De mesmo xeito que todos disfrutamos da canción "Love is in the air" o 90% de nós seriamos incapaces, sen mirar en Internet, de determinar que o seu intérprete é John Paul Young. Fagamos, como tanto lle gusta facer aos nosos amigos da Rockdelux, unha pequena lista: Tasmin Archer, US3, Edwin Collins, Jann Hammer, Lipps Inc., Bow Wow Wow, Foreigner, Berlin, Boomtown Rats, The buggles,Right Said Fred, Fools Garden, Midi-Maxi-and-Efti e Soft Cell son artistas e grupos que compuxeron cancións celebradas por todos. Algunhas son hits coxunturais pero outras forman parte da memoria melómana e xeracional de individuos de todo o mundo. Sen embargo están destinadas a ser esa canción "que non sabemos de quen é pero que está moi ben".
Internet, panacea das preocupacións banais e as excentricidades, contén gran cantidade de páxinas adicadas ao tema.
Esta por exemplo. Formaron parte da banda sonora dun verán ou dun inverno e das súas correspondentes noites de cañas, viaxes en autobús urbano, iniciacións sexuais e musicais, reportaxes de crónica social e anuncios do corte Inglés.
Onte pasou polas miñas mans un libro de Gadamer sobre Estética e chamáme a atención a intelixencia, rigor e preocupación coa que este home reflexionaba sobre a función da arte e o seu papel na vida dun ser humano. E sorprendeume porque agora ninguén se preocupa do papel da arte (ou das industrias culturais) na sociedade. Asúmese que están aí para que as consuma a xente que esté disposta a pagar e así entreter. Encher

o baleiro do tempo.
Posiblemente só haxa dous tipos de artistas de música contemporánea. Aqueles que pasan a ser iconos e alimentan a fame de fieis dunha fe como no caso de Dylan, os Beatles, Elvis, The Clash, Led Zeppelin... e estes ídolos caducos de quita e pon que aplacan a permanente voracidade do público por fórmulas novas. Xente cos concertos e os discos contados.
Veume a cabeza o tema vendo a grande interese que o balonmano, un deporte ao fin e ao cabo minoritario, tivo esta fin de semana cando a selección de balonmano chegou ao final do europeo. O éxito leva a que actividades ou persoas en circunstancias normais (ou alguén se imaxina discutir durante a comida polas fichaxes do Portland San Antonio) nada interesantes pasen a ser o centro das discusións. Máis triste é incluso o papel dos atletas que entrenan de xeito solitario e con poucos medios co único obxectivo de ser durante un día, e nada máis ca un día, o protagonista absoluto da xornada. Productos de refugallo como a maior parte do que aspiramos a crear.
PD: Síntome especialmente orgulloso de elaborar este post sen empregar a manida frase de Andy Warhol dos 15 minutos. O fulano da foto é Gary Numan, un autor dun único hit recoñecible que me encanta: "Cars".