriminándome a miña falta de pudor) :

Convertinme no único traballador da institución na que traballo, emocioneime vendo como Gio acababa coas esperanzas do Celta de ir a Champions e, xa de paso, gañaba a liga; fun ao concerto dunha anglo-marroquina que movía ben o bandullo e (ATENCIÓN: políticamente incorrecto) os peitos rodeado de gafapastas calvorotas calados coma tumbas mentres o meu acompañante deixaba os intestinos en Capitol; entrei nunha festa de anarquistas sen pagar e non me atrevín a comer o seu queique polos ingredientes que puidese levar; cometín varias neglixencias no meu traballo; afeiteime, tiven un problema cun curmán esquizofrénico; a miña irmá veu a visitarme dende Alemaña, foi unha oportunidade única para pasear do brazo cunha rubia guapísima; descubrín que toda unha promoción de xornalismo comparte unha obsesión comigo; volvín a achegarme á que sería a miña esposa ideal na mesma discoteca á mesma hora (as 6 e media) e volveu a pasar de min; nunha acción paralela, o meu axente comercial (Leo Messi) negocia para que uns tratantes lugueses cumpran co asinado e me concedan a unha individua de 20 anos ben valorada polo meu axente; estiven cos meus compañeiros de piso nun botellón na casa dun antiguo futbolista da selección alemana sub-15 que debutou na UEFA co Hertha de Berlín, nesa casa vin coma unha persoa que disfruta vendo á xente vomitar (porque según el gústalle que a xente saque o que ten dentro) retiraba a pota do meu compañeiro de piso cunha culler da pileta; lin insistentemente o blog dunha persoa decepcionante en todos os sentidos e que cada vez me decepciona máis (¿E por que o fago?); leo os comics que El Duende me presta e disfrutei moito coa victoria do meu amigo Moisss; recuperei o contacto coa miña amija de Curtis-Cuenca gracias ao, bendito, messenger, falo por teléfone con Zenone; vivo unha segunda etapa leitora de Paul Auster; plantéxome aumentar os meus horizontes profesionais; vexo as mesmas persoas os venres e nos mesmos lugares; volvín ver a un anxo que traballou na fotocopiadora de Mazarelos e agora é camareira nun restaurante da Zona Vella; e, en definitiva, o tempo pasa.

Este post tamén serve para probar que non sei usar os puntos e comas.

Monday, May 01, 2006

Vexetais automatizados

Vexo horrorizado na mesiña de noite do meu pai o libro A laranxa mecánica de Anthony Burgess. ¿Horrorizado? A todos nos gustou a película e o libro aínda que a maioría, inclúome, non o limos supoñemos que será tamén bo.

O meu horror vén de que o meu pai poda disfrutar ou consumir un producto cun argumento tan perverso. De feito lembro que hai moitos anos a miña nai contara que saíra escandalizada do cine. A distancia excesiva deforma aos obxectos. Un entra no camiño da madurez cando descobre que os seus pais e irmáns maiores son vulgares humanos con vicios, penalidades e defectos inconfesables. A túa familia e mellores amigos son coma os demais. Son coma ti en definitiva. A liga de irmáns maiores do mundo seguimos mantendo inconscientemente que as nosas irmás, a pesar de ter tres ou catro fillos, seguen sendo virxinais e puras e nunca se emborracharaon nin lle mentiron a papá e a mamá. Por outra a Unión de Mamás de Eurasia xamais aceptará que o seu fillo sexa ese cafre que se anda a meter en líos nas discotecas de malotes e tuneros.

Como sabedes son o home das anécdotas e non me resisto a contarvos que a Anthony Burgess diagnosticáronlle con trintaetantos unha enfermidade que o mataría coma moito en dous anos. Daquela era un autor de pouco éxito e comezou unha frenética carreira literaria para deixar un patrimonio á súa familia. Os anos pasaron e acabou morrendo... uns trinta anos despois e grazas a iso deu en ser un escritor de sona.

Por outra parte os vexetais automatizados sempre tiveron unha importancia importante na miña vida. No ano 1996 quedei de accesit nun premio e publicaron a miña ópera prima O grelo mecánico que podedes coller na Biblioteca Xeral. Se tivese aquí un exemplar poríavos o primeiro parágrafo. Desgraciadamente non é así. ¿Algún voluntario?

Na noite que antecede ao día dos traballadores

Non hai día igual a outro. Aínda así teimamos en chamalos igual. Os 17 de maio sempre son 17 de maio e os 7 de xullo San Fermín. O tempo vai coma un río e os calendarios fixan as xornadas coma coios no medio do río. Recordo moi ben o día de hai xusto un ano. Tamén pasei todo o día so vendo a tele e acabei un libro (este ano Trama 22 o pasado ano un de Nicholson Baker. Volvín comer demasiado, nesta ocasión lasaña, a Real Sociedade volveu perder e tiven unha sensación (leve) de ter desperdiciado o tempo. Os acontecementos extraordinarios marcan os días en vermello no noso almanaque. Lembramos os fin de anos, os das festas patronais, o da nosa voda ou o da morte dun ser querido e comparamos un 25 de decembro coma outro coma un cego intenta comparar un cadro de Rubens cun de Miró. Non se pode, nin ten sentido.

A medianoite do 30 de abril do ano pasado será ben recordado por min pero xa é historia. Vendo todo o que pasou nos seguintes 365 días vivín por 10 anos. Advertiunos Einstein do relativo do universo.Pasaron tantas cousas, sobre todo boas,que as decepcións do pasado esmorecen e semellan ridículas. Hai un ano pasei unha noite moi feliz pero o máis importante son todas as que quedan por vir.